Panem et circenses

Aínda que algúns quedan aos que nada lle interesa este circo, difícil abstraerse deste dislate colectivo.

Nestes días, non de viño e rosas, senón de crise e fútbol vén a conto lembrar a expresión latina atribuída ao poeta romano Xuvenal, na Sátira X, 77-81: ... iam pridem, ex quo suffragia nulli uendimus, effudit curas; nam qui dabat olim ... omnia, nunc se continet atque duas tantum res anxius optat, panem et circenses. Que traducido vén sendo algo así: "xa hai tempo, de cando non vendiamos a ninguén o noso voto, abandonamos os coidados; pois quen noutro tempo se ocupaba de... todo, agora limítase a si mesmo e ansioso espera só por dúas cousas, pan e circo". Xuvenal fai referencia á práctica romana de distribuír trigo gratis aos cidadáns así como de programar custosos espectáculos no circo romano e outras formas de entretemento como medio para gañar poder político e adormecer á poboación.

Os espectáculos que se ían representar no circo anunciábanse a través de grandes cartaces con debuxos. Por entón non había televisión. Este acontecemento constituía o tema favorito de todas as conversas, falábase nos fogares, no Foro, na escola, nas termas e mesmo no Senado. Ese era precisamente o obxectivo do maxistrado de turno que os organizaba, a saber, despreocupar e divertir ao pobo, e asemade conseguir o favor da plebe para alcanzar o posto político desexado. O erario público subvencionaba parte destes xogos, mais como os maxistrados querían o recoñecemento persoal, puñan da súa propia fortuna o resto, xa que a poboación xulgaba o valor da persoa segundo o diñeiro que disipaba.

O grande número de espectáculos e a seguridade da manutención ou annona, máis ou menos abundante, despreocupaba ao pobo de calquera outra cousa e co pan e circo a plebe considerábase feliz. Os días que se celebraban xogos, acudían ao Circo Máximo até 200.000 persoas, ataviadas con diversos atavíos, e en ocasións , os espectadores lucían panos coas cores da súa equipa favorita. Os homes empeñaban as roupas nas apostas, acopiaban comida e pequenas almofadas e entraban no circo para presenciar o espectáculo que duraba todo o día.

Que nos ven á memoria ao lembrar estas antiquísimas prácticas? Utilizando unha outra expresión latina nihil novum sub sole, de onte a hoxe algunhas cousas a penas teñen cambiado e somos herdeiros dos peores costumes dos nosos antepasados. Acaso non se fala hoxe de fútbol nas casas, nos centros de traballo, nas rúas e espazos públicos? E onde onte eran carreiras de cabalos, de carros, loita de gladiadores, loita de feras e mesmo combates navais, hoxe é a disputa entre dúas equipas de once xogadores tras un balón, co obxectivo de marcar máis goles na portería contraria para así poder continuar enfrontándose a outras equipas até chegar a unha final que convertirá aos vencedores nos referentes mundiais e ídolos de masas.

E entrementres a poboación, que xa nin sequera precisa desprazarse ao estadio, senón que pode presenciar o espectáculo a través de pantallas xigantes, esquece por unhas horas os seus problemas cotiáns e vive feliz anestesiada a través do satélite que permite simultaneamente ver o que está a suceder nunha parte do mundo pero que afecta á globalidade, porque así o queren quen nos dirixe: reducir a un resultado deportivo as nosas vidas. Porque o efecto balsámico dunha vitoria é superior aos mellores pronósticos de recuperación económica, e no canto de buscar saídas á crise poñen toda a esperanza nos pés de quen grazas a un gol será portada de todos os xornais. E aínda que os recortes salariais no sector público e os despidos na empresa privada afectan xa a unha parte importante da poboación, o que provoca que haxa un grande número de familias nas que algún ou todos os seus membros están no paro e sen ningunha prestación, mentres os resultados acompañen e a "roja" siga adíante todos contentos. E se hai que premiar con cantidades desorbitadas o traballo xa moi ben remunerado dos protagonistas de tamaña fazaña, pois nos sacrificamos, porque a espléndidos non hai que nos gañe.

E todo seguindo un ritual de simboloxía na que as cores da equipa inundan as rúas, penduran dos balcóns e convírtense en uniformes homoxeneizadores; como se por vestir a mesma camisola persoas de todas as idades, procedencia e condición se convertesen neses xogadores nos que se cren representados. Espírito uniformador que agocha realidades incómodas como a plurinacionalidade do Estado español. Un Estado encarnado por unha selección de xogadores multimillonarios que no fondo non deixan de ser mercenarios, e que perseguen a súa proxección deportiva e persoal.

Aínda que algúns quedan aos que nada lle interesa este circo, difícil abstraerse deste dislate colectivo. Mais os e as que a este grupo pertencemos aproveitemos a oportunidade para gozar da vantaxe da tranquilidade dalgúns espazos comúns durante o tempo que dura o partido ou para adicar esas horas ao ocio non compartido pola masa informe dos afeccionados ao fútbol.

Por iso fago miñas as verbas escritas pola compañeira Susana Méndez, escritas nunha das web de redes sociais, que resumen a actualidade: " Unha crise galopante xerada pola especulación dos grandes capitais, recortes salariais e sociais de tamaño histórico, taxas de paro elevadísimas, privatización de servizos públicos básicos como a sanidade, unha reforma laboral que nos deixa no século XIX, etc, etc.... e a xente non se move máis que por unha panda de fulanos que van cobrar millóns por divertirse xogando ao fútbol. Pan e circo, unha vez máis."