Crónica dun verán


Acendo a televisión e vexo a dous milicianos lucen pelo curto e longa barba, o seu aspecto delata que son deses que a maior parte da poboación española (termo consciente) non querería ter como veciños e menos en Morata de Tajuña. Os dous milicianos van armados cun kalashnikov e dende o alto dun Toyota celebran a entrada en Trípoli ao berro de "¡Allahu Akbar!". O comentarista resalta que a capital Libia foi liberada polos rebeldes. A seguinte nova ten que ver coa visita do Papa cristián a Madrid. Penso que a liberdade nunca se conquistou en nome de Deus.

Acendo a televisión e vexo á "Ben pagá", María Dolores de Cospedal, falando da "austeridade" e da reforma constitucional. O comentarista resalta o apoio do PPSOE á contra reforma. Miro o xornal, en español claro, as marcas de coches de luxo incrementaron as súas vendas. Penso para min que a austeridade pouco ten que ver co consumismo e coa ostentación irreverente das elites capitalistas.

Acendo a televisión e vexo o acto de "Rodiezmo", Guerra (o único Vicepresidente que tiña un irmán mais famoso que el, non o Conselleiro de Industria que ten as empresas deslocalizadas) xustifica sen vergoña a reforma constitucional. O comentarista resalta que non hai alternativa de esquerdas a esta crise económica. Na seguinte nova vexo ao undécimo líder local nacionalista galego que defende os pactos co PSOE no seu Concello:- "Hai que impedir que a dereita chegue ao Concello é preciso un pacto de esquerdas". Penso que o propio PSOE faia anos que renunciou ao termo "esquerda" polo de "progresismo" que sona mais "pijo" e moito antes renunciou ás políticas de esquerdas. Rosmo que chamar "esquerda" ao PSOE debería ser motivo de expulsión inmediata e sumarísima.

Acendo a televisión e vexo a Mariano Rajoy apuntando que as autonomías introducen diferenzas entre os cidadáns que son inadmisibles. O comentarista resalta con datos estatísticos os diferentes servizos que reciben os cidadáns duns territorios fronte a outros. Penso que os servizos que recibimos teñen que ver co modelo social que defende cada quen e do correspondente modelo de xestión. As desigualdades entre os cidadáns veñen dadas polo seu nivel de renda, o centralismo non é a receita igualitaria.

Estou a piques de renderme, deixo de mirar a televisión, cisco os xornais ao lixo e apago internet. Quen pode opoñerse á "liberdade", a "austeridade", a "igualdade"!!!. o sistema converteu conceptos revolucionarios en produtos publicitarios baleiros. O vermello pasou de ser a cor dos revolucionarios para travestirse no símbolo dun banco, o Santander, ou da Cocacola. Repóñome e penso: aquí non caben reformas, é precisa unha ruptura.