Preferentes: todos estafados

Preferentes: todos estafados
Coa quita das preferentes todos seremos máis pobres

O orzamento do concello da Estrada para este ano 2013 é de máis de 12.400.000 euros, uns cartos que proveñen dos impostos e taxas municipais que pagan todos os veciños e veciñas e transferencias doutras administracións. Con este orzamento o concello paga a a nómina das funcionarias e funcionarios municipais, así como do persoal laboral e temporal, - en total, arredor dunhas 120 persoas-, pode executar toda unha serie de investimentos e afronta os gastos correntes de calquera administración pública.                      

Se no hipotético caso se esfumaran eses millóns de euros cos que o concello ía afrontar o orzamento deste ano, o colapso económico da Estrada sería automático, xa que non podería pagar os traballadores municipais, non podería pagar os provedores do concello (a maior parte deles son comercios e pequenas e medianas empresas locais), paralizaríanse os investimentos previstos e deixaría de recoller o lixo, por exemplo, entre outro tipo de servizos esenciais para toda a comunidade de veciños.                    

Como se pode supoñer, as consecuencias da desaparición deses doce millóns e medio de euros serían catastróficas para o concello, con perda de centos de postos de traballo, que sería un dos dramas sociais máis evidentes; iso sen mencionar o deterioro físico das infraestruturas municipais, entre elas a extensa rede de estradas que ten o concello.                  

Por outra parte, na Estrada hai 713 persoas estafadas das participacións preferentes e débeda subordinada, en total máis de 15 millóns de euros, que foron comercializadas por un sector financeiro sedento de liquidez, que agora non son quen de devolver, e o que é peor, o goberno central do Partido Popular vén de legalizar esta estafa, no canto de botarlles enriba todo o peso da lei e poñer a disposición da xustiza os culpábeis desta.                      

As persoas afectadas por esta estafa non son os ricos do pobo, -tamén haberá, evidentemente- ao contrario, son na súa meirande parte persoas de clase traballadora e popular, que con moito esforzo aforraron uns cartos coa idea de gastalos cando as circunstancias persoais e familiares así o requiriran.                    

Destes millóns de euros en produtos financeiros, que moitas das vítimas nin sequera sabían que tiñan, esfumaranse por mor dunha decisión política do goberno de Mariano Rajoy. Mais alén do evidente drama persoal pola perda destes aforros, haberá tamén un drama social, cuxas consecuencias deixaranse sentir  máis pronto que tarde en todo o noso concello, así como en toda Galiza, xa que esta estafa non é un drama exclusivamente local, senón nacional.                        
Porque non estamos a falar de 15 millóns de euros que pertencen a un número concreto de persoas -que tamén-, falamos duns millóns de euros que se volatilizarán e que non se gastarán na economía real como era a intención da maior parte dos aforradores estafados. Falamos de máis paro, máis empobrecemento, máis emigración, .... é dicir, menos Galiza.              

Por iso que a estafa das participacións preferentes e débeda subordinada non é cousa dos que a sofren por parte dun sector financeiro sen escrúpulos, é cousas e todos e todas. Directa ou indirectamente todos somos estafados.