Rachando co silencio

Non podemos dar a calada por resposta

Aí fóra hai demasiado silencio. Silencio por parte de quen goberna e silencio por parte de quen está a soportar o peso dos recortes.

Para algúns dirixentes o silencio é unha estratexia para tentar evitar o seu desgaste. É o caso do presidente do goberno do estado español quen agacha a faciana mentres outros membros do equipo do goberno anuncian a adopción de duras medidas para paliar os efectos da crise económica.

Pero para aquelas que pensamos que dar a calada por resposta é o mesmo que seguir a máxima de "quen cala, outorga", xa non estamos dispostas a que nos homologuen ao resto, e a que nos vexan como cidadás subxugadas polo sistema.

Levamos moitos séculos de silencio. Tantos como de resistencia á invisibilización e á represión por mor do noso xénero, da nosa nacionalidade, da nosa clase e da nosa sexualidade. No caso das mulleres, as tácticas de silenciamento funcionaron como unha práctica para illarnos e privarnos do poder.

A nosa exclusión da esfera pública, do discurso e incluso da escrita, aínda pervive hoxe. Ás mulleres se nos ridiculiza e se nos etiqueta, ou se nos interrompe mentres se lles concede o uso da palabra a outros oradores, non se nos nomea na historia e practicamente somos inexistentes para os medios, como xeradoras de opinión.

Desde o inicio da historia, o silencio foi escollido polas mulleres, como unha fórmula de resistencia e escape ás regras patriarcais para resistirnos á opresión,e, por tanto, como unha táctica de supervivencia, pero chegado o momento, algunhas mulleres decidiron habilitar un novo espazo, adoptando outros métodos de comunicación, outros códigos e símbolos, consistentes en transmitir mensaxes a través da poesía, da pintura ou da actuación, mesmo a través da vestimenta, a decoración do corpo ou a linguaxe corporal, facendo unha chamada de atención desafiante cos canons patriarcais.

Pero no momento que estamos a vivir o silencio pode empregarse, unha vez máis, para perpetuar a subxugación, porque a resistencia pode ser manexada por parte do patriarcado, como unha adaptación do propio sistema capitalista, que perpetúa o sistema opresivo.

Sendo conscientes de que o silencio non sempre é a estratexia política máis eficaz para acadar o cambio social, algunhas defendemos empregar o uso da linguaxe, e manifestarnos en voz alta, co galego como lingua, co valor cultural que emana, como elemento transformador para loitar contra o colonialismo e contra o propio patriarcado.

Optamos polo discurso, porque entendemos que por parte de quen ostenta o poder está a impoñer un silencio contra o que compre rebelármonos. Coa complicidade de quen asimilou inconscientemente que é preciso sacrificarse para saíres da crise, o PP na Xunta e no estado acomete todo tipo de proxectos lexislativos e reformas dirixidas a eliminar os dereitos conquistados polas mulleres logo de séculos de loita.

Os recortes nos servizos públicos, na sanidade e na educación, e singularmente na atención á dependencia, a eliminación das políticas públicas dirixidas a acadar a igualdade, as continuas ameazas de derogación da lei de igualdade, sobre a inconstitucionalidade da lei integral contra a violencia de xénero, da lei que permite o matrimonio entre as persoas do mesmo sexo, e incluso sobre a dispensación sen receita nas farmacias da pílula do día despois, a modificación da lei do aborto que nos fai remontarnos á normativa de 1985, subtraéndonos do noso dereito a elixir libremente sobre os nosos corpos e a nosa maternidade, ou unha reforma laboral que precariza aínda máis as condicións de traballo, que recorta dereitos como a da redución de xornada, e que normaliza e subvenciona os contratos lixo, son varios exemplos de que non podemos ficar caladas.

A responsabilidade de mudar a situación tamén depende de nós. Por iso seguir denunciando publicamente unha sociedade que nos invisibiliza, que nos oculta dos ollos públicos por ficar na economía submerxida, por ser desempregada, por exercer a prostitución, por non ter papeis, por falar en galego, por non cinxirse á heteronorma, por ter discapacidade, por cuestións de idade (por ser moi novas ou demasiado vellas), por ser ama de casa, e por tantos outros motivos, todos eles vinculados ao feito de ser muller.

É preciso respostar contundentemente con toda a nosa forza mobilizadora. A axenda está marcada con multitude de eventos convocándonos a participar en concentracións, peches e mobilizacións en repulsa polos recortes, e en contra do capitalismo patriarcal. Nesta marea de repulsa xa hai tempo que nos vemos inmersas, pero cómpre darlle un novo pulo coa convocatoria de folga xeral en Galiza realizada pola CIG, e coas mobilizacións convocadas para o 8 e 10 de marzo por parte da central nacionalista, arroupando e participando doutras como a convocada por organizacións feministas de Galiza para o 11 de marzo.

Porque non podemos dar a calada por resposta.