Retallos destes tempos

Trinomio: Venezuela, Pescanova e Lei da Cadea Alimentar

Bolen neste días na miña cachola cousas diversas, pero, teñen algo en común, todas esténdense cara Galiza. Algunhas son próximas no espazo, outras fican máis lonxe. Pero curiosamente teñen algo que ver coa nosa amada patria. Hoxe, fálase no mundo de Hugo Chávez, ese home que comandou con éxito o comezou do proceso de descolonización -mellor dito, que continuou a loita pola descolonización de Venezuela, que xa tiña encetado o pobo venezolano o mesmo día en que o imperio español o someteu brutalmente-. Un pobo que non cesou na procura das súas liberdade. Pasaron cincocentos anos. A vitoria alumeou a nazón venezolana.    

Cincocentos ano, vimos sufrindo os galegos e galegas políticas impostas polo mesmo Imperio. De brutalidade extrema debe ser cualificada a nosa conquista. Así o testemuñan os feitos en múltiples aspectos: morte, prisión e desterro para os libertadores da época –bon exemplo deses foi Pardo de Cela, ao que se trata de negar nunha nova espiral que ten o sistema postos en marcha contra os nosos símbolos-; cultura e idioma acosados até a súa desaparición dos aparellos administrativos; sectores económicos, que ademais de aturar abusivos impostos, son postos ao servizo do enriquecemento do imperio. Mais tampouco aquí o pobo galego deixou de  procurar a liberdade. Tamén aquí o pobo comezou a súa loita no mesmo intre da conquista, exemplificado na persistencia do galego, logo de cincocentos anos de sometemento.   

Tamén a noticia sobre a empresa Pescanova, está na palestra. Poida que non a teña en estima pola súa maneira de ser e proceder co país, mais pódome identificar coa mesma nesa parte que poda ter por ser galega e polo que aporta á economía e ao mantemento dos postos de traballo. Pero sobre todo voume identificar con ela por ser, nestes momentos, un paradigma da destrución sistemática que se leva a cabo co poder financeiro e económico galego. Permitídeme ir á rúa para escoitar e recoller as proclamas dos traballadores da fábrica de armas da Coruña, pedindo o mesmo trato coa fábrica de armas de outras zonas do Estado. Esa proclama plasma, recolle, identifica e dá vida ao maior problema dos galegos e galegas, o de non ser tratados por igual. Cando os poderes políticos e económicos da España non nos tratan por igual, están tratándonos como inferiores, están no fondo recoñecendo e aplicando esa ideoloxía colonizadora que moitas veces a envolven en follas de magnolias para adormecernos coa súa fragancia. Pescanova, agora tampouco é tratada coa mesma correspondencia con que se trata a unha empresa española e até direi que alemana ou americana. Para cando o poder económico galego tomara conciencia de que é tratado dentro da economía española dunha maneira desigual, subordinada? Terá que ver a perda do poder financeiro galego, coa situación de Pescanova? Teñamos en conta que hai datos económicos que falan dunha débeda no ano 2012 de 1.522 millóns de euros. Polo visto o poder financeiro non ten intención de renegociar esta débeda. Para cando tomarán nota de que nesta Europa de oligopolios, só sobrevivirán  aquelas economías nacionais, que teñen fortes resorte políticos propios para impedir a destrución dos seus poderes económicos. Cando se aprendera que o sector economía galega non ten solución, senón é dentro dun marco soberano, cun poder financeiro proprio. Acaso, esas outras empresas que até agora tiveron o apoio, ademais de incidir dunha maneira decisiva nos gobernos para que se lles aprobasen políticas que lles favorecesen, pensan que que serán tratadas por igual? Que pasara con Finsa, con Televes, por por casos próximos e coñecidos? Hai que estar cegos e moi faltos de siso para non ver que a perda do poder financeiro, non influiría tamén neste tipo de empresas que son punteiras no nivel de negocios, que se gaban de ser as élites económicas. Alguén pensaba que só o ían sentir as pemes ou autónomos? As políticas oligopolistas están para destruír pobos e as economías nacionais, como a galega, que non teñen, ao dia de hoxe, o poder suficiente para defenderse.    

E remato facendo un pequeno comentario tamén sobre a Lei da Cadea Alimentar que esta a debate no parlamento Español e que tamén algo se ten falo estes días por parte dos sectores sociais e políticos da mesma. Fago este comentario, porque considero que un dos problemas dos nosos sectores produtivos relacionados co sectores alimentarios é a valorización e comercialización dos seus produtos. Teño ouvido que por parte de uns e outros que o problema está unicamente na regularización dos prezos. En suma que aos produtores non se lles pague menos do que lles vale producilos. Isto é algo necesario, certo, mais non é a solución. Alguén se ten parado a pensar?

a) Que ha estrutura da cadea alimentar galega, nada ten a haber coa da España e que polo tanto precisamos unha lei propia galega para regular esa cadea que integra produtor-destribuidor-consumidor;
b) Pensamos acaso en como parar os abusos destrutivos deses oligopolios de cadeas distribuidoras que controlan a maioría dos nosos mercados e onde os nosos produtores teñen que someterse ao prezos que marcan, se queren subsistir. Así se entende as ganancias suculentas que teñen e o incremento da súa facturación, segundo datos oficiais, do Estado, 10 grupo pasaron dunha facturación de 4.365 millóns de euros no ano 1987 a 48.000 millóns de euros no ano 2007.

Imaxinádevos unha queixería que vende o 80% da súa produción a un destes supermercado, mais este un bon día, di que o prezo de compra baixou, e deixa de comprarlle os queixos. Peche da queixería, parados, destrución dun sector produtivo galegos... En suma son esas cadeas oligopolistas da distribución as que arruínan aos produtores e  a un sector socio-económico de suma importancia para nós. Sen pórlle coto a estas practicas monopolistas, de pouco servirá acadar prezos máis ou menos xustos para os produtores. Tampouco é de recibo escoitar dia tras día que o sector produtor estar atomizado, non é ese o problema, o problema está en defender políticas económicas patrióticas e non oligopolistas.