Política (e galega) ou Mercado

Política (e galega) ou Mercado
O sistema económico imperante non dá satisfacción ás necesidades da maioría, mais a inmensa minoría que del se lucra mantén aínda o control da situación

O Leviatán neoliberal está ferido, pero resístese a fincar o xeonllo en terra. O sistema económico imperante non dá satisfacción ás necesidades da maioría, mais a inmensa minoría que del se lucra mantén aínda o control da situación: detenta todos os poderes políticos, económicos, financeiros e mediáticos. Entrou en pánico, séntese acurralado e reaxe como unha besta que se sabe tocada e que, talvez consciente do seu estado, quer morrer matando. Ese Leviatán globalizado e que dispón dos resortes de poder real en todo o Planeta non nolo vai pór tan doado e -a mellor defensa é o ataque- ven a por nós, a polas nosas plusvalías, por suposto, mais tamén a polas nosas conquistas sociais e políticas. Ese Leviatán sabe que existe unha contradición insalvábel entre Política e Mercado, vai dicir, entre Democracia e Mercado. Unha contradición insalvábel entre a lóxica da maximación dos beneficios -a lóxica do capitalismo na súa fase serodia- e as necesidades máis elementais das maiorías sociais e dos pobos.

A Política é pois a solución. E para nós, como galegas e galegos, a Política Galega. Política galega face o proxecto españolista e neoliberal de Feixóo. A Política entendida como avanzo decidido cara á fórmulas desacomplexadas de democracia participativa (permitídeme o pleonasmo: unha democracia ou é partipativa ou non é). A Política entendida na súa forma xenuinamente democrática: ou sexa, a autoorganización das maiorías sociais.

Poder popular ou oligarquía

Frente á crise e aos fenómenos de fascistización -ecuacionemos a palabra como despolitización- emerxentes na Unión Europea, só cabe apelar á defensa da Democracia no sentido literal da palabra. A democracia ten que ser forzosamente poder popular. Se non o é, é outra cousa. É oligarquía. É o dominio das cada vez máis exiguas minorías sobre as cada vez máis abastadas e depauperadas maiorías.

Disto vai a crise sistémica do capitalismo na súa fase madura, a crise que estourou en 2007 coa deflagración de Lehman Brothers e que aínda está lonxe de se ter manifestado con toda a súa crueza (o peor aínda está por vir). A orixe é a financeirización da economía. Pero a financeirización da economía non deixa de ser un subproduto (necesario do ponto de vista da lóxica capitalista) da forma en que, nomeadamente a partir do crack de 1973, se distribuiu o excedente entre as clases sociais. Ao caír exponencialmente o peso dos salarios frente ao capital medido en porcentaxe de PIB, o fantasma do subconsumo pairou sobre a economía. Como non se podía incrementar o poder adquisitivo dos traballadores (anatema para o dogma neoliberal), o sistema apostou descaradamente polo endebedamento masivo. O crédito substituiu o salario. Os traballadores deixaron de estar tan pendentes da forma en que se cotizaba no mercado a súa forza de traballo porque, aínda que as súas soldadas medrasen por debaixo dos beneficios, podían consumir masivamente grazas a que os tipos de xuro se situaron practicamente en magnitudes negativas (por debaixo do crecimento da inflación).

Os ricos deviron cada vez máis ricos. As clases traballadoras viraron cada vez máis pobres (a pobreza sempre é relativa, érano en relación cos ricos), mais podían finxir teren unha facenda farturenta grazas a que o crédito fluía a mans cheas.

Calote piramidal

Todo funcionou aparentemente ben até que a burbulla estoupou de vez, como se for un calote piramidal. O crédito desapareceu. Os traballadores ficaron a soas cos seus salarios. Como estes son baixos, a demanda freouse en seco e a crise estalou irrefreábel.

Apartir de aí, as elites empregaron a súa capacidade de presión chantaxista sobre os poderes públicos para decretar unha paréntese no Mercado (segundo a expresión do capitalista xefe da CEOE) e utilizar así o Estado como un Robin Hood que se pasase ao lado escuro. Unha sorte de salteador de camiños que roubase aos traballadores para financiar aos banqueiros. Como? Endebedándose nos mercados internacionais de capitais (o que obviamente provocou o encarecemento dos xuros) para sanear os balances de entidades crediticias que, no Estado español, Zapatero teimaba en apresentar ante a opinión pública como as máis solventes do orbe. Así comezou a pórse o Estado aos pés dos cabalos dos especuladores internacionais.

