Traballar para vivir, vivir para traballar

Traballar para vivir, vivir para traballar
A economía financeira non produce nada por si mesma, é algo inventado polo capitalismo para poder especular

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------        

Todas as medidas levadas a cabo polo goberno do PP desde a súa toma de posesión supoñen un claro escoramento do Estado cara os intereses do capital. Nun contexto no que sobran medios para garantir unhas condicións de vida digna, as nosas vidas están, se cabe, máis ameazadas ca nunca, porque o que prima por riba de todo é a lóxica da acumulación.  

A reforma laboral, xunto co paquete de medidas postas en marcha como suposta reacción á crise, supoñen un ataque sen precedentes ás condicións de vida da poboación, na busca de recuperar as taxas de acumulación do capital.  

Cando desde o goberno se ataca aos catro piares do Estado de Benestar, isto é, ao ensino público, á sanidade pública, ao sistema público de pensións, e á atención pública á dependencia, entón estamos asistindo a un ataque á vida das persoas que formamos parte desta sociedade por parte de quen ten a obriga de proporcionarnos recursos. E seguen a afondar na falsa premisa de que o conxunto da cidadanía depende dun sector da sociedade que traballa, e que cada vez é máis pequeno, froito das altas cifras de desemprego e da lonxevidade da se dos nosos maiores. Criterio que xa foi empregado no pasado polo PSOE para acometer a reforma das pensións, e que agora emprega o PP.  

Con toda a información achegada polos medios de comunicación día tras día, e que fan que nos familiaricemos coa linguaxe financeira sen máis miramentos, estamos a vivir unha socialización dos riscos do capital que vai parello a unha individualización dos riscos vitais, no que cada quen asume que deberá vivir dos ingresos que estén dispoñíbeis, ben sexan propios ou da súa rede de familiares e amizades.  

Unha crise que comezou definíndose como crise financeira e que posteriormente foi asumida como unha crise social e finalmente económica, e interiorizada como tal por toda a sociedade. A cegueira da análise por parte de quen ostenta o poder e a responsabilidade de gobernarnos, e porque non dicilo, a interese de faceres unha análise parcial e manipulada, impediu faceres unha crítica sistémica.  

Toda a análise pasa por centrarse nos problemas financeiros, na débeda soberana, no déficit público, na prima de risco, na viabilidade do euro, nun posíbel rescate, pero non se denuncia que esta situación obedece á propia estrutura dun modelo económico, o capitalista heteropatriarcal, que ten como único obxectivo o beneficio individual. Un sistema que botou man da especulación financeira sen ter en conta as consecuencias que esta tiña de cara ás persoas, nin sobre o medio ambiente, que se aproveita da forza de traballo da clase traballadora para acumular máis riqueza a cada vez menor custe, xerando cada vez máis desigualdades e desequilibrios tamén por mor das continuas políticas neoliberais postas en marcha. Porque a crise que estamos a vivir é unha mostra de que o modelo de acumulación capitalista non pode dar resposta ás necesidades das persoas.  

De feito, a economía financeira non produce nada por si mesma, é algo inventado polo capitalismo para poder especular. Así, o sistema financeiro concede créditos ao sector privado ou público, coa condición de que o crecemento económico vaille permitir recuperar o crédito e os intereses no futuro, pero ao seres entregados sen ningún tipo de control, isto repercute en todas as esferas da sociedade, incluídos os fogares. Se temos débedas, pero non temos ingresos suficientes para facerlles fronte, como é o caso do problema hipotecario, se aínda por riba o noso entorno non pode axudarnos a sobrelevala, entón podemos chegar nun espazo breve de tempo a vivir unha situación de absoluta pobreza.  

Se na análise da crise, introducimos a perspectiva de xénero, obteremos unha imaxe demoledora: a crise está conducindo a unha nova privatización da reprodución social. Cos profundos recortes en dependencia e coidados sanitarios, estes regresan á súa orixe, isto é, ao ámbito do fogar, incrementando, unha vez máis o traballo invisíbel das mulleres, que sustentan, unha vez máis de balde coa súa forza de traballo o débil e precario estado de benestar. O traballo doméstico e de coidados aumenta porque as altas cifras de desemprego (tanto das mulleres como dos homes) fan que haxa menos ingresos económicos nos fogares, e así, traballos que estaban mercantilizados e incluso levados a cabo desde a esfera pública, voltan ao fogar.  

