Os ataques do goberno en feminino plural

Os ataques do goberno en feminino plural
A omnipresente crise non é para nada neutral desde o punto de vista de clase, como tampouco o é desde unha perspectiva de xénero

A omnipresente crise non é para nada neutral desde o punto de vista de clase, como tampouco o é desde unha perspectiva de xénero. Os primeiros sectores afectados pola crise eran maioritariamente ocupados polos homes (industria automobilística, construción, mesmo o sector financeiro), pero agora que a crise –e as medidas de axuste- teñen como protagonistas a sectores ocupados maioritariamente por mulleres (sector servizos, sector público, ben sexa educación, servizos sociais ou sanidade) préstaselles menor atención.      

Aínda que é ben certo que as políticas de austeridade decretadas por Rajoy -e polo acólito Feijoo- obrigan a pagar a crise á clase traballadora en xeral, ás persoas xubiladas, e ás persoas paradas, mentres protexen e inxectan cartos públicos nos grandes bancos e no sector financeiro, non é menos certo que os recortes orzamentarios incrementan as desigualdades entre homes e mulleres, o desemprego feminino, a feminización da pobreza, a precarización laboral das mulleres, e tamén de xeito parello, o seu traballo invisíbel na esfera doméstica.      
Non podemos obviar que a crise ten consecuencias moi distintas para as mulleres e os homes. Un dos efectos máis negativos ten que ver co recorte no gasto público, tanto no que respecta aos recortes no emprego público, (baixada de salarios, eliminación da paga extra, aumento da xornada, despedimentos, etc.) como no recorte dos servizos sociais, chámese ensino, saúde ou dependencia (e por tanto, o desemprego de moitas mulleres empregadas neste sector e a falta de asistencia de moitas mulleres que son tamén beneficiarias deses servizos).
Porque están recortando sobre o que xa era curto (traballo máis precario, economía somerxida, brecha salarial, maior temporalidade, traballos a tempo parcial, o cal significa peor protección social, peores subsidios de desemprego, peores pensións ...). As mulleres son máis sensíbeis aos recortes do cada vez máis cativo estado de benestar, e por tanto dos servizos públicos. Aféctanlles máis porque lles benefician en maior medida.       

Mentres os países que teñen un maior nível de protección social e de servizos públicos absorben mellor o impacto da crise, resistindo mellor á recesión e ao aumento da pobreza, en Galiza e no estado español acometen os recortes precisamente nos piares básicos do estado de benestar. Porque non podemos obviar que cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, son normalmente as mulleres as que asumen ou compensan este déficit, incrementando así a carga de traballo destas para garantir o benestar do ámbito familiar. Pero o patriarcado, pese as resistencias do feminismo, sabe que pode contar con cómplices para subsistir. Porque que  pasaría se un día as mulleres decidísemos facer unha folga de brazos caídos en todo aquilo que ten que ver cos coidados? visualizaríamos o que é unha realidade: o desamparo das nosas e dos nosos maiores, o abandono das crianzas, das persoas enfermas e dependentes. Amosaríamos a verdadeira imaxe de exclusión e do abandono de boa parte da sociedade galega.      

Alguén é capaz de imaxinar unha Galiza onde as mulleres deixaran de facer os traballos non remunerados? O aparato do estado debería ter en conta que o labor levado a cabo ate o de agora en materia de desenvolvemento económico e social veríase dificultado. E non serviría de escusa a crise económica e os axustes impostos para paliala. Terían que inxectar cartos públicos nas contas das mulleres ou proclamar unha amnistía fiscal para garantir que o ámbito doméstico ou privado sustentase o ámbito público e político.      

Porque a crise do capitalismo debe radicalizar a amplas capas das mulleres e empurrarnos cara unha dirección revolucionaria, a que sexamos membros activas dentro da transformación social que precisa o noso país. O Partido Popular está empeñado en recuperar unha sociedade pre- constitucional onde as mulleres fiquen na casa, agochadas e sometidas, a golpe de leis como a de familia, de anuncios de derrogación como a do aborto, ou a base de recortes (ben sexa coa reforma laboral, coas reformas da lei da dependencia ou ás medidas dirixidas á área pública), mentres favorecen a clases e estamentos causantes da situación de crise económica. Pero neste ataque non imos permanecer caladas. Somos cada día máis as que nos organizamos  e saímos á rúa para respostar - alto e claro- que non estamos dispostas a ser cómplices deste saqueo e deste ataque contra os nosos dereitos.