Mais os especuladores internacionais non son individuos aillados nen os mercados son un ente abstracto e informe. O fenómeno ao que nos enfrentamos non é o dun George Soros da vida entregado ao pasatempo de facer quebrar a libra esterlina. Non, ese tipo de episodios -aínda que continúen existindo- pertencen a unha fase xa superada. Non, aquí estamos ante algo moito máis sofisticado: o capitalismo na súa fase monopolista non dá puntada sen fío, non deixa nengunha marxe á improvisación, non é para nada anárquico e, desde logo, practica unha planificación que para si quixeran moitos marxistas chineses.

Poñámoslle, portanto, nomes: Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeu, Comisión Europea, a grande banca franco-alemá (a tenedora da maior parte da débeda grega). E digamos que o que se está orquestrando (o retraso na idade da xubilación, o abaratamento do despedimento, a redución dos salarios dos funcionarios, a conxelación das pensións, a entrega ao capital privado das infraestruturas, a asfixia financeira dos concellos, a xibarización do investimento en obra pública) é o maior ataque á Democracia e á Política desde a Segunda Guerra Mundial. Aos ollos das élites que dominan a globalización, os poderes públicos só son funcionais para transferir o excedente económico das clases populares (en forma de impostos) aos petos dos banqueiros. Os poderes públicos só interesan ás élites que dominan a globalización como intermediarios: a redución do gasto social decretada por Zapatero irá a pagar a débeda contraída polo Estado co Deustche Bank e demais grandes corporacións financeiras.

A Democracia, un estorvo para os poderes globalizadores

A Democracia é definitivamente un estorvo para os poderes globalizadores. Un goberno democrático, por definición, non pode adoptar medidas impopulares, porque debe gobernar para a maioría e non para a minoría. E o problema é que a adopción desas medidas impopulares -as que se refiren con tanta frecuencia os gurús mediáticos- é imprescindíbel para que a máquina do capitalismo globalizado continúe funcionando. Ergo, os gobernos democráticos sobran a xuízo do FMI/BCE e Comisión Europea. Eles toleran unicamente o ritual formal do voto en urna unha vez cada catro anos. Toleran un rexime de liberdades públicas, mais en nengún caso admiten que o pobo poda tomar cartas nos seus propios asuntos. Como sustentaba recentemente unha tertuliana radiofónica, érache o mesmo que gañase o Labour Party, os Lib Dem ou os Tories nas recentes eleccións británicas: o programa a levar a termo ía ser idéntico, o programa decidido pola City londinense.

Non quixera ser apocalíptico (aínda que tampouco pusilánime), así que sinceiramente penso que en termos relativos o que vivemos hoxe apiora o cenario sobre o que reflectía Castelao xa desde o exilio cando deixou escrito que "a tan famosa Democracia convértese en tapadeira do vello absolutismo cando o pobo só é soberano no día das eleccións e se limita a súa acción ao campo da política, excluíndoo do poder económico".

Pois ben, irmán Daniel, medio século despois, a exclusión non é só do poder económico, esténdese tamén ao campo da política. O pobo xa non pinta nada na política pseudodemocrática porque as elites estabelecen dogmas que os Gobernos, que teoricamente deberían guiarse pola soberanía popular, aplican sen rechistar.

Por que o Estado español acepta acrítica e docilmente o dogma de que en 2013 hai que ir a un déficit do 3% sobre o PIB? Por que o Goberno galego tamén o acepta? Por que Zapatero non aproveitou a presidencia española na UE para cuestionar o Plano de Estabilidade?

Un Leviatán sen escrúpulos

Pois sinxelamente porque os partidos sistémicos teñen demitido da súa condición de partidos democráticos e son simples correas de transmisión dos poderes reais do capitalismo globalizado. O Leviatán neoliberal non ten escrúpulos e non repara en deixar espidos perante a opinión pública aos seus sumisos servidores públicos.

Sempre que sofre a Democracia (entendida, repito, como autoorganización popular) se deterioran as condicións de vida das maiorías sociais. Por tanto, non hai outro camiño que reaxir e enarborar a bandeira, desde a nosa perspectiva galega, dun proxecto verdadeiramente democrático e, por tanto, un proxecto para a maioría da sociedade.

Socialismo ou Barbarie, dicía Rosa Luxemburgo en plena crise estrutural do capitalismo de comezos do século pasado. Agora, no primeiro grande crash da globalización, imponse dicir que Democracia ou Mercado.