Voz a Samir Amín, que fale

Voz a Samir Amín, que fale
Queremos compartir con vos as reflexións deste acreditado e veterano intelectual marxista

Coincidindo coa recente visita a Galiza de Samir Amín, onde impartiu a conferencia de clausura da Semana Galega de Filosofía en Pontevedra e participou na Manifestación da CIG do 1º de Maio en Vigo, mantivemos unha demorada e longa conversa co pensador exipcio, na que sometemos a repaso diferentes aspectos da actualidade así como outras cuestións de carácter máis doutrinal. A diversidade das temáticas que sometemos a súa análise e a amplitude das mesmas provocou que a forza do inmediato remataran por primar aqueles feitos que na altura hexemonizaban o debate público, se ben a actualidade da mesma é evidente. Queremos logo compartir con vos as reflexións deste acreditado e veterano intelectual marxista, na perspectiva de fornecer elementos de que favorezan o debate político, na convicción de que fronte á teoría lixo que provoca resignación, imponse o rearme teórico, pero particularmente na consideración de que articular unha alternativa útil para Galiza e o mundo require da debida claridade ideolóxica dos actores políticos aos que lle corresponde poñela en marcha.

Samir Amín recalou en Pontevedra após unha breve estancia no seu país de orixe que remataba de vivir as xornadas de loita que derrocaron o réxime de Mubarack. A sacudida que están a vivir os estados do Norte de África e de Oriente Medio, como antes os povos de América do Sur, certifican en certa medida aquel vello axioma dos movementos anti-imperialistas sobre os espazos para a transformación do sistema, argumento sobre o que constrúe boa parte da súa obra o noso autor desde a época de Bandug. Agora ben, como afirma Amín, a natureza destes fenómenos é contraditoria tanto na súa orixe como na resultante final, non debendo uniformizalos, posto que se dan en formacións sociais diferentes e na maioría dos casos non teñen nada a ver entre si. Neste punto merece especial interese as explicacións do noso home sobre as motivacións da intervención imperialista en Libia, tras a cal se agocha o interese de controlar as reservas petrolíferas así como redefinir a estratexia militar de Estados Unidos de América (EUA) na zona.

A altura de 2002, nun libro publicado en español baixo o titulo de "Mas allá del capitalismo senil", Amín afirmaba que antes do remate da década o mundo enfrontaríase a unha crise do capitalismo só homologábel a "Gran depresión" dos anos 30 ou "a longa crise" de finais do século XIX. Mesmamente en Maio de 2008 entregaba un traballo ao seu editor, nesta ocasión co título "Saír da crise do capitalismo ou saír do capitalismo en crise" no que apuntaba as causas da crise presente poñendo énfase no xeito na que o capital pretendía xestionala. Alén de que o proceso andado nestes tres anos deu por boa a súa análise, o verdadeiramente importante é que toda a súa obra teórica desde mediados dos 90 ofrécenos un corpo teórico para comprender este novo/vello capitalismo, o que el chama "o capitalismo do oligopolio xeneralizado", así como unha contextualización da crise actual no proceso de desenvolvemento do capitalismo histórico. Se a crise é a tendencia do capitalismo e o capitalismo un paréntese na historia, a situación actual non é máis que a consecuencia lóxica das necesidades do sistema.

Houbo quen acusou a Amín de "oportunismo" por demandar a saída do euro das periferias europeas nos meses previos a intervención de Grecia polo FMI e a Comisión Europea. Nada de oportunismo, posto que se ben é certo que o exipcio ao inicio dos 90 chegou a defender o que daquela chamabamos CEE como contrapeso aos EUA, a súa posición tiña mudado e así o explicitou en diferentes traballos. Tanto é así que ao longo da última década chegou a definir a UE como "o capitulo europeo do proxecto atlantista", caracterizando xa en 2003 as relacións que mantiñan os estados centrais co resto das rexións europeas como semicoloniais. Partindo da consideración de que o imperialismo hoxe se conxuga en plural, o que deu en chamar a Triada, e da ausencia de contradicións entre os tres bloques (EUA, Europa e Xapón) como elemento definitorio do imperialismo actual, neste momento é un dos pensadores que enuncia unha crítica máis rotunda pero tamén máis consistente do proxecto Europeo. Na entrevista que hoxe vos achegamos vai máis alá na súa denuncia até o punto de demandar a "desconstrución de Europa" e a saída dos estados da Unión do Euro, posto que imposibilita as políticas sociais. Porén os presupostos de Amín non son un caso illado no debate que se está a dar dentro da esquerda europea verbo do euro, de xeito moi particular en Francia, mágoa que tamén, neste tema, como no seu momento co tratado Constitucional da UE, haxa quen queira converternos en periferia.

Samir Amín situase na mellor tradición do que Lenin deu en chamar "o intelectual marxista" ou Gramsci "o intelectual orgánico", na medida que a súa é unha reflexión para a acción. Non quixemos entón, desaproveitar esta conversa co Presidente do Foro Mundial das Alternativas, para debater sobre os camiños a transitar polos movementos de liberación nacional, polos partidos comunistas e polo conxunto das forzas anti-imperialistas. Aínda máis cando o disco duro das mesmas, foi formateado por categorías analíticas da súa autoría ou que axudou a configurar. Intercambio desigual, teoría da dependencia, contradición centro periferia, alternativa nacional popular. Amín é o último dos grandes daquela xeración de xigantes da segunda metade do século XX, como Baran, Swezy ou Gunder Frank, marxistas heterodoxos, que puxeron a punto a andamiaxe ideolóxica da esquerda fronte ás renuncias e capelanías. Nós nunca deixamos de falar con el, nin el tampouco calou. O silencio sobre a súa obra é froito da incomodidade, incómodo para os que renunciaron pero tamén incómodo para aqueles que seguen a entender a transformación do sistema cos anteollos dos PCs oficiais. Que fale Samir Amín, contra o suicidio da esquerda polas renuncias, sobre as limitacións a inxenuidade do altermundismo, respecto da socialdemocracia que non existe porque é socialliberal, sobre o significado do comunismo. Voz a Samir Amín, que fale.