Traidores a súa España

Traidores a súa España
Resulta incrible que Alberte Nuñez Feixóo manteña como Conselleiro de Economía a Javier Guerra, un empresario que ten deslocalizado as súas empresas

O xoves pasado coñecíanse os datos da evolución do paro, a taxa interanual do desemprego rexistrou en Galiza un peor comportamento achegándose ao 8,1. O día 6 de novembro milleiros de galegos e galegas saíron ás rúas nas cidades do Ferrol e Vigo para reclamar traballo. Fronte a esta realidade as grandes empresas continúan deslocalizando milleiros de postos de traballo, unha actuación que neste momento de crise económica e coas altas taxas de paro é un auténtico delito social.

Resulta incrible que neste momento de emerxencia social polo medre do desemprego Alberte Nuñez Feijoo manteña como Conselleiro de Economía a Javier Guerra, un empresario que ten deslocalizado a súa empresa levándose os postos de traballo fora de Galiza. Si a deslocalización sempre foi vergoñenta, agora resulta realmente insultante para as 242.142 persoas que no país están en situación de desemprego. Javier Guerra, que pola súa responsabilidade política debería estar a fronte da loita contra o paro no pais, debería ser cesado de xeito inmediato. Con este tipo de dirixentes na Xunta de Galicia non estraña que a Consellería de Traballo acepte que a decisión de deslocalizar a produción sexa motivo suficiente para aprobar Expedientes de Regulación de Emprego.

Pero a conduta do Conselleiro de Economía do PP non é un caso illado. É habitual ver aos dirixentes do PP e do PSOE acompañados dos dirixentes das grandes empresas, de Francisco González (BBVA) a Botín (Santander) pasando Cesar Alierta (Telefónica). Éncheselle a boca falando de España, meten a palabriña en cada frase, non teñen reparos en ceder soberanía aos mercados, aos burócratas da UE ou a Franza e Alemaña, pero ademais son traidores a súa Españ, cando facilitan ás grandes empresas deslocalizar postos de traballo cara a terceiros países, contribuíndo ao medre do paro no Estado Español.

Gran parte do tecido industrial sufriu unha deslocalización feroz, cara a países cunha man de obra mais barata e con menores proteccións medio ambientais. A deslocalización tamén afecta ao sector servizos a modo de exemplo as subcontratas de telemárketing teñen trasladado cara a América Latina 25.000 postos de traballo nos últimos anos. Unha visual á páxina da Axencia Estatal de Protección de Datos, no apartado de transferencias internacionais é desalentador: Endesa, BBVA ou Telefónica, son algunhas da multinacionais que gozan dos favores do PPSOE e que teñen deslocalizado o traballo. O BBVA sen ir mais lonxe reestruturou os SSCC na Coruña ou Vigo e a carga de traballo foi para unha empresa situada en Perú. Os casos de deslocalización de Atento, filial de Telefónica, son de abondo coñecidos.

Na última reunión da mesa negociadora do Convenio Colectivo de telemárketing a CIG reclamou que volvan os postos de traballo deslocalizados, unha proposta de sentido común. Unha das primeiras medidas para loitar contra o desemprego é recuperar os postos de traballo deslocalizados pola cobiza empresarial.

Non hai moito unha empresa de calzado británica conseguir incrementar as vendas destacando nunha campaña publicitaria que mantén a produción dentro da Gran Bretaña. Non é casual xa que os sindicatos levan anos cunha campaña nese sentido, campaña que os medios de comunicación españois, adeptos ao réxime, cualificaron de xenófoba.

Que sentido ten que se manteña como máximo responsable da política económica da Xunta de Galicia, e polo tanto da loita contra o paro, a un empresario como Javier Guerra? Empresarios coma el son traidores a Galiza e incluso a súa España.