O FMI apunta, o PSOE dispara

O FMI apunta, o PSOE dispara
O PSOE vólvese situar ás costas das maiorías sociais cunha nova medida gobernativa que bate duramente nos e nas traballadoras

Hai poucos días o FMI deixaba ben claro que ademais de actuar, e facelo con contundencia e determinación, nos sistemas bancarios e fiscais, quere ter tamén "mando en praza" no que atinxe ao mercado laboral, ou por mellor dicir, no que afecta aos dereitos das traballadoras e traballadores.

Así, o FMI, para tentar salvar un sistema económico que a cada se manifesta máis saturado e irracional, urxiu ao Goberno español a reformar o mercado laboral, ao que considera como "disfuncional".  Entre  as medidas propostas polo organismo internacional está o da redución dos custes do despedimento, a reformulación da actualización dos salarios en función do IPC, a desregulación, aínda máis, das relacións laborais e a limitación do marco de negociación dos convenios colectivos. É dicir, a proposta do FMI para sair da crise -crise non provocada, por certo, polas clases traballadoras- é o da merma de dereitos laborais e económicos, situando ante a sociedade o esquema de que a máis dereitos socio-laborais menos posibilidades de sair da crise.

E qué fixo a progresía española ante a recomendación do FMI? Ao Goberno español presidido por ZP faltoulle tempo para santificar a proposta formulada polo FMI, demostrando que esta esquerda española "guai", "moderna", "enrollada" e "zen" - como se definiu a Rodríguez Zapatero á súa chegada á dirección do PSOE- atende máis aos díxitos da calculadora manexada polo monetarismo que ás necesidades e inquedanzas das maiorías sociais.

En esencia, o PSOE víralle as costas aos traballadores e traballadoras artellando unilateralmente un paquete de medidas que vai supor un duro revés para os sectores populares. Así, como un duro revés, é como de debe calificar o propósito gobernativo de flexibilizar e facilitar o despedimento por causas obxectivas -cando unha empresa alega dificultades económicas ou organizativas- para, en definitiva, poñer menos límites a que as empresas poidan acudir a esta modalidade de despedimento, xa de por si ben barata. Outro tanto podemos afirmar da tentativa de xeralizar a indemnización por despedimento de 33 días de salario en lugar dos 45 vixentes a día de hoxe, somándolle a isto a implantación do modelo austríaco.

Un duro revés que vai supor, de se aprobar definitivamente as recomendacións do FMI, un retroceso implacábel nos dereitos das maiorías sociais ao dárselle carta de natureza e vía libre ao abaratamento do despedimento -e convén facer fincapé no concepto de abaratamento, xa que o despedimento a día de hoxe xa é, con poucas excepcións, libre mais non gratuíto, e esta medida, en definitiva, pretende que ademáis de libre sexa máis barato- e ao pretender minguar a capacidade de incidencia das organizacións sindicais na negociación colectiva.

Así, máis unha vez da man do PSOE, vemos políticas de axuste contra as clases máis febles para tentar remontar a crise económica, sendo as maiorías populares dobremente castigadas e pretendendo facernos crer que a maior desregulación e flexibilidade, en definitiva, a menos dereitos máis estabilidade laboral.

O nacionalismo, que representa o movemento social e político que defende ás maiorías sociais da Galiza, debe enfrontar esta situación en todas as frentes e campos de actuación, tanto no político e institucional como tamén no plano sindical e social, impulsando propostas, campañas e actuacións que axuden a articular unha masa crítica que evite que, novamente, o sistema se reinvente en base aos sacrificios e recortes nos sectores máis febles da sociedade. Máis unha vez, a bandeira azul e branca con estrela vermella de cinco pontas deberá facerse forte nas rúas de Galiza e nas institucións erguendo unha inmensa barricada social que free este novo ataque.

Visto que estonoloarreglamosentretodos.org -xa que de momento os custos da crise están recaendo en exclusiva sobre as clases populares- é tempo de activarmos á sociedade e defender os dereitos socio-laborais dos galegos e galegas.