China, xigante cos pes de barro?

China, xigante cos pes de barro?

A historia milenaria de China marcou fondamente a psicoloxía do seu pobo. Este vasto país padeceu ata o século XX continuas invasións, saqueos,fame e humillacións, por estar dotado dun poder débil, incapaz de defender a nación. As traumáticas experiencias sufridas xa son parte do ADN dos chinos, o que lles provoca unha aguda necesidade de contar cun Estado forte, para ben ou para mal, que sexa capaz de defender ao país das inxerencias e agresións externas. A Revolución comunista de 1949 fixo posíbel a construción dun Estado poderoso e soberano, aínda que cunha poboación sumida na miseria máis absoluta.

Desde 1978 co inicio da política de “reforma e apertura”, que foi concibida para dotarse dun aparello produtivo moderno, apropiándose das tecnoloxías capitalistas, China converteuse na fábrica principal do mundo capitalista, que aproveitou a súa forza de traballo barata procedente do rural. As multinacionais superexplotarona compartindo a extracción de mais-valia co Estado chino, co custo dunha grave degradación medio-ambiental. Este proceso industrializador fixo posíbel uns ingresos e un aforro multimillonario para o Estado chino a través do sector financeiro propiedade do Estado con control e dirección do gobernante Partido Comunista chino.

No argot oficial do “Socialismo con Características Chinas” , a construción económica do pais, coa “Reforma e Apertura”, desenvolveuse ata agora, para avanzar sen se afastar do camiño socialista, seguindo catro principios cardinais: 1º) Mantemento da preponderancia do sector público estatal, 2º) Dirección incuestionábel do Partido Comunista Chino, 3º) Asunción de tódolos aportamentos teóricas feitas nas distintas etapas da dirección do PCCh, con todas as súas contradicións, 4º) Defensa sistemática da Soberanía Nacional, afondando nas características chinas da Nación e do proceso, fronte as influenzas e inxerencias do exterior imperialista.

Na actualidade, China figura como a segunda economía do mundo, despois dos EEUU e leva camiño de ser a primeira. Hoxe, o Goberno chino estáse a pensar pasar dun modelo de crecemento baseado na exportación de manufacturas a Occidente a outro diferente e sustentábel orientado a demanda interna, para a elevación do benestar do conxunto do pobo. Este cambio necesita unha nova estrutura de produción e do aparello produtivo. Tamén precisa dunha ralentización do crecemento económico coherente co novo modelo, e pasar de taxas de crecemento do PIB de máis do 10% no pasado ata de menos do 5% no futuro. Todo isto, produce pánico e pesimismo no Occidente capitalista, xa que os seus investimentos obterán menos beneficios, coa súa repercusión negativa na economía globalizada que prevé unha baixada do PIB global, motivado ao grande peso actualmente da economía china. De aí as críticas e condenas occidentais ao Goberno chino.

Durante a permanencia deste modelo económico de crecemento, as multinacionais estranxeiras xogaron un papel fundamental. Pero noutro orden, no plano político e social, e a pesar da súa penetración, nunca conseguiron minar o sistema e o poder do Goberno chino coas actividades de todo orde, e as continuas presións para a privatización das finanzas e Bancos chinos, co envoltorio da eficiencia, da democracia e dos dereitos humanos; nin sometelo aos ditados do FMI. Tamén o número de millonarios privados chinos medrou moito, pero o patrimonio estatal moitisimo máis, co cal, a supremacía da propiedade estatal sobor da privada, mantense e incluso reforzase. Así, China posuíu a maior Reserva financeira estatal do mundo (3,71 trillóns de dólares), unha auténtica “arma nuclear monetaria” capaz de afundir ao Imperio estadounidense; pero tamén e un factor de inestabilidade insostíbel para a propia sociedade china. Todo resultaría máis sinxelo se fora de propiedade privada como en Occidente, daquela esta acumulación ao ser privada e capitalista non tería teito, malia que como contrapartida necesitara a expansión da miseria para as maiorías sociais. Mais en China a situación é distinta, e sen entrar en cualificacións ideolóxicas do estilo, serán galgos ou serán podengos? “a verdade está nos feitos” (seguindo o argot chinés), o Estado é con moita diferencia o propietario dominante, sendo o mesmo controlado polo PCCh.

A política do Goberno chinés logrou sacar da miseria, a costa de grandes sacrificios humanos, a totalidade da poboación desde 1978. e 700 millóns de chinos saíron da pobreza. Hoxe restan 70 millóns, subsistindo principalmente en desertos e áreas remotas de montaña. Estes datos foron verificados pola ONU. Agora preparanse para a erradicación total da pobreza no 2020, neste vasto territorio de 1400 millóns de habitantes, con un desenvolvemento sostíbel. Os avances neste terreo, son supervisados e recoñecidos pola ONU, como Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) para a erradicación da pobreza global , no que China lidera e contribúe , aportando un fondo inicial de 2000 millóns de dólares a aplicar pola Axencia creada na Cumbre de Desenvolvemento Sostíbel da ONU.

A causa motivadora do liderado chinés, é a realización do “Soño Chino” (un argot copiado dos ianquis) pero alternativo e vinculado a un entorno mundial pacífico. Unha sociedade integradora “modestamente acomodada”, o que en Occidente equivalería a clase media baixa, concibida como unha etapa transitoria máis, no desenvolvemento da especie humana cara a un futuro postcapitalista. En esencia a progresiva promoción da democracia e dos dereitos humanos para a totalidade da poboación, sen exclusións, e diferente do Occidente imperialista que os converte en privilexios exclusivos dunha elite minoritaria , con exclusión das maiorías sociais e os pobos oprimidos, ou cando non, co exterminio xenocida, seguindo a tradición eurocéntrica e da antiga democracia grega que só era para os cidadáns libres. Será posíbel o Soño Chino ? Ou, o xigante derrubarase antes?


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.