Cidadán presidente Trump

Cidadán presidente Trump

«Sabes? Estámonos preguntando en serio se o presidente de Estados Unidos sabe ler un libro!

-Jimmy Carter?...

-Si. Cres que sabe ler? Polo momento non deu probas diso».

Esta afirmación do escritor británico V.S. Naipaul, dirixida ao estadounidense Paul Theroux[i], sobre a capacidade intelectual dos presidentes estadounidenses é unha constante entre os europeos. Parten do suposto de que, cruzado o océano, as capacidades mentais van minguando e que gobernantes e gobernados adoecen dun substrato cultural que no caso dos europeos se dá por suposto por ter máis historia e ser o berce do que eles chaman «cultura».

Ningún europeo se pregunta se Putin, Cameron ou Merkel saben ler. Dáse por suposto que un presidente europeo sabe ler (ten cultura) e moito máis que calquera americano.

Porén, tanto a historia coma o presente desmenten esta afirmación. Nin a clase dirixente política europea demostra un nivel cultural superior á clase política americana (inclúo a de todo o continente americano) nin está demostrado que a posesión dese suposto substrato cultural sexa mellor para a gobernanza da cousa pública; como proba diso, non hai máis que botar un ollo ao pasado e ao presente.

A redución actual do éxito ou fracaso da gobernanza de acordo cos resultados económicos podería traernos o paradoxo de colocar a Donald Trump entre os mellores presidentes de Estados Unidos e, polo tanto, do mundo.

Os niveis record da bolsa de valores, a taxa do 3,7 % de desemprego en agosto de 2019, a máis baixa en 20 anos, a suba constante do produto interior bruto (PIB) e o índice de confianza do consumidor son unha labazada a todos aqueles que pretendían do presidente estadounidense devecer polas églogas ou pola literatura rusa.

Donald Trump tirou Estados Unidos do Acordo Transpacífico de Cooperación Económica (TPP) e reestrutura o Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN), sen contar coa chamada á «reciprocidade» que exixe ante o intercambio comercial mundial con Estados Unidos e que está poñendo de cabeza as normas do comercio mundial nun tira-puxa sen precedentes con China e un coitelo no pescozo á chamada «globalización» do comercio mundial.

Pero reducir o mandato de Trump aos seus evidentes logros económicos sería tan inxenuo como sinalalo co dedo por non ler ou pasar o día comendo hamburguesas e bebendo refrescos.

O certo é que o benestar do pobo estadounidense, e do europeo, está baseado no malestar de máis da metade da poboación do mundo. Os logros económicos estadounidenses tapan a miseria latinoamericana, africana e asiática sobre a que están construídos.

Era o mesmo V.S. Naipaul, gran coñecedor de África, quen respondía ante a pregunta do futuro dese continente que «África non ten futuro» e o mundo ten o futuro reducido ás relacións comerciais de «reciprocidade» que Estados Unidos quere impor para sanear as súas contas e seguir gobernando baixo o imperio dun contrato leonino.






[i] Paul Theroux. La sombra de Naipaul. Biografía de una amistad. Ediciones B, 2002.