E aínda por riba, en época de crise se recrudece a faciana máis conservadora dos gobernantes, quen pretenden aplacar dereitos conseguidos pola loita feminista, co amparo do patriarcado relixioso. Porque lamentabelmente, en Galiza, como no estado español, a crise económica non serviu para que, como no caso de Islandia, tras a quebra do Estado e o sistema bancario, as mulleres entraran a formar parte de todo o entramado empresarial e político, acometendo novos estilos de liderado e inversións a fins máis produtivos que especulativos, senón que a crise supuxo, como na América ianqui, un retroceso na igualdade.   Comezando pola cada vez menor presenza de mulleres nas bancadas parlamentarias como pola posta en marcha das primeiras medidas austeras dirixidas a eliminar ou baleirar de contido os organismos destinados a aglutinar as políticas de igualdade, tanto en Galiza como no estado; pasando polos recortes continuos nos dereitos reprodutivos (desde a lei de familia en Galiza, a oposición da Conselleira de Sanidade á dispensación da pílula do día despois nas farmacias sen receita, e as vinculacións por parte dunha parlamentaria do PP do aumento de enfermidades de transmisión sexual cun suposto abuso deste método, ao anuncio de Gallardón do que significará a imposibilidade de optar por unha interrupción voluntaria –e legal- do embarazo e a súa posterior defensa dos dereitos do non nato misturado co dereito á maternidade e “a violencia de xénero exercida contra as mulleres que se lles presiona a abortar polo medo a perder o traballo”); ou a calificación da violencia de xénero como doméstica na primeira intervención pública da Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; ou a desaparición da importancia curricular da igualdade de xénero na asignatura de educación para a cidadanía, xa rebautizada.
A conxelación do salario mínimo -por vez primeira desde o ano 1967-, afecta máis negativamente ás mulleres por estar empregadas en postos peor retribuídos. A reforma do IRPF afectará tamén a estas por seres as traballadoras as que posúen a nível comparativo menores ingresos. Aprazouse a reforma da mellora da pensión de viudedade, como tamén a ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade. A perda do poder adquisitivo das pensións, a conxelación dos salarios do persoal do sector público, seguido dos recortes, o fomento do emprego a tempo parcial, ou a moratoria na posta en marcha da lei de dependencia, e en xeral, a cada vez maior diminución do gasto social, supoñen unha nova carga para as mulleres.  

Coa aplicación da nova reforma laboral as condicións de traballo resultantes aseméllanse cada día máis ás que historicamente foron asignadas ás mulleres na esfera doméstica: escasa remuneración, xornadas de traballo infinitas, falta de cobertura e acceso ás prestacións sociais, carencia de regulación e de negociación colectiva nas condicións laborais, etc. Porque os mercados precisan de traballadores e traballadoras que teñan plena dispoñibilidade para a empresa, e o capitalismo heteropatriarcal precisa da existencia de traballos e suxeitos invisibilizados, calados e inmóbiles, para aplacar a súa fame.  

Non se presiona ao estado para que faga fronte ás condicións de vida da cidadanía, senón que se comete un axuste nos propios fogares, para que sexamos nós quen compensemos coa nosa forza de traballo o que xa non alcanza cos nosos salarios, o que estado deixou de proporcionar por mor dos recortes. Así nos esquecemos que non somos a clase traballadora as que dependemos das empresas, senón que son as empresas as que dependen de toda unha rede non precisamente mercantil que é a que xera os recursos, que garante o verdadeiro benestar.  

Temos que ter coidado coa crise, pero aínda máis coas medidas que están poñendo en marcha para combatela. Porque con estas medidas imos saír máis pobres e máis desiguais, cando o que queremos é traballar para poder vivir, o que pretenden é que vivamos para traballar. De nós depende plantarlles cara.