Aínda hai tempo


A mañá do 11 de abril amencera bretemosa e cargada de certo bochorno, denso e irrespirable.

Cando xa declinaba, no aeroporto da cidade de El Aaiún, no Sahara Occidental, producíase por enésima vez un feito para nada irrelevante pero, por desgraza, habitual, unha pantomima absurda e aparentemente irreal, un novo atentado contra a legalidade e os dereitos cívicos que buscaba reforzar o muro de silencio co que se pretende controlar e condicionar a información acerca do que acontece nese territorio "non autónomo e pendente de descolonización", como o cualifican as Nacións Unidas.

Efectivos da policía e a seguridade marroquís rodeaban o avión que facía a ruta habitual dende a cidade de As Palmas, controlaban o descenso da pasaxe e expulsaban do país a un grupo de observadores españois, impedíndolles nin tan sequera descender do aparato. Eran cinco persoas, tres homes e dúas mulleres, e constituían unha representación da Federación de Asociacións de Defensa e Promoción dos Dereitos Humanos de España e da Asociación Española para a Defensa Internacional dos Dereitos Humanos. E eu era un dos integrantes desta.

A actitude despótica e desconsiderada a carencia de toda explicación acerca do que se decide, a vontade de non atender a razóns nin establecer o máis mínimo diálogo constituían as expresións máis evidentes da prepotencia coa que Marrocos pretende transformar un inexistente dereito de conquista, sempre impositivo e arbitrario, dotándoo dunha falsa lexitimidade, a xeito de potencia administradora de facto, e encubrindo, aínda que tan só de modo aparente, a súa decidida e inequívoca vontade anexionista.

Na tarde anterior, tivera lugar unha das moitas manifestacións, que se produciron nestes días, a favor da autodeterminación e solicitando que a ONU se responsabilice do control dos dereitos humanos e impida a represión constante á que se somete á poboación saharauí; e a policía cargara duramente e con extrema brutalidade contra esta, ocasionando numerosos feridos.

E é que a conxuntura esixe especiais medidas de atención e control e un esforzo suplementario da observación e o testemuño directo acerca do que sucede xa que, nestes días, se fai público o Informe anual do Secretario Xeral da ONU sobre a cuestión saharauí e se produce o debate e a conseguinte resolución no seo do Consello de Seguridade. Un momento importante tendo en conta as estratexias diplomáticas que, o ano anterior, levaran a Estados Unidos a solicitar que a MINURSO, a misión da ONU encargada da supervisión do alto o fogo, incorporase ás súas funcións a de controlar o respecto dos dereitos cívicos no territorio, para despois retirala ante a vontade, manifestada por parte de Francia e Rusia de vetar toda posible resolución nese sentido. Unha actitude compartida explicitamente por España.

Un ano despois, a situación non cambiou substancialmente e a política marroquí ao respecto non é senón unha política de xestos, carente de toda vontade política por recoñecer e respectar aos que, dentro do Sahara, reivindican o dereito á autodeterminación e a independencia, que non a separación de Marrocos (do que non forman parte), para o pobo saharauí. Na súa manifesta actitude de desafío ás recomendacións das Nacións Unidas, o Goberno marroquí crea organismos aos que non dota de capacidade resolutiva, promete adoptar condutas que incumpre e, sobre todo, e no colmo da torpeza e a dobrez, invita a visitar o territorio á Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, Navi Pillay, e ao Relator Especial contra a Tortura, o profesor Juan Méndez, dependentes ambos os dous da ONU, ¡¡nas semanas seguintes á próxima resolución emitida polo Consello de Seguridade!!.

Unha mostra do interesado manexo dos tempos que fan as autoridades do Reino de Marrocos en relación ao tema e da súa vontade de dilatar indefinidamente os prazos dunha posible toma de decisións como a mellor solución para os seus intereses. Hai que dicilo alto e claro: Marrocos non está interesado noutra conclusión do contencioso que non sexa a integración efectiva do Sahara no estado marroquí, aínda que para iso teña que intentar comprar a vontade de todo o pobo saharauí ou esperar eternamente a que desapareza.

E é nesa vontade desenfocada e pechada onde reside a maior debilidade política da formulación do monarca e do Majzén, auténtico almacén no que se parapeta a maraña oligárquica que controla non só a vida política ou o goberno senón tamén as riquezas de Marrocos. Nin no 1957, con ocasión do conflito de Ifni-Sahara; nin nos primeiros anos 70, coincidindo co fortalecemento do nacionalismo saharauí e a súa vontade independentista; nin no 1976, na época da ocupación da Saguía el Hamra e do inicio da guerra tras o pacto/venda concibido no chamado Tratado de Madrid; nin no 1979, tras a súa ocupación da parte sur do Sahara como consecuencia do abandono da guerra por parte de Mauritania; nin no 1991, cando se asina o alto o fogo que debería dar paso ao acordado referendo de autodeterminación; nin en todos estes anos de dificultosa paz, ata o día de hoxe; nunca a monarquía nin a administración marroquí quixeron recoñecer e respectar a existencia dun pobo veciño como o saharauí, cuxa identidade non fixo senón reafirmarse ao longo dos anos e cuxa vontade soberana non foi nin será aniquilada por forzas e intereses moito máis fortes e poderosos pero bastante menos convencidos da lexitimidade das súas reclamacións.

Sen recoñecemento real e efectivo dos seus adversarios, sen outorgarlles a dignidade que lles corresponde e que reiteradamente se lles nega, faise imposible chegar a ningún acordo que non conteña certo nivel de coerción cara a aqueles que dilaten a exploración das posibles solucións. E iso é o que pide a situación, que o consenso se provoque, sancionando moralmente os incumprimentos en relación co acordado. Doutro modo, os nosos netos seguirán escribindo deste conflito en presente.

