Onde está o rostro humano do capitalismo?

Onde está o rostro humano do capitalismo?
As medidas que está impoñendo o capitalismo, aproveitando a crise económica que el mesmo provocou, teñen un denominador común: ensañarse cos máis débiles

Que o capitalismo é un sistema violento e depredador que naceu, medrou e desenvolveu a base de "sangue, suor e bágoas", está ben historiado e descrito. Que a cara que pretendía amosar nos Estados do centro do sistema capitalista non se correspondía coas falcatruadas que perpetra mundo adiante, é unha evidencia que non se lle escapa a ninguén cun mínimo de sensibilidade social. As inxustizas, guerras, fame e destrozos de todo tipo póñeno en evidencia.

Que as condicións no Centro do sistema non correspondían a ningunha vontade altruísta do capitalismo, senón a que foron concesións arrincadas con moita loita e con moito esforzo e que durarían mentres lle fosen funcionais e tolerábeis ao sistema, é unha verdade da que xa dubidan bastantes máis sectores sociais, adormecidos polo suposto "capitalismo de rostro humano".

Durante bastante décadas, as concesións arrincadas, plasmadas sobre todo no Welfare State (Estado do Benestar) foron funcionais ao capitalismo por tres razóns: garantía a "paz social" freando alternativas políticas antisistema;  aseguraba o mercado interno: "sociedade de consumo", e, por último, as plusvalías internas sumadas ás da explotación colonial eran suficientes para manter este "status quo".

Na orde mundial, a agonía e posterior caída do chamado "socialismo real", e na orde interna do sistema capitalista, o cada vez máis agudo dominio da fracción do capital  financieiro sobre o industrial ou mercantil, mudaron a situación.

O esfarelamento dos Partidos Comunistas e outras forzas anticapitalistas, a domesticación dos sindicatos do sistema, a ilusión da sociedade de consumo, limitaron o perigo de inestabilidade nos estados do centro do sistema. Se a isto lle engadimos as propias lóxicas e dinámicas do capitalismo en xeral, e do capital  financieiro, en particular, teremos a explicación das medidas que  foi sucesivamente adoptando: imposición da doutrina política e social do neoliberalismo, gobernos neocons en varios estados, guerras, Maastrich, Constitución Europea, imperialismo puro e duro, agora chamado globalización, recortes de dereitos, etc., etc., todas elas con moi pouca oposición das forzas políticas e sindicais dos Estados. Tanto é así que o nacionalismo galego, tanto o político como o sindical, foi das poucas voces que alertaron do que estaba a pasar e se opuxo con todas as súas forzas.

A pantasma do dominio absoluto do capitalismo na súa versión de capital financeiro percorre o mundo enteiro; os estados ou países que non comungan con estes postulados son declarados eixe do mal. Dentro dos Estados, ás nacións que carecen del, así como as forzas políticas resistentes a estes designios, foron, por un lado, atacadas e, por outro, chamadas con cantos de serea a seren asimiladas.

Pero restaba un paso que non se atrevían a dar con toda a crueza e en toda a súa extensión: atacar as condicións de vida da inmensa maioría da poboación nos Estados do centro do sistema, especialmente na Europa continental. Había un goteo interminábel de medidas parciais neste senso, pero a prevista resistencia popular, xunto cos intereses do capital produtivo, ao que lle interesaba manter a capacidade de consumo, levou a que esta tarefa estivese inconclusa, cando menos na magnitude que pretendían os centros de decisión do sistema capitalista.

Pero veu a crise, a crise que provocou o capital financeiro e as súas aventuras especulativas, a crise de sobreprodución ou subconsumo agravadísima pola cada vez máis elevada compoñente especulativa da economía capitalista. Despois de iniciais abaneos pola que lle podía caer enriba, o capitalismo máis descarnado outra vez ao ataque, a ensinar a súa verdadeira faciana. Era a ocasión! Non ían a desaproveitala. E claro que non a están desaproveitando. Pouco lle faltaba para poder ir dereitiños ao seu obxectivo, en realidade, despois de toda a que armaron, só lles restaba un matiz: convencer ás clases populares de que estaban vivindo por enriba das súas posibilidades, de que había que apertarse o cinto.

Ninguén aos que se dirixe esta mensaxe estaba nesta situación: os funcionarios aínda non recuperaron o poder adquisitivo do ano 96, os pensionistas xa tiveron o recorte do Pacto de Toledo e as pensións seguen a ser moi baixas, as Administración Locais malviven como boamente poden, as axudas a natalidade eran ridículas, etc. Que sexa radicalmente falso en todos os casos o aserto "vivir por enriba das posibilidades" non ía ser un obstáculo serio cando contan con todo o aparato de propaganda/información servilmente ao servizo da causa e cando se lle mete o medo no corpo aos destinatarios da mensaxe.

A desculpa foi o déficit como puido ser calquera outra; é tan feble este argumento que non lle servía o recorte do déficit por outras vías, que as hai e varias: suba dos ingresos, recortes en outras partidas,... O que quería o "mercado", lease capitalismo dominante, era un determinado tipo de medidas, non outras. O do déficit impórtalle máis ben pouco (véxase o caso USA); do paro e da recuperación da economía case que se esqueceron. O que lle interesa ao capitalismo dominante é que se adopten medidas que se ceben nos elos máis débiles da sociedade como paso preparatorio necesario para atacar de fronte á clase obreira e seguir dobregando ás nacións sen Estado; o primeiro paso está dado en grande parte dos Estados europeos, o segundo, nalgúns xa case está e no español caerá axiña; o terceiro é unha teima no Estado español desde hai tempo, só falla darlle unha volta de torca.

As caretas xa caeron. Se alguén cría no "capitalismo de rostro humano", o propio capitalismo se encarga de desmontar a súa inxenuidade. Se alguén supoñía que os dereitos os regalou o "benefactor" capitalismo, xa pode retomar a senda da loita política e sindical. Quen queira defender os dereitos de Galiza e das súas clases populares, bos tempos para a lírica: loitar contra matóns covardes que abusan dos máis débiles.