Revitalización demográfica e emprego

Revitalización demográfica e emprego

O actual presidente galego, o Sr. Nuñez Feixóo ven de propoñer un pacto pola revitalización demográfica no recente debate do estado da nación. Segundo di, deberá recoller propostas no ámbito do fomento da natalidade, da conciliación laboral e familiar e no coidado das persoas maiores.

A primeira impresión foi a lembranza do famoso Plan de revitalización demográfica de Galicia presentado por Fraga en febreiro do 2001, que significou pasar de 2.497.924 nacidos na Galiza no mesmo ano a 2.446.211 no 2009, cun saldo vexetativo de -51.713 (negativos dende o ano 1988) e unha emigración externa de 26.916 no ano 2008.

Conforme avanzaba a súa exposición confirmaba que so era un enunciado carente de contido e parecía buscar máis un titular para tapar a súa incapacidade dun ano de goberno que unha proposta en positivo e de compromiso futuro coa Nación.

É certo que a evolución demográfica na Galiza é seriamente preocupante, máis a actuación política dos gobernos do PP téñense destacado por un saldo vexetativo negativo, unha emigración crecente e a falla de actuacións que permitiran fixar e incrementar poboación.

Que credibilidade poden ter aqueles que durante seus mandatos expulsaron miles de galegos e galegas á emigración e adoptaron escasas medidas para fixar poboación e incrementala?. Pero si isto non chegaba, con novo goberno de Núñez Feixóo prodúcense retrocesos importantes nunha política iniciada polo goberno onde participaba o BNG orientado a criar as condicións necesarias; atención aos sectores económicos para o fomento do emprego, medidas de conciliación laboral e familiar, dotación de servizos sociais públicos, acceso á vivenda, promoción real da igualdade entre homes e mulleres, etc..

Son estas e non outras, como o ataque á lingua e cultura galega, as medidas que precisa a sociedade para xerar aquelas condicións necesarias que favorezan un cambio de tendencia e permita xerar perspectivas de futuro aos galegos e galegas. Son as medidas de fomento de emprego en condicións dignas e na nosa terra e de melloras na organización social as que realmente van incidir no incremento da poboación.

Cunha situación laboral desastrosa:

-234.171 parados en febreiro deste ano, 27.601 mais que no mesmo mes do 2009 e un incremento do 13,36%), incrementándose o dobre que no Estado,

-Unha contratación inestabel, onde o 88´27% dos contratos son en precario,

-Unha taxa de desemprego feminino do 53,32%,

-Cun desemprego xuvenil de 32.000 parados entre os 16 e os 24 anos, o que representa unha taxa do paro do 43´7% para as persoas de 16 a 19 anos e do 29´5% entre as de 20 a 24 anos,

-E unha porcentaxe do 39,7% de persoas paradas sen nengún tipo de prestación por desemprego ou asistencial, compatibilizar o papel de pai e, nomeadamente de nai de fillos e/ou fillas pequenas co traballo sigue sendo moi difícil. O número reducido de nacementos ten moita relación coa forma que a muller desenvolve a súa actividade laboral e se non hai unhas mínimas condicións económicas dignas e de continuidade, así como unhas condicións sociais que permitan a conciliación laboral e familiar é de entender que a relación coa natalidade sexa negativa pois unha familia reducida permite continuar a actividade profesional.

Compre deseñar políticas encamiñadas a inverter o incremento do desemprego e a precariedade e a garantir o emprego no tempo, a corrixir o diferencial retributivo entre homes e mulleres, a dotármonos duns servizos públicos que permitan facilitar e compatibilizar os compromisos familiares cos laborais, a posibilitar dun xeito áxil e eficaz o acceso á vivenda, a incentivar con medidas de caracter fiscal a natalidade, a habilitar as partidas orzamentarias adecuadas para desenvolver programas encamiñados a revitalización demográfica que, mediante unha actuación de caracter transversal e integrada e sostida no tempo poida cambiar esta tendencia negativa ou, do contrario voltaremos as proclamas fraguianas do mais rancio estilo no que a muller cumpría un mero papel reproductor ao servizo do sistema capitalista e de soporte familiar.