Cantos países islámicos estaban a pendurarse do fío da arañeira?

Cantos países islámicos estaban a pendurarse do fío da arañeira?

Unha vella canción infantil xogaba a propoñer unha relación, cada vez máis absurda e imposible, entre masa e resistencia invitando a pendurar un crecente número de elefantes, pendulándose, da feble textura dunha arañeira. Semellante matraca nos proporciona unha imaxe que non semella inadecuada para reflectir a dinámica creada no conxunto dos países árabes nos que, nestes días, se centra a atención informativa, aventurando acerca de cantas accións de masas terán que producirse para crebar a resistencia dunha trama trenzada entre o autoritarismo dos seus respectivos réximes políticos (invariantes dunha mesma praxe despótica) e as inxerencias duns organismos e gobernos internacionais que coidan teñen aínda algo que ensinar ao resto do mundo e moito máis que influenciar e manipular en función dos seus propios intereses. E o número delas non deixa de incrementarse sen, por elo, tronzar a resistencia dun entretecido tan sutil como flexible.

En todo caso, o que nos primeiros días se presentaba como unha protesta xeneralizada das vontades modernizadoras fronte ao imovilismo retrógrado dun Islam globalizante e globalizado devén, por efecto dos xogos de influencia e polas mesmas condicións concretas en cada caso, nun mosaico de respostas e propostas de solucións, irregular e variado, como expresión ben evidente dos perigos que encerran os reducionismos e simplificacións por moito que parezan favorecer a constatación de factores reguladores e xeneralizables.

Islam, Occidente e o choque de civilizacións

Unha visión, a dun Islam coherente e monolítico, nacida dun soño que mestura a identidade baseada nas crenzas relixiosas co mito da identidade política e que facilitou establecer a bipolaridade entre a Cristiandade e o Islam, arredor do proceso histórico que desenvolveu as chamadas Cruzadas, e, moito máis modernamente, entre Occidente e Oriente. Ámbalas dúas instrumentos dunha perspectiva que proporcionou as ferramentas ideolóxicas para unha reiterada política de confrontación ben aguda en diferentes momentos do proceso histórico, dende a chamada Idade Media á época contemporánea.

E que, ben recentemente, ten facilitado, despois do derrubamento das Torres Xemeas de Nova Iorque, as bases interpretativas dunha estratexia de terror antiterrorista a partir das hipóteses, que non teses, futuribles de Samuel P. Huntington visionario profeta moderno dun próximo choque de civilizacións no marco dunha reconfiguración do orden mundial. No que, partindo dunha proposta que buscaba superar a complexidade analítica das variables producida pola utilización dos estados como protagonistas colectivos e significativos dos procesos históricos, os substituía pola máis manexable categoría das civilizacións para poder chegar á conclusión de que a nova confrontación contemporánea, substituta da antítese capitalismo versus socialismo, se tería que producir entre o mundo occidental e o islámico.

Xeneralizando que algo queda

Postos a xeneralizar é ben sabido que os musulmáns, nun prodixio de precisión, identifican como cristiáns, nazarani, a católicos, ortodoxos, protestantes, nas súas múltiples e diversas variantes, sen contar os sirios, os armenios, os coptos ou os etíopes todos nunha mesma mestura. Da mesma maneira que para os occidentais os musulmáns forman unha unidade na que dificilmente distinguimos entre sunníes e shiítas, sen entrar a considerar para nada outras variantes internas entre as que resulta un exercicio imposible establecer as distincións entre sufíes, ismailitas, wahabíes ou, xa non digamos, xarichíes. Fora de toda distinción si se trata de eclesiásticos ou laicos, regulares ou seculares, membros das distintas ordes, congregacións ou confrarías; ou mergullados poderosos con desfavorecidos, sen clases nin clasificación algunha, membros todos dun mesmo e mesto conxunto unitario. E, por suposto, semellantes en carácteres dende Islandia a Nova Zelanda, no Reino Unido como en Sumatra.

