Apuntamentos sobre a situación internacional (III): Trump falou sobre Cuba
Unha das interrogantes que restaban por desvelar ao respecto da actuación do presidente norteamericano Donald Trump en política internacional era o seu posicionamento diante de Cuba e dos acordos asinados a finais de 2014 entre os gobernos de ambos estados.
Esa interrogante desvelouse a medidos do pasado mes e o lugar escollido por Donald Trump para facelo non foi nin casual nin neutral. Escoller a cidade de Miami e un teatro que leva o nome dun dos contrarrevolucionarios que participaron na tentativa de invasión de Praia Girón para pronunciar o seu primeiro discurso sobre a cuestión cubana, é unha constatación de que a administración Trump non pretende avanzar no proceso de normalización das relacións entre Cuba e os EEUU, e por contra asume os posicionamentos dos sectores máis reaccionarios do exilio cubano.
O discurso de Trump recuperou a linguaxe belicista dos momentos de máis duro enfrontamento entre os EEUU e Cuba, con expresións do tipo "Non queremos dólares de estadounidenses para un negocio do réxime que explota aos cubanos”, "Non imos quedar calados diante do comunismo". E a cousa non quedou nun simple discurso para agradar á representación dos sectores de extrema dereita do exilio cubano que enchían o teatro, nese mesmo acto o presidente norteamericano asinou o chamado Memorando Presidencial de Seguridade Nacional sobre o Reforzamento da Política dos Estados unidos cara Cuba, un documento que paraliza de feito os pasos adiante que se estaban a dar desde hai un tempo para poder chegar a unha normalización de relacións diplomáticas, comerciais, culturais, etc... entre os dous estados.
O Memorando asinado por Donald Trump o 16 de xuño precisa de regulamentos específicos para definir a súa aplicación nos diferentes ámbitos pero o anunciado xa nos dá idea de cales son os obxectivos principais; compre destacar as restricións nas viaxes, no comercio e no establecemento de negocios con empresas públicas cubanas, excluíndose calquera tipo de relación económica coas empresas do Grupo de Administración Empresarial S.A.(GAESA). Pero mantense a posibilidade de establecer relacións económicas co sector chamado contapropista, que son as persoas que en Cuba traballan por conta propia en base a unha normativa aprobada en 2010.
Quen coñeza un pouco a realidade cubana sabe que GAESA é un grupo empresarial estatal vinculado ás Forzas Armadas Revolucionarias coñecido pola súa eficiencia e modernidade, grupo que ten unha forte presenza na economía do país e que ten servido de instrumento para experimentar e poñer en marcha posteriormente diversas reformas económicas. E en canto aos contapropistas hai que lembrar que a súa legalización provocou un forte debate na sociedade cubana ao supor un cambio moi importante, que abría segundo algúns críticos a posibilidade legal de que un sector da poboación debido a que traballaba por conta propia puidera enriquecerse.
Tendo en conta o anterior está claro que as medidas anunciadas por Trump buscan en primeiro lugar dificultar a actividade e o avance do sector empresarial estatal, poñendo trabas a calquera relación económica ou comercial co mesmo, tentando así que a planificación e os proxectos deseñados polo estado cubano no ámbito económico non se poidan desenvolver e isto repercuta negativamente nas condicións de vida da maioría dos cubanos e cubanas.
E en segundo lugar manter a posibilidade de relacións económicas cos contapropistas busca que este sector social adquira cada vez maior importancia e faga forza para mudar as cousas no país en función dos intereses da extrema-dereita de Miami e do imperialismo. Pero cando menos inicialmente este sector do que algúns chaman incipiente empresariado cubano está sendo o que mostra maior desconfianza e preocupación ao respecto dos efectos reais do Memorando, pois a restrición do turismo e os problemas económicos das empresas estatais cubanas derivados da aplicación das medidas anunciadas entenden que terían neles aos primeiros prexudicados.
Haberá que agardar aos novos movementos pero cando menos hoxe podemos dicir que en canto ás relacións Cuba-EEUU volvemos ao punto de partida, tras unha pequena paréntese na que Barack Obama tentou mudar a táctica para acadar o obxectivo de dobregar ao pobo cubano. Donald Trump recupera o discurso e as medidas aplicadas tradicionalmente por todas as administracións norteamericanas no seu obxectivo de derrotar a un pobo que defende a súa soberanía e o seu dereito a construír unha sociedade máis xusta.
Diante desta nova agresión imperialista debemos manternos firmes na solidariedade co pobo cubano e na denuncia do imperialismo norteamericano e dos seus cómplices, o bloqueo e a agresión a Cuba é un ataque a todas as persoas que defendemos o dereito dos nosos pobos a decidir sobre o futuro sen inxerencias.