Recibo eléctrico: Atraco no peto do pobo galego

Recibo eléctrico: Atraco no peto do pobo galego
A reforma do sector eléctrico tamén está na orixe da suba desproporcionada do 34% no canon de Sogama

A subministración eléctrica xa é percibida por todo o mundo como un atraco descarado. Recibos imposíbeis de entender, subidas constantes e desproporcionadas, espoliación dos recursos naturais de Galiza para logo tributar en Madrid; situación, en fin, insoportábel que ten que atopar resposta cidadá xa. O pobo galego, exportador de enerxía, asume na produción da mesma custes ambientais no seu territorio sen recibir beneficio algún, cargando ademais cos gastos de transporte a outros territorios que evidentemente non precisa. Para remate a reforma do sector está pensada unicamente para os grandes grupos empresariais e non como servizo público. Ningunha medida introducida para reducir a tarifa e mellorar a calidade. Si xa pagamos unha das tarifas máis caras de Europa, o horizonte que se adiviña resulta terrorífico.


Galiza está sometida a un proceso de conversión que está levando ao peche de todos os seus sectores produtivos para convertela nun territorio de servizos e subvencionado. Logo o argumento cando se reclama soberanía ven sendo que non podemos sustentarnos por nos mesmos, que precisamos da magnanimidade da meseta e das súas subvencións para subsistir. O caso é que non se pechan os nosos sectores produtivos (pesca, leite, agro, construción naval...) porque deixaran de ser rendibles senón para favorecer a outros territorios froito de negociacións nas que a produción galega sempre foi moeda de cambio. A produción de enerxía completa o panorama: como non se pode levar mantense, máis Fenosa (Foinosa) deixa de ser galega e pasa a tributar en Madrid. Soportamos os custes ambientais, pagamos a enerxía como o que máis, e por riba non obtemos beneficio algún.

Non resulta doado explicar a falta de reacción ante esta situación. Galiza sigue a votar maioritariamente a unha opción política que favorece descaradamente esa política centralizadora e que prima intereses alleos de grandes grupos empresariais que cada vez obteñen maiores beneficios en relación directa co empobrecemento do pobo, beneficios que saben recompensar xenerosamente aos seus valedores. É prioritario deixar de mandar “caladiños” a Madrid que voten unha e outra vez a favor de intereses que non son os nosos, seguindo ao pé da letra as indicacións dos seus centros de decisión que non están na terra. É preciso que o goberno da Xunta coas súas cativas competencias deixe de estar ao mandato centralizador. Resulta penoso que galegos ao fronte do Estado ao longo do tempo foran e sigan a ser os máis perniciosos cara á terra que os viu nacer.

Volvendo ás eléctricas non resulta doado explicar o porqué das súas subas constantes, nas que os recibos cumpren o seu propósito de inexpugnabilidade cara a dificultar o máximo posible que se lles poda meter man. É difícil explicar o suposto “déficit tarifario” cando os beneficios das empresas son vergonzosos. O Estado paga ás eléctricas por vender o produto por debaixo dos seus custes cando a evolución das distintas tecnoloxías e a situación actual de baixada de materia prima provocarían o efecto xusto contrario. Terá algo que ver que González e Aznar, entre outros, acaben en empresas como Gas Natural, Endesa e Iberdrola?

Non é Sogama o modelo que Galiza precisa para o tratamento do lixo. Queimalo non é a solución, esta pasa pola compostaxe ou outros sistemas alternativos á incineración. Proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe xerarán emprego local ao tempo que posibilitarán acadar obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe. Sogama supón todo o contrario, basea parte do seu negocio na incineración para producir enerxía eléctrica (48%) que agora coa supresión das primas renovábeis a deixa en evidencia provocando unha caída de negocio que pretenden que soporten en exclusiva os concellos e os paganinis de sempre: a cidadanía. Falan do custe dun café, pero, a parte de ser falso, xa levamos moitos cafés enriba, un tras outro, e o noso peto, que ve as súas entradas diminuídas, non pode soportar máis atracos.

A nova Lei do Sector Eléctrico suprimirá o réxime derivado das enerxías renovábeis, renunciando a transformar o modelo enerxético cara a outro máis sustentábel. Así mesmo eliminará as poucas capacidades que tiña Galiza en materia enerxética. Supón, como todas as medidas do PP unha recentralización que elimina a sustentabilidade como elemento que tería que ser fundamental no sector.

Non é preciso explicar máis dunha factura na que máis do 50% son peaxes (transporte, distribución réxime retributivo, déficit, sobrecustos...) e menos da metade é a propia enerxía. Estannos a roubar directamente metendo a man no noso peto e dun xeito descarado e desmesurado. Para colmo anunciase una nova subida do 12% en xaneiro no escenario dunha liorta entre os ministerios de Facenda, Economía, Industria e o propio sector. Solo Irlanda e Chipre teñen en Europa unha tarifa máis cara que a nosa, máis todo se andará e pronto lideraremos tan penosa clasificación.