Situación xurídica pintoresca e desigual

Situación xurídica pintoresca e desigual
Distintas resolucións sobre un mesmo suposto: os trienios do persoal funcionario interino anteriores á entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público

No ultimo ano e medio foron múltiples as demandas formuladas polo persoal funcionario interino contra as distintas administracións, en todos os xulgados do contencioso administrativo de Galicia, solicitando o dereito ao cobro do concepto retributivo trienios e os correspondentes atrasos dende os cinco anos anteriores a reclamación.

Tal reclamación, que  está fundamentada na Directiva Comunitaria 1999/70 do Consello, de 28 de xuño de 1999, pola que se aplica, o Acordo Marco sobre traballo con contrato de duración determinada, que figura no anexo, celebrado o 18 de marzo de 1999, entre as organizacións interprofesionais de carácter xeral (UNICE, CEE Pe CES), e na Sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (Sala Segunda) do 13 de setembro de 2007 (petición de decisión prexudicial exposta polo Xulgado do Social nº 1 de Donostia - Yolanda del Cerro Alonso/Osakidetza, Asunto C-307/05- DOC 257 de 15 de outubro de 2005, sobre interpretación da Directiva 1999/70 do Consello, de 28 de xuño de 1999), ten levado por parte dos distintos xulgados do Contencioso Administrativos, a unha situación xurídica pintoresca e desigual ao resolver   sobre supostos  totalmente idénticos coa emisión de distintas resolucións xudiciais, co seguinte resultado:

a) Sentencia con estimación da demanda co cobro dos atrasos correspondentes sen posibilidade de recurso de apelación.
b) Sentencia con desestimación da demanda con posibilidade de recurso de apelación ante o Tribunal  Superior de Xustiza de Galicia.
c) Sentencia estimando a demanda con posibilidade de recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
d) Suspensión de emisión de sentencia ou falla de sinalamento de vista  ata resolución de cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea prantexada por dous xulgados do contencioso administrativo (un de Pontevedra e outro de  A Coruña).

Sen cuestionar a independencia de cada xuíz o interpretar o dereito aplicable, non é fácil de entender que en supostos totalmente idénticos as solucións xurídicas sexan tan dispares, e que leven en termos prácticos a que uns funcionarios interinos, sendo compañeiros do mesmo centro,   cobren e outros non, dependendo iso do xulgado no que por quenda lles corresponda no momento de presentar a demanda.

A día de hoxe, pendentes moitas sentencias do recurso de apelación no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e estando pendente tamén a cuestión prexudicial no Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sería importante, e debería ser posible,  en aras a unha solución máis xusta e  igual para todos,  que as resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non foran  contraditorias coa resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.