América Latina (III), perigo para a paz en Colombia

América Latina (III), perigo para a paz en Colombia

No mes de marzo tiven ocasión de manter varias conversas con diversos dirixentes políticos da esquerda colombiana ao respecto do proceso negociador entre o goberno e as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo (FARC), que se celebran na capital cubana e buscan rematar cun conflito armado iniciado o 27 de maio de 1964 co primeiro enfrontamento armado entre tropas gobernamentais e un pequeno grupo de campesiños dirixidos por Manuel Marulanda Vélez na rexión de Marquetalia, un conflito que dura xa 51 anos.

Nesas conversas os meus interlocutores mostraban optimismo diante dos avances nas conversacións de paz e a mesma sensación de optimismo tiven ao escoitar as súas exposicións e ler as diversas comunicacións que presentaron no marco do Seminario Internacional organizado polo PT de México no que participabamos.

Pasaron menos de tres meses e hoxe a situación non é a mesma, o chamado proceso de paz colombiano estancouse e está pasando polo seu momento máis crítico desde o inicio das conversas en setembro de 2012; un momento crítico que a primeira vista pode resultar estraño se temos en conta que no que levamos de 2015 as outras dúas guerrillas existentes en Colombia, o Exercito de Liberación Nacional (ELN) e o Exército Popular de Liberación (EPL) teñen anunciado a súa disposición a iniciar tamén conversas de paz co goberno do presidente Juan Manuel Santos.

Nos medios de comunicación do sistema preséntase como causante desta crise a actuación dunha das frontes militares das FARC o pasado 15 de abril atacando a unha columna do exército colombiano e matando a dez militares, pero sendo real ese ataque o que non se nos di é que se tratou dunha acción defensiva fronte a un operativo militar que levaba tempo hostilizándoos, e tampouco se informa de que desde a declaración do alto o fogo unilateral de todas as accións ofensivas por parte das FARC en decembro pasado a resposta gobernamental e militar non foi parella senón que reduciron os bombardeos indiscriminados de zonas baixo control da guerrilla pero aumentaron as operacións en terra contra asentamentos das FARC e outro tipo de accións como asasinatos selectivos, incrementando ademais as actuacións represivas fronte ás mobilizacións campesiñas e populares pois desde desde hai medio século os poderes económicos e políticos colombianos consideran calquera tipo de reivindicación como parte da estratexia guerrilleira.

Non son poucos os actores que buscan o fracaso das conversas de paz, empezando polo ex-presidente Álvaro Uribe que chama día si e día tamén a aniquilar á guerrilla e a todos aqueles que “son guerrilla aínda que non leven armas”, sectores militares afeitos a ser a única autoridade en moitas zonas do país e con importantes vínculos con poderes económicos cos que comparten intereses en negocios tanto legais como ilegais e responsábeis de milleiros de asasinatos e ataques contra a poboación civil vulnerando os dereitos humanos, etc...

Pero estes actores non son novos, dun ou doutro xeito puxeron obstáculos ao proceso de conversacións desde o minuto cero. A causa real do aumento da ofensiva militar por parte do goberno semella que está na grande distancia existente entre o que se vai falando nas mesas de negociación da Habana e a intención real do goberno e dos sectores sociais que controlan realmente o poder en Colombia colombiana de cumprir o acordo ao que se chegue.

A decisión das FARC de entrar a negociar despois de varias experiencias fracasadas no pasado supón un recoñecemento explícito por parte da guerrilla da imposibilidade despois de 51 anos de enfrontamento de conseguir os seus obxectivos políticos coas armas, sendo esa decisión froito dun longo proceso de reflexión e debate que os levou a considerar as negociacións de paz e a mobilización social poden traer avances para unha sociedade e sobre todo para un campesiñado e unhas clases populares que son as máis prexudicadas polas consecuencias da guerra e da represión. Nas conversas de paz por primeira vez en moito tempo téñense tratado cuestións referidas ao recoñecemento das vítimas de ambos bandos, reformas económicas, desenvolvemento agrario, dereitos sociais etc....

Pero o goberno fai unha lectura distinta da situación, non asume que é imposíbel vencer militarmente e considera que a guerrilla chegou ás conversas moi debilitada e forzada unica e exclusivamente pola actuación militar seguindo así a liña marcada polo xefe do comando sur dos EEUU o xeneral John F. Kelly que considera que un aumento da ofensiva militar obrigará ás FARC a asinar un acordo de desarme sen apenas contraprestacións

Esa lectura acompáñase da constatación por parte do presidente Santos de que manter as mesas de negociación supón un perigo para quen hoxe teñen o poder político e económico en Colombia, un poder baseado na existencia dunha sociedade na que priman os privilexios duns poucos fronte a unha maioría que sofre profundas desigualdades. As mesas de diálogo fixeron saír á luz as contradicións sociais existentes e calquera acordo por mínimo que sexa supón quitar algo aos sectores privilexiados que ao longo de todos estes anos non fixeron máis que explotar as riquezas do país en beneficio particular como si se tratara dunha propiedade privada regada co sangue de ducias de milleiros de colombianos e colombianas.

Nas vindeiras semanas deberemos estar atentos e atentas aos movementos que se produzan, pois como me dicía Jaime Caycedo (secretario xeral do Partido Comunista Colombiano) son moitos os sectores que buscan o fracaso do proceso conscientes de que un acordo de paz suporía a apertura dun novo camiño para a actuación das forzas transformadoras.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.