11-S x 2.982 = 200.000


Ás 2.982 vítimas en New York dos atentados do 11 de setembro temos que engadir as máis de 200.000 de Afganistán, Iraque e Paquistán. As cifras dos seus mortos, os millóns de refuxiados, a perda de soberanía, a falta dun futuro, os asasinatos selectivos, o secuestro e a tortura dos seus cidadáns son máis ca un acto de vinganza, unha proba máis da arrepiante verdade do que entende Estados Unidos (EUA) e a Unión Europea (UE) que é o mundo.

Noam Chomsky reflexionaba se non sería mellor perseguir os culpábeis e axuizalos en lugar de declarar unha guerra tan cara en vidas e diñeiro. O exemplo témolo nos atentados nos trens de Madrid. Tiña sentido que o Estado español declarase a guerra, masacrase, os países orixinarios dos terroristas? Non.

O 12 de setembro de 2011 os media decretaron que os atentados foran unha declaración de guerra contra a liberdade e o sistema de vida occidental. Tampouco o creo. Puideron ter atentado en Buenos Aires, São Paulo, Sarajevo ou Reiquiavic. O feito de que o fixeran no centro financeiro (as Torres Xemelgas), político (a Casa Branca) e militar (o Pentágono) de EUA non foi pola «liberdade» que eles din representar senón por ser o epicentro e cerebro do financiamento e xustificación de guerras de agresión e o exército de EUA o seu brazo executor.

Os posteriores atentados de Madrid e Londres non deixan dúbida desa responsabilidade pasada e futura, na cal os españois e ingleses fixeron de comparsa tráxica para se repartir unhas faragullas cos estadounidenses na destrución e reconstrución destes países e na explotación das súas materias primas.

Osama Ben Laden, Sadam Hussein, o réxime dos talibán son os chivos expiatorios perfectos para se forneceren de materias primas, petróleo, por uns cantos anos máis. Cada morto nos atentados do 11-S custou directamente máis de 600 habitantes de Oriente Medio desde 2001.

Mentres Estados Unidos non recoñece o Tribunal Penal Internacional para axuizar asasinos e torturadores estadounidenses, a Unión Europea dita, por medio deste Tribunal, para xulgar «ditadores» e «asasinos» de Estados pobres, unha orde de captura contra Gadafi. É o paradoxo dun mundo cunha xustiza á medida e prêt-a-porter.

Paradoxal data o 11 de setembro, da cal aínda non temos probas, ningunha, da participación de Ben Laden ou dos talibán nos atentados, e moito menos de Sadam Hussein. Pero a quen lle importa iso?