Sen monte non temos futuro

Sen monte non temos futuro
As veces o fume fai que o urxente impida ver o importante

Juárez, máis pendente do fume que do lume


Na comparecencia do conselleiro do medio rural o pasado 31 de maio no parlamento, quedou patente a despreocupación e a falta de interese que o PP ten polo noso rural, coa afirmación de que o despoboamento do rural non ten solución e polo tanto hai que deixar de traballar para remedialo.

A continuación seguiron toda unha serie de declaracións na liña do desprezo do noso rural e os seus habitantes, en especial no referente ao monte: Juárez insinua que personal de Seaga está detrás dos lumes; Non ten sentido limpar os montes para evitar incendios; Juárez non revela o número de lumes e a superficie queimada; Juárez culpa ao ministerio dos recortes na prevención de incendios forestais.

Xa para poñer a guinda, Samuel Juárez, antes de rematar setembro presentou os resultados da campaña de incendios 2011 como os mellores de todo o século. Quixo adiantar a presentación triunfal dos datos, sendo coñecedor das condicións de seca que se pronosticaban, para facer un truco de maxia que nos apartara da verdadeira realidade. Nas novas de finais de setembro destacábase que Medio Rural empregara a tixeira e non pasara nada . . . pero a realidade pón a cada quen no seu sitio.

Despois dunha nefasta previsión e planificación na extinción dos incendios forestais na primeira quincena de outubro, o pasado 22 de outubro unha concentración en Trives e unha manifestación na capital ourensana en defensa dos nosos montes, recordábanlle ao conselleiro que sen monte, non temos futuro.

Desta forma o señor Juárez, convertíuse no conselleiro do fume, quen puxo dacordo a numerosos colectivos sociais para pedir o seu cesamento (PSG, CIG, CCOO, Adega, . . . ) ou criticar a súa xestión forestal (ORGACCMM, BNG, Fruga, SLG, UUAA, Plataforma en defensa do monte galego). De seguro, polo bo traballo feito a prol do monte...

A situación dos lumes de outubro

No mes de outubro padecemos unha vaga de lumes propia dun caloroso verán (preto de 2000 lumes que consumiron máis de 23.000 hectáreas en 23 días, feito que se pode contrastar no mapa dos incendios forestais de Galiza) e ante esta situación o Goberno Galego do PP o único que se lle ocorre é botar balóns fóra (a culpa é dos criminais incendiarios, do goberno central, ou do cambio climático) e dar a campaña de incendios forestais por finalizada (ironías terminolóxicas). Nesta situación de extrema seca e con índices de risco moi alto e extremo, o operativo anti-incendios está ao 40% ao ter a rescindido a Consellería do Medio Rural centos de contratos (destaca en especial o despedimento dos condutores de motobomba entre os días 23 e 24 de setembro) e non cubrir as baixas nin as vacantes dos empregados públicos que traballan nos distritos forestais (houbo brigadas con só 2 e 3 persoas, cando o estabelecido son entre 5 e 7). A isto súmase que parte do persoal que traballa no servizo de incendios volveron a período ordinario o primeiro de outubro (o que na práctica supuxo que moitas casetas de vixilancia estiveran sen persoal, escasos medios propios nas noites e nas fins de semana, . . .), numerosos equipos con avarías ou aparcados nun solar, e o abuso dos medios aéreos (que a esta altura do ano permaneceron parte do día inoperativos polas condicións metereolóxicas). Todos estes feitos poñen de manifesto a total ineficacia dos dirixentes do goberno galego que tan só se encomendou ao cambio do tempo para combater o lume ou ao resultado do partido da Champions no Bernabéu. Con todo, a mágoa, é que non extraeron leccións para o futuro dunha das catástrofes ecolóxicas máis importantes acontecidas no país desde o Prestige.

A prevención como ferramenta contra os incendios forestais


O señor Feijóo insiste na intencionalidade dos lumes e que nos nosos monte non hai ningún problema, esquecendo que desde fai anos se ten claro que a forma de atallar os lumes é mediante a prevención, xa que a extinción non é máis que un parche momentáneo de un problema de maior calado. Isto implica a efectos prácticos preocuparse máis polo número de lumes que pola superficie queimada, ou o que é o mesmo, investir os esforzos en evitar que o lume chegue a producirse antes que en correr moito para apagalo unha vez iniciado. En definitiva, no marco dos incendios forestais este goberno está máis preocupado do plano mediático (o que poida saír na prensa) que en facer fronte ás causas que xeran os incendios; ou o que é o mesmo, máis pendente do fume que do lume.

Sen facer demagoxia cos lumes; o peor incendio que está a sufrir o noso país, segundo Manuel Rivas, é o que se leva por diante á esperanza. Traducido este termo ao noso rural, un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é o do abandono (da terra, do manexo, . . .). Para resolver esta cuestión, é fundamental que os elementos normativos doten á administración de maior poder de intervención no territorio. A opción escollida polo goberno do PP é precisamente a oposta; rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia e baixa intervención administrativa a prol da interese común.

O borrador da lei de montes de Galicia que se está a tramitar a día de hoxe modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono): diminuíndo as distancias de salvagarda da vexetación sobre vivendas, instalacións e labradío; reducindo os anos nos que se limita o aproveitamento nun terreo queimado; eliminando o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas continuas; abrindo de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desviando cara os concellos parte das responsabilidades de control;. . . Cun total de 43 modificacións, máis que pequenas cuestións coa mesma norma preténdese crear unha nova lei (a de montes) e variar substancialmente outra xa aprobada (cando menos cun procedemento pouco transparente e aínda menos elegante). Todo apunta a que este goberno está obsesionado con deixar a súa marca e destruír todo o bo traballo feito polo BNG na pasada lexislatura, aínda que vaia en contra de toda lóxica, e neste caso, contra a esencia mesma da prevención fronte aos incendios forestais.

En resume, a solución dos incendios forestais pasa por resolver os aspectos sociais e territoriais do noso rural e non tanto por apagar fumes. Precisamos de un goberno que conte coa xente, coa verdade por diante e que resolva os problemas a longo prazo. Lumes, nunca máis!