Un mundo


Co verán multiplícanseme as viaxes a distintos lugares do noso país, ora por desexo de visitalos ou revisitalos, ora por llelos mostrar a familiares e amigos de fóra. Nos ires e vires, sempre verifico a verdade das palabras de Vicente Risco: “Ti dis: Galicia é moi pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo”.

Efectivamente, Galiza é un mundo. Un mundo ás veces máis coñecido por xentes estranxeiras que polos fillos e fillas desta terra. Os que por mor do Camiño de Santiago ou por outra calquera razón veñen dar a esta Fisterra, fican entusiasmadas por tanta acumulación de vestixios, o mesmo históricos cá prehistóricos, e pola súa indescritíbel beleza natural. E digo indescritíbel porque superaría as miñas posibilidades de tempo e espazo dicir os cambiantes e sucesivos rostros do mar, a roupaxe das estacións sobre a vexetación autóctona, as néboas enguedelladas nos cumes ou a lentitude de boi do Miño a pasar por moitas paraxes.

A moita xente de aquí pásalle o mesmo que ao avó da canción de Atahualpa Yupanqui, que vive no campo e non coñece a flor. Enténdese, neste caso, que o campo é o lugar dun traballo, case escravitude, que non deixa paso a nada que non sexa para a supervivencia, lonxe de calquera asomo lírico. Porén, eu refírome a ese descoñecemento do propio case sempre acompañado de pailanismo diante do alleo.

Contábanme dun lugar que estreou novo cura por estas datas e, cando preguntou en que lingua querían a misa, respondéronlle que en castelán, que en galego non comprendían nada. Non comprenden, mais é a lingua que falan decote. É un botón de mostra de que vivimos sen vivir en nós e do pouco que acreditamos na nosa valía.

Queiramos ou non, aínda estándomos concienciadas destas cousas, son elas o substrato que aflora como os cons no mar e causa naufraxios ou, cando menos, pon en perigo moitos barcos –léase proxectos de toda caste- que nos poderían achegar algo de máis esperanza para o futuro.

Sexa breve, xa que logo, esta miña reflexión de verán e longo o noso percorrido polos camiños da Galiza, que todos levan a Compostela, mais non por unha terra liberada como pedía Novoneyra. Coñecelos pode ser un bo comezo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.