Propaganda económica

Malia o persistente deterioro da situación económica e social, o Goberno galego mantén invariábel o discurso do control do déficit como ferramenta para superar a crise económica

Malia o persistente deterioro da situación económica e social, o Goberno  galego mantén invariábel o discurso do control do déficit como ferramenta para superar a crise económica. Se repasamos os discursos verquidos en debates orzamentarios ou sobre o control do gasto público nos últimos cinco anos, atoparemos as mesmas letanías, que pretenden convencer máis por repetición que por contraste cos datos empíricos que retratan obxectivamente o devalar económico e social.

O pasado 4 de agosto asistimos a un novo episodio dese libreto. A Conselleira de Facenda aventuraba mellorías económicas e sociais, non en base a unha análise global e real da situación, senón á reiteración de argumentos consabidos. Xa non só se repite a escenificación, coa secuencia de  presentación en púlpito mediático e logo no institucional das bondades da política económica actual, senón que apenas se renovan os discursos, pois só se introducen modificacións de datas e algúns microdatos, mentres se mantén inalterábel  o argumentario e mesmo a exposición formal do mesmo.

Co transcurso do tempo esa sintonía cada vez soa máis desafinada. Se en 2013  o parapeto para defenderse dunhas pésimas previsións de desemprego para 2014 era que se estaban a “sentar as bases da recuperación económica”, agora en 2014 -logo de dito asentamento- é difícil explicar como para 2015 aínda se estima un desemprego por riba do 20 por 100 (en concreto do 20,3%), onde ao tempo que haberá un raquítico ascenso da ocupación (do 0,8%) e tamén seguirá descendendo a poboación activa (no contorno do 1 %). Vaia, que coas políticas económicas infalíbeis do neoliberalismo, que aplicadamente executa o Goberno galego, haberá menos desemprego porque en maior medida tamén hai máis persoas que se exclúen do mundo do traballo.

Non só é enganoso que se alente unha euforia económica cando un dos principais indicadores da situación económica e social, como é o acceso ao traballo, seguirá en estado crítico. Tamén cando se mobilizarán uns exiguos 46 millóns de euros máis para atender o gasto “non financeiro”, o destinado directamente a manter os servizos públicos e as políticas dirixidas aos sectores produtivos. Aínda co incremento das desigualdades sociais, coa constante demanda de reforzo de servizos básicos, os recursos dispoñíbeis para 2015 serán similares aos de 2006, unha volta atrás de nada menos que nove anos.

Este retroceso ten dúas explicacións esenciais. En primeiro lugar, por moito que se afanen en enfundarse o fato do xestor dilixente, en ser exemplo de rigor e control do gasto, o endebedamento de Galiza disparouse nos últimos anos, co que unha parte cada vez maior do gasto público da Xunta vai para a débeda a custa da sanidade, a educación, os servizos sociais ou o investimento público. O cinismo exhibido polo Presidente da Xunta, cando afirmou o 1 de agosto na presentación  do teito de gasto para 2015 que “non nos endebedamos máis, senón porque se prevé unha dependencia menor da débeda pública” é insultante, pois a serie histórica que publica o Banco de España (http://www.bde.es/webbde/es/estadis/infoest/a1309.pdf) indica que Galiza pasou dunha débeda desde 2009 a 2014 de 4.842 a 10.028 millóns de euros, un incremento do 107 por 100 en cinco anos. Iso tivo un notábel impacto no orzamento da Xunta, onde o peso do programa destinado a afrontar a débeda pública incrementouse nun 426 por 100 do 2009 ao 2014, ao situarse de 393 a 2.071 millóns de euros nese período. O peor é que todo ese endebedamento non se traduciu en reforzo de servizos ou investimentos produtivos, pois tanto as prestación asistenciais e sociais como os sectores básicos resentíronse dunha grave falta de financiamento público.

En segundo lugar, polas consecuencias do fiasco do vixente modelo de financiamento autonómico, onde a un trato perverso  para Galiza, xa que non permite ter una política tributaria propia en función das reais necesidades de gasto, ao ser Madrid quen parte e reparte, se xunta unha evolución cada vez máis negativa, tanto pola nefasta negociación levada a termo por Feijoo en 2009 que rebaixou o peso relativo de Galiza, como polas modificacións fiscais ditadas desde Madrid que empuxaron a centrar a recadación sobre as rendas medias e baixas e non sobre os grandes patrimonios e fortunas. Galiza disporá en 2014 (consonte as previsións da propia Xunta de Galiza)de 6.023 millóns de euros por ingresos no actual modelo de financiamento autonómico, cando tiña 7.439 millóns de euros en 2009; isto é, un descenso do 19 por 100 (1.416 millóns de euros menos). Ademais, a previsión que traza a Xunta é que en 2015 apenas ascenda a 6.112 millóns de euros, e incluso a proxección cara 2017 tamén sitúa os ingresos desde modelo bastante por baixo dos anos anteriores á crise (582 millóns de euros por debaixo).

O inicio dos debates sobre o gasto público cara 2015, co debate sobre o teito de gasto, volta a pór de manifesto que estamos ante un Goberno que cada vez pon máis distancia entre a propaganda económica coa que pretende ilustrar unha Galiza irreal co declive paulatino da situación social e económica de Galiza; que se esforza só en predicar mais que en sementar con políticas económicas audaces, que rachen coa dependencia de Galiza e nos permitan recolleitar de novo e non simplemente oír cantos de seitura.