Colombia: Sobre o visíbel e o invisíbel

Colombia: Sobre o visíbel e o invisíbel
A raíz do caso "Orlando Zapata" unha grande lupa se fixou sobre Cuba e todos os medios de comunicación dedicaron horas da súa programación a falar sobre a violación dos dereitos humanos na illa, e os gobernos e os parlamentos, mesmo os concellos a iniciativa do PP foron pronunciándose sobre o caso. Alguén que no medio desta ofensiva mediática se lle ocorreu dar algún dato obxectivo, como fixo Guillermo Toledo ao comentar que se trataba dun delincuente común, foi linchado publicamente.

Non hai paraísos na terra e todos os procesos de emancipación están cheos de contradicións que deben ser postas ao descuberto e debatidas publicamente, mesmo recoñecendo as equivocacións e as responsabilidades de cada quen. Mais como nacionalistas, isto é, como demócratas non podemos consentir este ataque a un dos pobos que máis se destacou en tomar as rendas sobre o seu destino librándose da dominación estranxeira, e moito menos que se contrapoña como modelo rexional de "democracia" o dun protectorado dos EEUU como é Colombia que ven de celebrar as súas eleccións lexislativas.

O nacionalismo xurdiu na historia da humanidade cando se precisou un soporte ideolóxico que lexitimara un réxime de goberno baseado na autodeterminación dos pobos, isto é, a democracia. Sen soberanía non hai democracia. Esa é unha condición necesaria, aínda que non suficiente. A democracia aséntase tamén sobre outros dous fundamentos: os dereitos humanos e a igualdade de oportunidades.

Agora que en latinoamérica se están empezando a ensaiar novos modelos de democracia máis participativa, que profundiza neses tres eixes, resulta que se contrapón desde o imperio cunha definición deste sistema que ten como exemplo a Colombia e que vén de aplicarse de xeito contundente en Honduras a través dun golpe de Estado. É o modelo de democracia oficial que se tratou de impoñer pola forza tamén en Venezuela en abril de 2002. Un modelo que se caracteriza por gardar as formas baixo unha fachada branqueada polos medios de comunicación, mentres polos seus sumidoiros se deixa escorrer tanto a soberanía nacional, os dereitos humanos ou as conquistas sociais. Mais fóra deses círculos mediáticos de pensamento único e ausencia de espírito crítico hai experiencias de por o foco nas sombras que constitúen a auténtica verdade das cousas.

Recollemos aquí tres traballos que inciden nos tres aspectos anteriormente sinalados para acreditar nas bondades dunha "democracia" que senos pinta nos distintos medios como a única auténtica de América Latina.

,
O primeiro é un traballo de Gerard Ungerman, xornalista americano con formación militar, que xunto Audrey Brohy crearon Free Will Productions especializados en documentais críticos de investigación.

O documental narra como a maior parte da axuda entregada por E.U.A. aos militares baixo o chamado "Plan Colombia" foron destinadas a Pastrana, unilateralmente, e serviu para abortar o proceso de paz coa guerrilla das FARC (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia) provocando un incremento da violencia. Lévase máis de 30 anos de guerra contra a droga nos Andes, mais o caso é que aumentou por dúas a importación de cocaína nos EE.UU. A escalada de intervención yankee neste país vai a máis sen que iso supoña que se reduzan os problemas que din tratar de solucionar, senón ao contrario provocan un enquistamento da situación.

Neste traballo de 2003 atoparemos moitas entrevistas, incluíndo Noam Chomsky, Ramsey Clark, candidata presidencial colombiana Ingrid Betancourt (refén logo das FARC), E. U. MCS Paul Wellstone e John Conyers, funcionarios E.U. gobernador, un científico da WWF, moitos colombianos diferentes de todas as esferas da vida, incluíndo líderes da guerrilla. O obxectivo que declara Ungerman é botar luz sobre as complexas cuestións de tráfico de drogas e loita civil en Colombia.

,
Mais recentes son os traballos de Iñaki Alforja e Gregorio Subersiola. Un exemplo no contexto dos pobos do Estado Español de realizadores alternativos.

"9 de cada 10... sindicalistas asesinados no Mundo son colombianos", o documental dirixido por Iñaki Alforja, é presentado así: "Colombia, a esquina norte de América do Sur é -formalmente- unha democracia. O seu estado de dereito basease na independencia formal dos poderes públicos. No recoñecemento dun completo listadeo de dereitos individuais e colectivos na súa Constitución Política, complementada por leis e decretos que ratifican convenios e pactos internacionais polos dereitos humanos. Pero hai dúas colombias á vez: a de papel e areal.

Cun conflito social e militar de medio século de evolución, Colombia é hoxe o país que bate records de infamia polas violacións masivas e sistemáticas dos dereitos humanos a pesar de que o seu goberno é o segundo receptor mundial de axuda militar dos Estados Unidos e de destinar enormes cantidades de diñeiro público para fortalecer o aparato militar e de seguridade, ou tal vez por iso Colombia é:

- O país do mundo máis perigoso para a actividade sindical, con preto de 2.700 sindicalistas asasinados nos últimos 22 anos, máis de medio millar durante o actual goberno de Álvaro Uribe, o 98 % na impunidade.
- É o país do mundo con máis refuxiados internos. Máis de 4 millóns de persoas, a maioría campesiños, indíxenas e afrocolombianos, despoxados con violencia das súas pequenas propiedades.
- Un dos países do mundo con máis casos denunciados de ameazas de morte, desaparicións forzadas, torturas e detencións ilegais.
- Un dos países do mundo con máis execucións extraxudiciais, a pesar de ser abolicionista da pena de morte.
- Colombia é un dos países do mundo con maior índice de corrupción e impunidade do mundo. Un país de enormes riquezas en maus duns poucos que lle negan ao seu pobo alegre, acolledor, pluricultural e loitador unha segunda oportunidade sobre a terra.

,
Por último, "Sicarios do Capital", de Gregorio Subersiola ([email protected]) é presentado así polos seus realizadores: "En Colombia, os paramilitares masacran indíxenas, campesiños, sindicalistas ou militantes de esquerda con total impunidade. A 'democracia' colombiana superou o terror das sanguentas ditaduras que se impuxeron no continente americano. Que hai detrás da estratexia paramilitar? Unha caravana de activistas polos dereitos humanos recorreu no 2006 a zona de Antioquía para visibilizar e denunciar o que alí acontece. Unha viaxe chea de indicentes..."

Desde o "Terra e Tempo" quixemos dar a coñecer outras olladas para que se teña unha perspectiva máis ampla do que acontece no mundo e que explica porqué se ceban con saña todos os medios de comunicación contra Cuba mentres se mira para outro lado a alternativa que se presentan como solución para Cuba e toda Latinoamérica encarnada polo modelo colombiano, impedindo buscar aos estes pobos irmáns o seu propio camiño sen inxerencias nin explotación estranxeira.