Rematou o conto do concurso eólico

Rematou o conto do concurso eólico
A Consellaría de Economía e Industria necesita gañar tempo até as eleccións galegas

Coa aprobación por parte do Goberno do Estado do Real Decreto-Lei 1/2012, polo que se suprimen os incentivos económicos ás novas instalacións renovábeis, é imposíbel a realización do concurso eólico e dos proxectos industriais asociados.

Nada máis chegar ao Goberno, Feixóo decidiu anular o Concurso Eólico do anterior Goberno da Xunta, un concurso que, debemos lembrar, por primeira vez excluía taxativamente a implantación de novos parques na Rede Natura e que, por cesión voluntaria dos promotores, o Goberno Galego tería o 14,22% do capital dos novos parques, alén disto, a práctica totalidade dos proxectos recollía unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3% para os/as propietarios/as dos montes.

A pesares das múltiples mentiras vertidas sobre este concurso, ao final o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarouno totalmente legal; porén, a súa derrogación supuxo unha paralización do sector eólico en Galiza que provocou o peche de diversas industrias: Metalúrxica do Atlántico en Mugardos, Barlovento en Fene, LM nas Pontes e Ordes, Eymosa en Narón, unha grande redución do cadro de persoal en Gamesa nas Somozas, etc.

Por iso, a derrogación dese concurso, foi un acto totalmente irresponsábel e que supuxo que moitos/as traballadores/as perderan o seu emprego.

Logo do cambio de Goberno na Xunta, en xuño do 2009, o Goberno Central creou o Rexistro de Preasignación para o réxime especial eléctrico (onde operan as renovábeis), un rexistro que vai contra as nosas competencias e que actúa como un filtro para limitar o crecemento deste sector.

Asemade, o Real Decreto 661/2007, que asignaba ás primas económicas que as enerxías renovábeis teñen para retribuír o seu funcionamento, recollía a súa revisión a partires do ano 2013.

Mais, a pesares das posíbeis trabas normativas e o risco real dun cambio na retribución do sector, a maquinaria mediática do PP anunciounos un novo concurso que sería o maior plan industrial de Galiza, en palabras do propio Feijoo no Parlamento crearía 14.000 empregos e un investimento total, tanto nos parques eólicos como nos proxectos asociados, de 6.000 millóns de euros.

En outubro de 2011, o Goberno de Zapatero presentaba un borrador de Real Decreto para modificar os incentivos económicos ás enerxías renovábeis a partires do ano 2013, é dicir, un Real Decreto que substituiría a RD 661/2007; nese borrador recollíase unha minoración nas primas dun 44%.

A reacción do Conselleiro de Economía e Industria foi contundente, declarou que trasladaría a súa postura ao PP para que recollese no seu programa electoral a derrogación desa norma si saía adiante sen o consenso das comunidades autónomas nin do PP; definitivamente ese borrador nunha foi aprobado.

Mais coa chegada do PP ao Goberno Central, sen previo aviso nin ningunha negociación coas comunidades autónomas e adiantándose un ano sobre o previsto, apróbase o Real Decreto-Lei 1/2012 que non só suprime os incentivos económicos ás novas instalacións de enerxía renovábel, senón que tamén pecha o rexistro de preasignación, cando Galiza só ten rexistrados uns 50 MW dos total de 2.352 MW do concurso eólico.

Deste xeito, a realización do concurso eólico do PP en Galiza é inviábel, pois as primas supoñen entre o 30% e o 40% dos ingresos destas instalacións. Cando, ademais, os novos parques terían que competir cos que xa están en funcionamento que si manterán o anterior sistema retributivo.

Curiosamente, a reacción en diversas comunidades autónomas foi inmediata, o Conselleiro de Economía, Innovación e Ciencia de Andalucía amosou o total rexeitamento a esta medida, o Presidente do Goberno de Estremadura (PP) solicitou unha reunión urxente co Ministro de Industria pois esta decisión prexudica gravemente os intereses da súa comunidade, o Presidente de Canarias considerou a decisión do Goberno Central como un gravísimo erro e solicitou un tratamento diferenciado pola súa condición de illas, algo que non descartou totalmente o Ministro (canario el).

Porén, desta vez, o Goberno Galego foi máis comprensivo, en nota oficial afirmou que esta decisión (a aprobación deste novo Real Decreto) viña motivada pola falta de política enerxética do anterior Goberno Central -a Lei do sector eléctrico é do ano 1997, cando gobernaba Aznar, e o PSOE non foi quen de mudala-, e continuaba na nota afirmando que o Goberno Bipartito freara a entrada de megavatios no rexistro de preasignación en xuño de 2009 -nesa data xa gobernaba o PP en Galiza-.

Mais, a Consellaría de Economía e Industria necesita gañar tempo até as eleccións galegas, e afirma (minte) que este Real Decreto abre algunha posibilidade para os MW que amosen maior rendemento, concretamente no seu artigo 3.3, porén calquera que mire este artigo comprobará que esa opción só está recollida para a coxeración, biomasa, biocarburantes ou residuos agrícolas, deixa fóra o sector eólico, o fotovoltaico e o termosolar.

Agora a Consellaría faille unha proposta ao Ministerio, recoñecer o 70% da prima actual para os parques eólicos autorizados no 2012 e do 50% para os de 2013; lembremos cando poñía a voz de alarma polo borrador do PSOE que rebaixaba a prima nun 44%.

En definitiva, este golpe de man do seu propio partido, pon o remate dunha lexislatura que xa é un fracaso total na área industrial: Non hai concurso, nin proxectos industriais asociados, o Igape é un niño de corruptelas, do tax-lease e do dique frotante de Navantia nada sabemos, o índice de produción industrial ten a segunda maior caída do Estado e o Conselleiro ten as súas fábricas téxtiles en Portugal.