Colombia: o paro dos "desadaptados sociais"

Colombia: o paro dos "desadaptados sociais"

É habitual que o servizo doméstico da xente «ben» en Colombia non comparta vaixela cos patróns da casa. Unhas clases altas que poden oscilar desde a que casou co fillo de Carolina de Mónaco até chegar as familias endogámicas recoñecíbeis polo apelido de «toda a vida».
A enquisa de calidade de vida, elaborada polo gobernamental Departamento Administrativo Nacional de Estadística (DANE), indica que xa en 2008 o índice de desigualdade chegara a 0,59, un dos máis altos senón o máis alto de Latinoamérica, a rexión máis desigual do mundo[1].
O inmobilismo político en Colombia tradúcese en gobernos hereditarios dunha oligarquía político-económica de costas ás necesidades do seu pobo, que ten como resultado non só a desigualdade social endémica, que o mesmo poder recoñece, senón as migracións en masa de colombianos (máis de 8 millóns no estranxeiro, dos que 3 están en Venezuela), no narcotráfico, na delincuencia común e na loita armada do pobo contra o poder.

A esta situación uniuse o agravante do papel que lle asignaron os Estados Unidos e a Unión Europea (UE) a Colombia, á súa oligarquía económico-política, como «gardiá» da zona e garante dos intereses económicos de ambos en Latinoamérica, ante a «ameaza» dunha verdadeira conformación dun bloque político-económico que defenda os intereses de Latinoamérica ante calquera outro bloque.

As políticas neoliberais de libre comercio, parte do rol de valedor de Estados Unidos e a UE na zona, empezaron na década dos 90 co presidente César Gaviria[2] e foron continuadas polos seus sucesores. Álvaro Uribe promocionou o Tratado de Libre Comercio que referendou o actual presidente Juan Manuel Santos. Esta é unha das políticas constantes da oligarquía colombiana, asegurando os ingresos sen restricións da produción agrícola subsidiada de Estados Unidos e as mercadorías que revende das súas maquilas en Asia. O resultado está en que o 10% dos colombianos se apropia de máis do 50% do ingreso.

Foi precisamente a entrada de produtos agrícolas subsidiados de Estados Unidos e da Unión Europea a causa do actual empobrecemento e ruína do sector agrario colombiano, que desembocou nunha exitosa e descomunal folga de varias semanas e un compromiso de mínimos do Goberno de Santos, que cualificou os labregos e a folga coma «una insignificante acción de desadaptados sociales, de jóvenes anarquizados, de vándalos y de protestas infiltradas».

As súas declaracións son un claro síntoma do desprezo do poder oligárquico ás clases desfavorecidas, que son un medio e non un fin do poder. Pero a intensidade da folga[3] e as marchas dos labregos, iniciadas o 19 de agosto, en Cundinamarca, Boyacá e Nariño, artelladas na Mesa de Interlocución Agropecuaria e Acuerdo Nacional (MIA), fixeron que o presidente Santos rectificara, polo menos ante o pobo..

Á triste realidade de ser o país de Latinoamérica con maiores desigualdades sociais únese a actual reconcentración da propiedade da terra, que é unha das máis altas de América Latina. Os labregos fixeron seis exixencias ao Goberno Nacional, para dar unha saída estrutural á crise do sector agropecuario e, particularmente, á situación que padecen os pequenos e medianos labregos[4].

Porén, o incumprimento reiterado dos acordos coas comunidades e organizacións rurais por parte do todos os gobernos pasados e presentes de Colombia, unido á entrada en vixencia dos tratados de libre comercio cos Estados Unidos e a Unión Europea, sustentan a incerteza e a suspicacia que xeran as promesas presidenciais.

Para empezar, o Goberno decretará restricións á importación actual e futura de produtos como patacas fresca e precocida conxelada, chícharos, cebola, feixón, tomate, leite en po e queixo dos países de Mercosur e a Comunidade Andina de Nacións, durante os próximos dous anos, pero as restricións, como vemos, están dirixidas aos Estados irmáns latinoamericanos e non precisamente aos que causaron a morte do agro colombiano e obrigan a importar o 50% dos alimentos consumidos en Colombia: Estados Unidos e a Unión Europea.

,
Conclusións


O inesperado éxito do PAN, polo menos coas desculpas do presidente Santos e o recoñecemento da mala situación dos labregos, deixa varias ensinanzas: a primeira é a necesidade de aglutinar todos eses sectores sociais descontentos que seguiron ao labrego, apoiando as súas exixencias contra o actual Estado neoliberal, e outra o nacemento dun movemento que pode chegar a converterse en político, que podería rachar con máis de 50 anos de ditadura oligárquica «democrática» e conseguir por fin a verdadeira recuperación da patria para millóns de colombianos.



[1]
Revista Semana, Bogotá, 12 de marzo de 2011. [2] Premiado máis tarde coa presidencia da OEA. [3] «O Paro Agrario Nacional (PAN) é unha desesperada medida para evitar a quebra. Ao PAN súmanse asociacións urbanas: o gremio de artesáns e o de zapateiros, sabotados por imitacións asiáticas dos seus produtos. Os transportistas protestan polo custo das peaxes. Hai mobilizacións en 25 departamentos, con máis de 50 cortes viarios. Aínda que o paro non é una rebelión da mocidade, uniuse o Movimiento Ampliado Nacional Estudiantil, con mozos de todos os sectores. Súmanse á protesta os profesionais discriminados polas transnacionais. Os mortos pasan da ducia. [4] Mentres a composición dos distintos gobernos colombianos é de brancos, ás comunidades labregas están conformadas por indíxenas e negros.