De dietas mediterráneas e outras bacterias

De dietas mediterráneas e outras bacterias

Aló polo ano 1985 o meu compañeiro de traballo, Xosé Ramón, andaba todo preocupado e preguntándose en voz alta, que pensaría de nosoutros a muller de Luís? Eu pregunteille porque dicía iso e el contestoume todo cheo de razón: porque pensará que cando o parvo do seu marido é o xefe, como serán os outros?

Lembreime desta conversa ao pensar no concepto que terán de nós polo mundo adiante ao ver aos nosos gobernantes; empezando pola mais alta institución do Estado, que nos dá tanto “prestixio” de mullereiro ou cazador e tanto desprestixio no resto; seguindo por esa cousa que fuma puros en Nova York e bótanos o fume en diferido; o amigo do muiñeiro que quixo fuxir da queima das fotos, seica caducadas, escapando para México a vender os nosos estaleiros e converter Galiza nunha mina de ouro a ceo aberto para os de afora; ou os dirixentes de UPN e PSN, que despois de levar a Caixa de Aforros de Navarra a ruína (como fixo Feijóo coa nosa) din que o fixeron polo ben do pobo, para o que traballaban desinteresadamente. Así non me estraña que nin a Merkel nin a famosa troika nos teñan ningún respecto.

Os probes, para incrementar algo os seus precarios soldos de presidentes, expresidentes, alcaldes e parlamentarios da comunidade de Nafarroa, Yolanda Barcína, Miguel Sanz, Enrique Maya, José Iribas, Ana Elizalde, Roberto Jiménez, e outros moitos, buscaron un modo legal de subvencionarse e para iso crearon unha Xunta de Entidades Fundadoras da CAN, un órgano asesor da caixa, na que se reunían varias veces ao día, ou na maña, dependendo das dietas que quixeran cobrar, facían dobres ou mais actas sen levantarse da mesa e cobraban tantas dietas como actas. O traballo que tiñan que facer non era asesorar, senón firmar os documentos elaborados por outros asesores e o prezo da reunión ían dos 89 euros por minuto que cobraba Miguel Sanz aos 57 que cobraban a Barcina e os demais membros da banda.

Segundo a Barcína (que non sei si ven de Bárcenas), esas dietas non eran solo por asistir as sesións, senón pola responsabilidade que se ía adquirindo durante todo o ano, unha forma de completar os soldos, pois naqueles tempos de vacas gordas seica até o albanel que colocaba os azulexos tiña mellor coche que os oficiais nos que viaxaban eles e ninguén se estrañaba porque daquela todo dios gañaba moito diñeiro. Aínda así, di a Barcina, moi comprensiva ela, que entende perfectamente a perplexidade dos cidadáns.

Pero claro, polo que se ve, non deberon ser moi dixestivas estas dietas, xa que, a pesar de que tanto Sanz como a Barcina dixeron que lles parecía que eran legais e creen que os cobros foron correctos, eles van devolver 39.000 e 65.500 euros e un reloxo respectivamente, porque entenden que o noso bo nome e o da nosa formación política a que representamos non pode quedar empanado, ou porque, como dixo Sanz, que algún día cobraba mais de 5.000 euros de dieta: O meu honor non pode estar salpicado de infamias e acusacións insidiosas. Algúns aforráronas facendo un gran esforzo de austeridade e comendo iogures caducados (cando aínda caducaban) como o Arias Cañete das vacas tolas, pero outros menos austeros seica non poden devolvelas porque, aínda que as veces pasarían sen comer, deberon de utilizalas para pagar a hipoteca.

Por iso eles, que entenden tanto de dietas e das vantaxes da dieta mediterránea; que a empresa privada é mais efectiva que a pública e dos bos xestores que son os “peperos” desa zona do levante peninsular, privatizaron os comedores dos hospitais de Osasunbidea (Instituto de Saúde Pública de Nafarroa) e contratáronllos a innovadora empresa Mediterránea de Cátering (MediCat) ligada ao PP Valenciano, que seica coa súa “liña fría” conseguiu servir os iogures (que agora non caducan, pero as fotos si) a 28 grados centígrados, xuntan o xantar coa merenda e a cena co almorzo, por non andar molestando aos enfermos catro veces ao día, que xa teñen dabondo os probes coas súas doenzas. Ademais, para aforrar en persoal, os pratos fréganse a medias, deixando restos da comida anterior, polo que tamén se gaña en combinación de sabores. Son os beneficios que ten esta modalidade de sanidade público-privada* que tamén quere impoñer a Xunta nos hospitais de Galiza. Desde logo que a dieta mais dixestiva non pode ser, pois ultimamente tamén dixo o sindicato LAB (xuro que non lle dei ao xarro) que apareceran bacterias fecais na comida que serven aos enfermos nos hospitais desa comunidade, porque MediCat seica leva “La salud en bandeja”, segundo afirma a propia empresa na súa páxina web, aínda que sería mais apropiado dicir que leva en bandexa outra cousa mais escatolóxica.

Así as cousas, non me estraña que pensen por aí adiante que “non somos ben do todo” ao votarlles unha e outra vez para que nos desgobernen deste xeito na vez de mandalos a Laponia, que é onde o presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, José Luís Feito, quería que buscaramos traballo, porque o capote da Virxe do Rocío xa non abonda para amañar a desfeita na que nos meteron nin para tapar tanta inmundicia.

Cando estaba enxergando este artigo chegoume a tráxica noticia da primeira vítima desta política criminal e xenocida que deixou morrer ao mozo senegalés Alpha Pam, por negarse a curarlle a súa tuberculoses nun centro mallorquino. Sen embargo agora, o exército de Rouco Varela e todos os herdeiros do nacional catolicismo culpables desta morte, sairán, con Gallardón de xeneral, a favor da vida e contra do aborto, porque xa dixo o Ministro do Interior: “o
aborto ten algo que ver con ETA, pero non demasiado”.