Xogar coa miseria allea

A longo prazo, os dereitos máis básicos vanse convertendo en pura mercadoloxía

Malia o roubo masivo legalizado de parte do salario d@s empregad@s públic@s polo actual goberno neocon español, entramos xa de cheo na tradicional exaltación invernal do consumo, so pretexto de festexarmos un nacemento cuxas circunstancias históricas comeza a repensar até o mesmísimo papa.

Eis-me, como todos os anos por estas datas, sentado nun voo dunha compañía de baixo custo irlandesa (os cartos non dan para máis extravagancias), no cal, para alén da habitual tortura dos asentos, xa sei que me van molestar os incesantes anuncios e a permanente venda ambulante polos corredores dun avión que, por veces, parece unha lonxa de peixe. E non é precisamente por me facer acordar dun sono pracenteiro que acurtaría a viaxe (quen me dera poder botar unha cabezada nun asento así), senón polo indignado que me fai sentir ver como se trafica coa miseria humana. Igual que Amancio Ortega, quen, a través da Fundación que leva o seu nome, procura lavar a súa imaxe pública mediante unha esmola insultante mentres o imperio Inditex segue a explotar as forzas de traballo, a compañía aérea pretende facerme crer que a insignificante cantidade que se destinar a unha obra benéfica ao eu comprar a súa lotaría contribuirá dalgún xeito a paliar as inxustizas do mundo.                                        
Esta impúdica amálgama de caridade e promoción dun produto (incluída a autopromoción de celebridades e outra ‘xente de ben’) sempre me lembra as obscenas galas benéficas onde a xente rica deste mundo paga por sorber o mellor champaña francés e degustar caviar vido de países que algúns deles acaban de arrasar coa venda de armas de destrución masiva para chegaren a tal nivel de opulencia ostentosa, pousando diante das cámaras coas súas peles e traxes de alta costura para logo deixaren caer uns cartos á xente ‘necesitada’. Non importan as inxentes cantidades recadadas, senón a perversidade dun sistema que permite proxectar estas farsas como necesidade vital. En fin, vivimos nunha sociedade baseada nos principios do pensamento susanitista...

O certo é que asociar a miseria e o desamparo alleo á venda de produtos lucrativos xa forma parte integral da nosa cultura, pois a ONCE (accionista minoritaria de Radio COPE) xa leva máis de 70 anos financiando a súa obra social en parte grazas á venda do cupón de lotaría. Así, non nos sorprendemos cando, ao pasearmos polo centro de Compostela, nos poñen na man un panfleto que, aproveitando o actual tirón mediático dos cada vez máis necesarios bancos de alimentos, promove o consumo de carne de coello, foto de famosete e receita incluídas.Hoxe, coa escusa da crise e en pleno delirio do todo vale neoliberal, a indecencia da resucitada mentalidade filantropista propia do século XIX chega ao seu paroxismo. En nome da ‘solidariedade’, por unha compra mínima de 8 euros, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas “regala un futuro” mediante o sorteo dun (miserábel) posto de traballo. Tranquilos, señores e señoras clientes! O seu consumismo transfórmase en boa obra caritativa!                                                
O problema non é que o pequeno comercio tente promoverse para seguir a flote (ben podían sumarse á reivindicación da recuperación da parte do salario natalicio amputado), senón o xeito de o facer, con antecedentes de operacións promocionais similares. Pois, sen entrarmos a considerar o tipo de ‘futuro’ que pode augurar un  traballo a tempo parcial de 6 meses de duración cun salario bruto de menos de 500€, o dereito a un traballo digno, recollido na sacrosanta mais incumprida e falida Constitución española (“Todos os españois teñen […] o dereito ao traballo”), non debería depender dunha combinación de beneficencia comercial e a indulxencia das Parcas.
                                               
No Reino Unido, á primeira vista, resulta francamente loábel a iniciativa da cadea de bocadillos Pret A Manger, entre outros, de repartir a comida non vendida á xente sen teito no canto de a tirar ao lixo, iniciativa que a CIG tamén reivindica na Galiza. Mais esta mostra de responsabilidade corporativa non debería transformarse en publicidade, anunciando en cada paquete de sanduíches que se doará 5 peniques ás persoas sen teito (os máis baratos custan £1,45). Até o día en que estou a escribir, recadáronse uns £200.000, que hai que contrastar, no entanto, coa venda millonaria de 33% da empresa a McDonald’s en 2001 (revendido en 2008), sen falar do antigo accionista, Goldman Sachs, e a súa cifra de negocios que aumentou en 15% o pasado ano, estimada en £377,3 millóns... Ben poden saltar unhas migallas investindo en publicidade caritativa.                                          

A onde imos chegar? Talvez despois da privatización subrepticia da sanidade pública haberá quen comece a rifar coidados médicos de primeira necesidade ou operacións cirúrxicas... Abofé que, como sempre, a realidade supera a ficción. Xa nos teñen habituad@s os programas de tele lixo a que tratar o cáncer infantil, paliar a exclusión social de nenas e nenos ou atender as necesidades de crianzas con discapacidades físicas ou psíquicas dependa do resultado dun concurso televisivo como Atrapa un millón ou a Ruleta de la Suerte. Será moi cínico pensar que o sufrimento infantil tamén é bo para as cifras de audiencia (léase dividendos en publicidade)… Non é que tod@s saiamos gañando, senón que, a longo prazo, os dereitos máis básicos se van convertendo en pura mercadoloxía.                                                            
É outra cara da estafa dos mesmos trapaceiros ideolóxicos que nos queren dar monarquía por democracia, que consiste en nos faceren crer que podemos contribuír sen esforzo a aliviar e corrixir os evidentes estragos causados polo sistema, ao mesmo tempo que non só non se cuestiona o modelo neoliberal fonte de inxustiza, senón que se perpetúa e se consolida. Pór parches ao capitalismo é como pór cancelas ao vento: non serve de nada. Mais hai alternativa. Fronte ao capitalismo, só cabe unha resposta: socialismo.