Cuba presente unha vez máis

Cuba presente unha vez máis

Nos pasados días dous feitos relevantes tiveron como protagonista ao povo cubano, un foi a demostración unha vez máis da inmensa humanidade que percorre as veas da revolución cubana, o outro a soidade do imperialismo diante da xusta reivindicación do povo cubano para que se poña fin ao bloqueo.

O pasado martes a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas votou unha resolución contra o bloqueo norteamericano a Cuba; unha vez máis, e van 23, a case totalidade dos estados que teñen presenza nas Nacións Unidas votaron a favor de levantar o bloqueo, foron 188 fronte á soidade dos Estados Unidos e Israel que foron os únicos que votaron en contra.

Hoxe hai catro anos que publiquei un artigo ao respecto do bloqueo imposto en outubro de 1960 e sobre a resistencia de Cuba, o que nel escribía está vixente e por tanto non me vou centrar agora nel de novo pero quero telo moi presente á hora de sinalar o outro feito relevante.

Moitas persoas ao meu redor empezaron a saber da existencia do virus do ébola ao saber do contaxio de dous relixiosos e unha enfermeira pese a que este brote de ébola leva matado desde a súa aparición a máis de 5000 persoas en África. Despois da morte dos relixiosos, do sacrificio do famoso can Excálibur e da recuperación paulatina da enfermeira as informacións sobre o ébola van sendo cada vez menos, desapareceron xa da primeira páxina e dos titulares e en poucos días ou semanas seguirán morrendo persoas en África pero nós xa non lembraremos a histeria provocada sobre un posíbel contaxio en calquera lugar da nosa vila ou cidade porque haberá quen se encargue de poñer outros temas no prime time.

Cuba, que sofre un criminal bloqueo desde hai 54 anos, non se deixa levar polas noticias de moda e xa en 1960 só cinco meses despois da entrada dos barbudos na Habana enviou unha primeira brigada humanitaria a axudar en Chile ás persoas afectadas por un terremoto, a revolución cubana é un exemplo para o mundo de solidariedade internacionalista e humanitarismo.

Hoxe Cuba é o estado que conta con maior presenza de persoal sanitario nos países africanos onde hai neste momento máis de 4000 colaborador@s dos que 2000 son persoal sanitario, e en concreto nos países afectados polo ébola ten xa máis 300 profesionais da saúde, un número superior á suma dos enviados polo resto de estados. E non queda aí a cousa, nesta semana celebrouse na Habana unha reunión internacional sobre a prevención e tratamento do ébola con presenza de 278 especialistas de 32 países.

Como estes dous feitos apenas tiveron cobertura nos medios de comunicación máis importantes propóñolles a aquelas persoas que sempre están criticando a Cuba que dediquen unha parte do seu tempo a reflexionar sobre o bloqueo e sobre a solidariedade deste pequeno país con outros moitos.