Con claves explicativas tan afinadas e cunha pouca de sorte cáseque todo pode cadrar na consideración conxunta das dinámicas que hoxe están a inquedarnos e a suscitar a nosa curiosidade.

Monarquías e repúblicas, estados tradicionalistas e de corte laico se atopan sometidos a reclamacións de natureza semellante, artelladas en rede, con incertezas cáseque parellas cunha soa diferenza evidente ben fundamental: o carácter máis sanguinario e inxustificado das represións canto máis alonxados están eses réximes da órbita das potencias occidentais. Pois temos descuberto, non sen desconcerto, que os mortos en Exipto son menos dramáticos que en Siria, os de Arxelia non producen os mesmos cheiros que os de Marrocos senón máis, ou que un dos criterios para distinguir eficazmente na traxedia de Libia é o que permite diferenciar, a simple vista, as matanzas levadas a cabo polos partidarios de Gadafi como barbarie e as provocadas pola coalición internacional como efectos secundarios non desexados ou danos colaterais.

Canto maniqueísmo e canto artificio e falla de entendemento afinado que non deixaríamos de considerar sen acritude se non fose que o seu obxectivo é mistificar e confundir á opinión pública para agochar a unha precisa vontade política feita de cálculos e intereses.

As posibles vías de solución

Con todo, como as propostas de saída para cada unha das diferentes dinámicas teñen carácteres propios, eis teremos a proba certeira de que tódolos procesos son distintos entre si.

En dous casos, como os de Túnez e Exipto, se produce un forzado cambio político que parecera derivar en dúas variantes de acomodación garantidas polos respectivos exércitos. No primeiro, a partir de propostas máis modernas e renovadoras; no segundo, dando paso a unha transición que non parece provocar a corto prazo moito máis que un relevo de persoas.

Noutras circunstancias, como as que se desenvolven en Arxelia, en Siria, en Bahrein ou Yemen, semella que as tensións sociais se agudizan e incrementan as condicións de desestabilización sen que as ofertas de reforma e as concesións teñan eco nos sectores protagonistas das revoltas, producindo unha escalada da resposta represiva singularmente nos últimos exemplos. E cunha significación menos acusada na república yemení na que os trinta e tres anos de goberno do Presidente Alí Abdalá Saleh suscitan máis forte oposición que os máis de douscentos da dinastía al-Khalifa no emirato onde a feroz represión foi levada a cabo coa colaboración de militares procedentes de terceiros países, como Arabia Saudí e os Emiratos Árabes Unidos, nunha intervención inédita na que algúns analistas teñen visto unha advertencia á posible inxerencia na zona de terceiros países como Irán.

Nalgúns máis, e en diferentes graos e circunstancias, se destaca a proposta de ofrecementos de liberalización nos diferentes réximes, no que se interpreta como unha vontade de paralizar as protestas e darlles aos seus gobernos a posibilidade de liderar os procesos de cambio para, desta maneira, desnaturalizalos e conseguir a súa retardación. Tales serían as condicións de Xordania ou Marrocos. Con menos incidencia informativa no que ten que ver coa monarquía xordana e amplas repercusións internacionais a favor da iniciativa da dinastía alauita, esixida tanto como loubada polas potencias occidentais, quenes pechando os ollos á realidade económica, política e social de Marrocos parecen dispostas a entregarlle en bandexa a anexión do Sáhara Occidental como recompensa, contra todo dereito e lexitimidade.

Un só exemplo se sitúa como advertencia acerca dos perigos que encerra a protesta desbocada e sen sentido: a ameaza da guerra civil, eso sí, axeitadamente amañada polos estrategas nos laboratorios da coalición. É a situación de Libia.

Certamente... diferentes solucións para situacións diversas... Máis... canto hai en cada unha delas de influencia dos factores endóxenos e de condicionamento das variables externas?... E... quen garante que non se complique e internacionalice máis este desequilibrio?