A crise grega: o referendo de Papandreu, unha aposta demasiado arriscada
O referendo que anunciou o primeiro ministro grego, Georgios Papandreu, o pasado 31 de outubro perfílase como o último toque de clarín antes de que Grecia declare a suspensión de pagamentos e saia da zona euro. Supoñendo que non se retire antes de tempo debido á lea política na que se ve metido o partido maioritario liderado por Papandreu (PASOK), o plebiscito acerca do novo paquete de rescate está previsto para o mes de xaneiro. Mais a verdadeira pregunta non é outra que: euro ou dracma? Á clase dirixente de Grecia non se lle escapa a envergadura do que está en xogo, o que explica a negativa dos partidos políticos e da prensa fronte á iniciativa de Papandreu, con seis altos cargos do seu propio partido pedindo a súa dimisión. Se o resultado da votación avalar a saída do euro, sinalaría o fracaso da estratexia económica, política e diplomática marcada por Grecia ao longo dos últimos trinta anos, con repercusións incalculábeis xa non só para Grecia, senón para o conxunto da Europa.
A pesar da imprevisibilidade que caracteriza os políticos da súa caste, a decisión de Papandreu non se tomou á lixeira, ao ter como razón de fondo o feito de que con cada novo paquete de 'rescate' da UE o país se tornou cada vez máis difícil de gobernar.
O poder político comezou a esmorecer de xeito acelerado no verán pasado, con mobilizacións masivas en todas as grandes cidades do país, coa meirande concentración na céntrica Praza Sintagma da capital, onde os aganaktismenoi ('indignados') rexeitaron o sistema político e reclamaban unha 'democracia real'. O mes de xuño foi marcado por unha multitudinaria manifestación que chegou a facer cambalear o goberno, mesmo conseguindo que Papandreu dimitise durante un par de horas na procura dun goberno de coalición xunto cos partidos da oposición. No entanto, a falta de definición política por parte dos 'indignados' permitiu que o goberno saíse coa súa.
No mes de setembro volveu o descontento popular de xeito aínda máis contundente, encabezado desta vez polos sindicatos que romperan as súas relacións co partido do goberno. Os empregados municipais deixaron que o lixo se fose amontoando nas rúas; os traballadores das eléctricas negáronse a colaborar co plan gobernamental de recadar os impostos sobre a propiedade a través da factura da luz; os funcionarios públicos comezaron a ocupar ministerios e outras institucións, minguando enormemente a capacidade do estado para recadar os impostos e recortar gastos.
,Foi sen dúbida o 28 de outubro cando a situación chegou ao seu punto álxido, data na que se conmemora a entrada de Grecia na Segunda Guerra Mundial con desfiles estudantís e militares polas rúas do país. Este ano, porén, varios grupos de persoas irromperon nos desfiles de todo o país, incluído no máis importante de Salónica, perseguindo os representantes do goberno ao grito de 'Presidente traidor!'. Neste momento viñeron abaixo os alicerces do poder simbólico e ideolóxico sobre os que se sustenta o estado heleno.
A reacción popular durante os desfiles marcou o punto culminante dunha situación que xa levaba algún tempo fraguándose. Ao impor a austeridade, a privatización e o liberalismo sen paliativos, a UE conseguiu prender lume á polvoreira do sentimento nacional grego. Aliás, o rexeitamento popular fronte ao último rescate ten claras trazas nacionalistas, plasmado a miúdo en termos dunha negativa a agochar a cabeza ante o que se perciben como as exixencias impostas por Alemaña.
Cómpre esclarecer que, de momento, non se trata dun nacionalismo exacerbado, senón dunha reacción fronte á perda de soberanía e independencia que implicaría o control permanente das finanzas gregas por parte da burocracia europea, xunto co proxecto de vender unha serie de importantes activos públicos para saldar a débeda.
Tamén xorde como resultado da evidente degradación do proceso democrático ao longo da crise. Papandreu é plenamente consciente do risco de que o traten -xusta ou inxustamente- de traidor. Tamén é consciente de que o seu goberno está a punto de caer. Mais tamén é remiso a convocar eleccións anticipadas, porque sabe que o seu partido sairía decimado. Así que apostou desesperadamente polo referendo para ir gañando tempo, que tamén lle serve de paso para asustar o pobo con ter que elixir entre o euro ou a dracma.
Aínda fica por ver se finalmente o referendo sae adiante, ao depender de se o goberno gañar o voto de confianza no parlamento esta semana, sen que haxa ningunha garantía de que así for. Se non prosperar a proposta de referendo, non se debería descartar unha mudanza política repentina que traería consigo unhas eleccións anticipadas.
O valor real da decisión do primeiro ministro consiste en colocar o auténtico dilema ante o pobo grego, pois caso se abra un debate franco, non existen garantías de os gregos optaren por ficar dentro da zona euro, en cuxo caso podería implicar o comezo da fin da unión monetaria.
Se Grecia decidir saír da zona euro de motu proprio, collería os que elaboran as políticas europeas moi por sorpresa, pois nunca foi a súa intención excluír Grecia, sabedores do enorme risco que iso suporía para a banca. Ao malinterpretar a actitude submisa do goberno grego, a UE foi impondo medidas cada vez máis restritivas, pensando que actuaba polo ben dos propios gregos. Alguén na burbulla de Bruxelas debería terlles contado aos da UE o que realmente estaba a pasar en Grecia.
O risco sempre foi que Grecia se vise obrigada a romper co euro, e hoxe por hoxe esta eventualidade parece máis probábel que nunca.
(Tradución: Robert Neal Baxter. Artigo publicado na edición dixital de The Guardian do 01/11/2011)