Os mercados e o pánico á liberdade

Os mercados e o pánico á liberdade
A competencia no mercado ofrécese feroz entre vendedores e compradores, entre intereses completamente opostos

Quizais consigamos con pequenas reflexións, como pequenas explosións, abrir algunha fenda no enorme e férreo muro de ocultamento que día a día traza o voraz capitalismo sobre a situación económica que nos asoballa. Os mercados deciden xa sen ningún ocultamento a desfeita do mundo. O BCE encárgase agora de ser a correa de transmisión deses que día a día van dictando aos estados o que facer en contra de todo e a favor do seu.Sigamos pois coas explosións (pacíficas, de luz sobre a escuridade), análises que bombardeen coa palabra clarificadora as estruturas que aínda que o parezan non son invencibles.

J.L. Sampedro facía no 2002 unha nítida analítica dos mercados e esa tendencia a consideralos na súa existencia sinónimos de liberdade. Fácil imaxe para vencer esa idea: nun mercado sen diñeiro non se pode mercar nada. "A liberdade de escolla que a dá é o diñeiro".

A competencia no mercado ofrécese feroz entre vendedores e compradores, entre intereses completamente opostos. Os que compran queren prezos baixos, os que venden altos. Nese rebumbio os que teñan máis diñeiro conseguen con facilidade o que queren, privando a outros de poder obtelo. Os máis dotados dos vendedores tamén van contar con moitos máis recursos para conseguir clientela (publicidade, ofertas...), levando por diante aos seus rivais máis débiles.
Estes, os máis poderosos, os máis fortes, compradores e vendedores, queren como sexa que no mercado exista a máxima liberdade, así poderán empregar sen ningún obstáculo as súa capacidades de competir. Aínda que os máis débiles desexen limitacións que fagan máis xusto o escenario, os poderosos impediranas.

Velaí que se no mercado o diñeiro é o que dá a "liberdade de elixir", no mercado chamado libre son os poderosos os que elixen e os máis fráxiles quedan coas migallas ou sen nada.

Os poderosos non queren intervencións que corrixan desigualdades, nin taxas; só os débiles piden controis de calidade, vixilancia contra abusos e outros mecanismos de defensa.

As críticas furiosas de "Occidente" á URSS polas colas para mercar, ocultaban as enormes "colas invisibles" (como as chama Sampedro) que existen en Occidente. Colas invisibles de compradores que nin se achegan ás tendas por que non teñen diñeiro suficiente para comprar nada deses artículos que unicamente están ao alcance dos adiñeirados. "Colas invisibles" formadas sen ser vistas por todos aqueles que non van ter ningunhaoportunidade nin de aproximarse aos produtos do mercado. No socialismo cun sistema económico planificado a renda reaprtíase con máis igualdade, por iso había colas e racionamento. Nos mercados o reparto é moi desigual e así aparcen esas "colas invisibles" , só uns poucos van mercar, unha minoría, os demais non aparecen.

Eses poderes económicos, con prácticas monopolísticas, creación de macroempresas acaparadoras, e outros métodos, configúranse ao final coma as que dictan as condicións na actividade económica: distribúen operacións operacións segundo os criterios máis convenientes, trasvasan fondos e contabilidades, eluden lexislación e fiscalidades e, sobre todo, esas gransísimas entidades industriais e comerciais xunto con coas grandes institucións financeiras compoñen esa rede de poder económico fronte á que todo desaparece, empezando pola democracia, a política e a liberdade e o pobo.