O coñecemento como medio de supervivencia: Terceiro acto

O coñecemento como medio de supervivencia: Terceiro acto
A única forma de actuar directamente sobre os factores que son determinantes na viabilidade do agro galego é o coñecemento do medio onde se desenvolve a actividade

No último artigo facía énfase en toda a estrutura do medio rural, o esqueleto básico de tratamento sen o cal non podemos atacar ou mitigar os males. Facía mención, tamén, a unha frase: "Non existe bosque se non hai árbores", á cal agora mesmo case engadiría que non existen árbores se non hai xente que os coide e os utilice coa racionalidade propia e necesaria. Co cal podemos concluír que calquera paso fundamental, calquera función que actúe no medio, e que dependa directamente de nos, ten que vir precedida de dúas cousas: A primeira que se coñeza o medio onde se actúa e a segunda que é necesaria a presenza de actuantes para poder manter o medio vivo.

E loxicamente sen o coñecemento do medio non se logra a permanencia dos actuantes e ao revés, a simbiose dun ciclo mostrada claramente a quen queira ver.

Lembro de sempre actuacións totalmente contraditorias (case antagónicas) nas políticas aplicadas pola consellaría durante moito tempo, axudas para a forestación de terras agrarias ao mesmo tempo que axudas para a primeira instalación de xente nova na agricultura, ao xeito de paracaidistas no núcleo da batalla.  Evidentemente estes son factores indirectos ou derivados duns resultados electorais onde os gañadores poñen en práctica (hipoteticamente) o seu programa electoral, se o tivese, claro está. Máis existen factores que son responsabilidade directa dos propios actores e nos que convén incidir coa precisión que se merece e nos que tamén (ao mesmo tempo) ten responsabilidade directa a administración versus consellaría.

Hai unha fotografía que aínda permanece no tempo e que resulta difícil de borrar do noso agro: A cantidade de técnicos e técnicas que traballan con explotacións pero ao servizo directo de casas comerciais. Esta radiografía correspóndese a unha realidade difícil de superar que mostra ao sector prisioneiro de si mesmo fagocitándose até a extenuación, aburrimento e cansazo. A técnica evidentemente non é pura e translúcida só depende de cómo e con que fins se use, pero tampouco pode servir como escusa insaciable na que enrocarnos, simplemente debemos ter presente a profundidade do medio nos que nos movemos.

Sempre se dixo que no agro galego tiñamos moi bos vendedores e poucos técnicos, e supoño que teñen avanzado moito durante estes anos nos que se teñen gañado o mercado a base de promesas que ao pouco son esquecidas (a ironía é a facilidade para esquecer algúns feitos en contraposición a outros). Tamén somos coñecedores de que os tempos mídense en unidades distintas, son moi lentos, e que romper os castelos que se foron facendo no aire non é tan fácil como parece. Somos conscientes de que unha mentira (ou cando menos unha media verdade) contada moitas veces acaba por converterse nunha verdade e, ás veces, nun piar básico da gran aventura que é a produción de alimentos. Máis non todo é negrura e o propio sistema, que por veces se inventa día a día, non é infalible.  E a esencia radica, como non, na educación.

Do mesmo xeito que non collemos unha curva á mesma velocidade se imos nun utilitario ou non coche de carreiras tampouco as receitas xeneralizadas serven para todas as explotacións, é por iso polo que a única forma de actuar directamente sobre os factores que son determinantes na viabilidade do agro galego é o coñecemento do medio onde se desenvolve a actividade, dos sistemas de produción e os índices que interveñen para que esta se acomode ás posibilidades reais de cada explotación.

As axudas coas que se pode inxectar ao agro galego teñen que ter máis concepto que o único de paliar  a perda de ingresos por recorte nos prezos, deben ser situacións transitorias que sirvan para introducir cambios no sistema de produción que desemboquen en formas de produción sostibles. É así, xa que logo que os subsidios agrarios deben levar consigo o xerme da educación co que administración e administrados camiñen nun mesmo sentido. É unha obriga que todos os estamentos implicados deben cumprir.

Tendo en conta os parámetros anteriormente mencionados aos produtores e produtoras quédalles facer unha radiografía completa e continua dos seus procesos de produción para poder ser conscientes tanto dos puntos de inflexión como dos puntos críticos onde poder actuar xa que en caso contrario estaremos facendo probas ao chou sen saber realmente cando demos coa tecla adecuada. A xestión en si mesma é a ferramenta que nos permite controlar os factores que inciden directamente na produción e, polo tanto, na caixa de resultados das explotacións. Debería, logo, tratarse dunha materia case obrigatoria ou de obrigado cumprimento, non como unha imposición senón como medida de salvagarda das explotacións.

Boa nota teñen tomado noutros países nos que a xestión vai asociada, incluso, aos datos para a declaración do IRPF. Non digo que teñamos que chegar aí, pero si dar un paso adiante e deixarse de fútiles probas, tanto por parte das explotacións como por parte da administración, asegurando dunha vez por todas a seriedade dos datos obtidos, senón será diñeiro tirado, por partida dobre.

Como punto final, un pouco fóra deste tema, e incidindo nas estruturas postas en marcha na anterior lexislatura teremos que reflexionar na importancia que o factor terra ten sobre os resultados económicos das explotacións. O banco de terras (altamente valorado noutros países) era un paso adiante que fortalecía o sector e iniciaba unha nova andaina na sostibilidade das explotacións, tan necesaria nestes tempos. Dicía antes que os procesos no rural son lentos e non se pode agardar que os cambios se fagan dun día para outro. Supoño que esa mesma impaciencia se aplique a todos por igual.  Mais hai algo que aínda é menos comprensible, baixo a suposta liña da austeridade seguen desmantelándose servizos, aforrando deste xeito diñeiro que non se sabe moi ben a onde vai e, ao mesmo tempo, aumentando as cifras do paro. Pero non nos deixemos enganar, austeridade non significa que os servizos se fagan coa mesma eficacia, nin que se fagan, xa que logo simplemente se trata da desaparición destes. Aforrar sería facer o mesmo con menos diñeiro, non eliminar servizos e deixalos de ofrecer aos agricultores e agricultoras, non si? Algo teremos que pensar sobre isto.