A relación de presos políticos encarcerados por parte de Marrocos faise difícil de concretar, xa que ás continuas detencións se lle deberían de restar algunhas liberacións polo cumprimento das condenas impostas ou a finalización dos arrestos preventivos. A eles cabería sumarlles os reos comúns cuxas condenas se visen modificadas pola súa condición de cidadáns saharauís, obxecto continuo de desconsideración e de sospeita pola súa mera condición de tales. En todo caso, faise máis doado contabilizar o número de condenas de esaxerada dureza: nove de cadea perpetua (unha delas en rebeldía), catro a trinta anos de encarceramento, outras sete a vinte e cinco anos, catro máis a vinte anos e unha de quince. Brutais e desproporcionadas sentenzas, ditadas en procesos sen garantías procesuais, que non buscan senón crear un estado de pánico paralizante na poboación e dar unha baza aos políticos marroquís para exercer a chantaxe no marco das posibles negociacións, convertendo os detidos en reféns cos que negociar nun hipotético comercio diplomático.

Nestes próximos días, previsiblemente antes de que se publique este texto, o Consello de Seguridade terá prorrogado o mandato da MINURSO e adoptado algunhas medidas para ver de desbloquear e axilizar o proceso negociador na busca dunha solución en exceso dilatada e cuxo atraso non constitúe senón un factor de maior desestabilización para o proceso e a zona. Unha rexión afectada, nos últimos tempos, pola consolidación dos seus focos de radicalismo islamita e a tensión militar creada a partir da guerra de Mali e o posterior ataque terrorista contra a planta de gas de In Amenas, en Alxeria.

Os últimos días teñen creado unha fonda inquietude na monarquía e o goberno marroquí, que, quizais, sexa a explicación do pesadelo de ameazas á seguridade interior que deron pé ao histérico control de fronteiras que multiplicou a expulsión de cidadáns estranxeiros dende o pasado día 11.

Por unha parte, a Audiencia Nacional, na persoa do maxistrado Pablo Ruz, desestimou arquivar as causas abertas por crimes cometidos no Sahara Occidental durante a guerra entre Marrocos e os independentistas saharauís. E, o que é máis importante, é que o fixo baseándose nos argumentos de que os saharauís eran españois e que o territorio estaba sometido á dependencia da administración española aínda hoxe potencia administradora de iure, segundo os argumentos emitidos polo ministerio fiscal. Unha razón e unha evidencia que as autoridades gobernamentais do Estado español se negan reiteradamente a asumir e aplicar na súa política exterior.

Por outro lado, o Informe elaborado polo Secretario Xeral das Nacións Unidas, o señor Ban Ki-moon, recolle as violacións dos dereitos humanos que se producen no Sahara Occidental e emite unha consideración ben explícita acerca da necesidade de establecer un mecanismo "sostido, independente e imparcial" que se encargue da supervisión e o control do cumprimento destes de xeito regular en nome das Nacións Unidas; así como a necesidade de situar baixo control internacional os recursos naturais cuxos beneficios deberían de reverter sobre a poboación autóctona, propietaria legal destes. Recollendo, en boa medida, unha preocupación expresada por organizacións non gubernamentais e cidadáns de todo o mundo e reivindicada, de forma máis impactante, pola carta aberta que lle foi dirixida no mesmo sentido por dous altos cargos con responsabilidades en relación con este conflito como Frank Ruddy, subxefe da MINURSO en 1994, e Peter Van Walsum, Enviado persoal do Secretario Xeral entre 2004 e 2008.

Estas recomendacións causaron un auténtico terremoto a nivel diplomático no reino de Marrocos. O que supuxo a inmediata destitución do embaixador ante a ONU e a súa substitución polo Sr.Omar Hilal e as inusitadas advertencias do Rei Mohamed VI ao Secretario Xeral das Nacións Unidas de que "calquera desviación desta dirección se refire á situación vixente sería fatal para o proceso e poñería en risco a implicación da ONU no asunto". O que supón recorrer á ameaza e suxire a posibilidade de actuar unilateralmente, á marxe da comunidade internacional, actual garante do statu quo.

Novas evidencias da falta de vontade política por garantir a busca de solucións e, menos aínda, de concretalas nun prazo máis ou menos próximo. E ese é o núcleo enquistado que impide a dinamización política das estratexias diplomáticas.

Para ninguén é un segredo que o bloqueo da actuación do Enviado persoal do Secretario Xeral para o tratamento da cuestión saharauí Sr. Christopher Ross, provocado por Marrocos, é insostible; e que o momento político aconsella a posta en práctica de políticas máis activas que aborden a consecución de solucións concretas. É unha esixencia se se quere conseguir a suficiente estabilidade no Magreb como para poder formular acordos que dinamicen e activen a rexión en busca dun crecemento compartido e sostido que beneficie aos pobos e aos seus gobernos. Non é posible xa basear os éxitos políticos propios nos fracasos ou as debilidades dos seus veciños. Toda a zona precisa adquirir conciencia de asumir este tipo de esixencias se quere abordar con perspectivas de futuro a construción do seu próximo porvir.

E solucionar a cuestión da descolonización do Sahara é, sen dúbida, un obxectivo prioritario e fundamental para ese hipotético e nada desdeñable proxecto. Se os distintos países teñen a vontade de asumir os retos pendentes, aínda é tempo de facelo. E Marrocos non debería de marxinarse do proceso como se ten autoexcluido da Unión Africana.