A reforma da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa, a mal chamada de “axilización procesual”

A reforma da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa, a mal chamada de “axilización procesual”
Reclamar en vía xurisdicional dereitos básicos, convértese nunha cuestión que dependerá do peto de cada demandante

A reforma da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa, mal chamada de "axilización procesual" e que se concreta no texto de Lei 37/2011, do 10 de outubro, de medidas de axilización procesual, entrou en vigor este mes de novembro e supón un novo recorte dos dereitos da cidadanía e en particular dos empregados públicos.

Esta lei afecta a todos aqueles cidadáns que queiran litigar ante a administración e, en especial, aos empregados públicos que pola súa condición funcionarial ou estatutaria pretendan reclamar os seus dereitos laborais e sociais na vía xurisdicional, así como a todos os cidadáns que participen en procesos selectivos de acceso ás Administracións Públicas e discrepen coas decisións adoptadas polas administracións convocantes das Ofertas Públicas de Emprego. Reclamar en vía xurisdicional dereitos laborais tan básicos como as vacacións, dereitos retributivos ou unha redución de xornada para o coidado de menores de 12 anos, se converte nunha cuestión que dependerá do peto de cada demandante, xa que deberán pagar as costas do proceso.

Estas medidas supoñen de facto a existencia dunha xustiza só para aquelas persoas que poden pagar as costas. O resto deberá conformarse e resignarse coa sentenza que poida ditarse en primeira instancia sen posibilidade de recurso ningún fronte a esta, por moi desacertada que esta poida ser.

A lei xustifícase, segundo o seu propio Preámbulo, na suba exponencial do número de procesos xudiciais detectada nos últimos anos, crecemento próximo ao 33%, que pon de manifesto a necesidade de introducir reformas para "asegurar a sostibilidade do sistema e garantir que os cidadáns poidan dispoñer dun servizo público de calidade"

Segundo o Ministro de xustiza, a lei pretende simplificar os trámites nas ordes, civil e contencioso administrativo, que se viron especialmente afectados polo aluvión de procesos que chegan aos tribunais españois, como consecuencia da crise económica.

Para iso introduce reformas orientadas á "simplificación e supresión de trámites innecesarios e a limitar o uso desproporcionado de instancias xudiciais co desexo de lograr unha administración de Xustiza máis áxil, moderna e eficaz". "

Este é o obxectivo explicitar, pero a realidade é moi diferente.

A pretendida axilización non leva consigo unha maior achega de medios materiais, técnicos ou persoais á administración de xustiza, polo que opta por medidas para dificultar ou impedir os recursos. Preténdese, simple e chairamente, que a cidadanía recorra menos. Para conseguilo formúlanse dúas vías, restrinxir o acceso a instancias superiores e estender a condena en costas. Achámonos ante un claro recorte dos dereitos e garantías cidadás no ámbito da xustiza.

LIMITACIÓN DO ACCESO Á XUSTIZA:

Establécense limitacións na posibilidade de recorrer determinadas resolucións Xudiciais. Na orde civil elimínase a apelación nos xuízos verbais cando a contía non supere os 3.000 euros, e elévase a contía para o recurso de casación de 150.000 a 600.000 euros. No contencioso-administrativo, elévase a contía para o recurso de apelación de 18.000 euros a 30.000 euros, e de 150.000 a 600.000 euros no caso do recurso de casación.

Estas medidas supoñen de facto a existencia dunha xustiza para elites (aqueles que teñen asuntos litixiosos de semellantes contías), que poderán percorrer as diferentes instancias xudiciais ata conseguir a sentenza máis xusta ou acertada e unha xustiza para pobres, que deberán conformarse e se resignarán coa sentenza que poida ditarse en primeira instancia sen posibilidade de recurso ningún fronte a esta, por moi desacertada que esta poida ser.

ESTABLECEMENTO DE COSTAS NA ORDE CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO:

A lei establece en materia de costas, en primeira ou única instancia, o criterio obxectivo do vencemento. É dicir, a imposición de costas é a regra xeral, salvo supostos excepcionais apreciados polo tribunal. Modifícase así o actual criterio de inexistencia de costas en primeira instancia salvo en supostos de mala fe ou temeridade. A reforma pretende disuadir o funcionariado de que inicie calquera proceso xudicial nesta orde xurisdicional, polo perigo do aboamento derivado dunha hipotética condena en costas. Así, un sinxelo xuízo reclamando o incumprimento pola administración do dereito ao desfrute dun permiso por asuntos propios, pode traducirse, en caso dunha sentenza desfavorable, nunha condena en costas de varios centos de euros. Isto no mellor dos casos e para un suposto dun procedemento de escasa contía, pois en xuízos de maior complexidade ou contía, as devanditas cantidades poden elevarse de forma moi considerable.

Estas cuestións poden propiciar ademais unha actitude arbitraria e autoritaria na forma de proceder e actuar da administración correspondente en cuestións laborais, coñecedores das dificultades ás que se van enfrontar os funcionarios e funcionarias á hora de interpoñer unha demanda xudicial contra as súas decisións. Por último, a devandita regulación xera unha grave discriminación respecto dos traballadores e traballadoras por conta allea aos que a Lei recoñece " ex­-lege" xustiza gratuíta, amén, doutras vantaxes derivadas do devandito recoñecemento -exención de depósitos para recorrer, obtención de probas periciais gratuítas, etc

Sobra dicir que a posibilidade de reclamar os dereitos laborais e sociais ante os xuíces do contencionso-administrativo non pode depender e menos condicionarse ós recursos económicos que posúa o reclamanante para soportar as costas (procesais e os honorarios dos letrados e procuradores das Administracións Públicas).

Esta reforma atenta contra o dereito de xustiza gratuíta que todos/as propugnamos e que os traballadores e traballadoras de carácter laboral  xa teñen na Xurisdición Social a hora de reclamar os dereitos laborais e sociais fronte a súa empregadora, sexa empresa privada ou sexa administración pública.