O 28 de xullo e as zonas C? Máis do mesmo? Non, peor

O 28 de xullo e as zonas C? Máis do mesmo? Non, peor
Todos os partidos e sindicatos españois dunha banda a outra, se chamen como se chamen son responsábeis da explotación colonial dos nosos recursos


Despois de tres anos (setembro e posterior rectificación de decembro de 2007), sae unha nova clasificación de zonas C para as costas galegas.

O 28 de xullo publícase no D.O.G. esta nova clasificación que de nova so ten a data. Xa a un de xaneiro de 2006 non podía quedar unha zona da nosa costa sen depurar, non podía haber unha zona C en toda Europa. Pero na Galiza, na nación europea con maior dependencia do mar eramos os únicos que non tiñan  maioritariamente depuración e polo tanto os únicos con zonas C de toda Europa (queda algunha pequena zona en Euskal Herria e España (Cantabria)).

A indolencia da administración española e da galega, debido á falla de interese dos partidos españois na defensa dos nosos sectores produtivos e do noso medio natural, e ademais da falla, a súa participación activa na desfeita dos mesmos, so ten unha explicación: somos unha colonia. Un país colonizado, por mais que os colaboradores o neguen, so desta maneira se poden explicar situacións como a do noso mar, que por certo non é a única.

Todos os partidos e sindicatos españois dunha banda a outra, se chamen como se chamen son responsábeis desta situación de explotación colonial dos nosos recursos, e de ter cada vez mais unha economía precarizada pola desfeita cada vez maior dos nosos sectores produtivos, do marisqueo ao naval, da gandería ao vento ou o carbón.

Pero centrándonos no mar, ante esta inexplicábel situación este 28 de xullo remata con a constatación de tres anos mais de desidia, a situación non só non mellorou, e que é peor que hai tres anos!. É verdade que hai algunha zona que pasou de C a B pero son as menos, outras pasaron de B a C e no reconto final hai mais zonas C !.

En xeral a situación é inexplicábel. É incomprensíbel que nun pais europeo poda ocorrer isto (sempre que non se trate dunha colonia, así explícase todo). Pero hai algunhas situacións gravísimas, pode ser que cada un vexa a súa en particular como a peor, pero estas en concreto o son non por cadrarme a min mais perto senón porque a realidade sobrepasa o limite do absurdo e o desprezo absoluto polo noso.

Comezarei pola ría de Ferrol. Na actualidade mais do 40% da súa superficie total é zona C, pero nesta superficie atópanse os bancos marisqueiros que producían arredor do 80% do marisco extraido desta ría, e quedan polo menos,  no mellor dos casos dous anos até que comece a funcionar algunha das depuradoras de augas residuais, iso se non hai mais atrasos, como ven sendo habitual. Todo isto sumado á situación xeral da comarca lévanos a unha situación catastrófica, para os sindicatos e partidos españois non está tan mal, porque que temos o "plan Ferrol" claro! (paquete de axuda de tocador para que algunhas organizacións segan a facer o mesmo). Pero xa Paco Vázquez (que de novo aparece para defender as touradas, como non!) cando foi o accidente do "Aegean Sea" e o petróleo derramado por este ardía fronte á torre de hércules e unha densa masa de fume era levada polo vento, dicía aquelo de "tranquilos coruñeses que el humo va para Ferrol", cousa que foi verdade e hoxe repítese coas augas residuais. A EDAR da Coruña, que non é tal, xa que só bombea as augas residuais fora da ría do Burgo (cando non sae por outros sitios como ben saben na Confraría da Coruña), dependendo do vento entra na ría de Ferrol ate mais ao interior de Mugardos (información oficiosa do SEPRONA). Por se non tiñamos abondo co noso, tamén temos "achegas externas".

E temos ademais a situación da ría do Burgo (A Coruña), este mesmo día 28  de Xullo, pasa a zona B unha parte dos bancos marisqueiros nos que traballan os mariscadores e mariscadoras da confraría da Coruña. Con ver aquelo sobran as palabras, a consellaría di que as análises que fixo o INTECMAR confirman que alí non hai contaminación fecal. Eu non vou poñer en dúbida ao INTECMAR, nin á capacidade do seu persoal, pero tamén sabemos que unha mostra depende moito de onde e de cando se colle. Cando hai unha situación, como mínimo sospeitosa, sería necesario realizar unha nova campaña de mostras, con novas localizacións e un novo calendario. Pero aquí non hai opción e xa van meses solicitando unha revisión antes da publicación no DOG. Non se entende como a consellaría escatima cartos para unha confraría afectada, mentres hai mariscadoras noutra confraría que sen ter zonas C están a cobrar (defendidas polo sindicalismo españolista).

Todo até aquí sería unha barbaridade, pola falla total de interese da administración en xeral de solucionar a situación de ausencia das EDAR, ou mal funcionamento das mesmas. Pero a cousa é aínda peor, xa que a Consellaría do Mar, que é a que ten que defender aos traballadores e traballadoras do mar e os seus recursos, argalla un sistema para facer todo o contrario. Algo que xa ven desde a Consellaría do PSOE, foi Carmen Gallego a que comezou e o PP tomou o relevo, é a "depuración intensiva" (xa explicado nun artigo anterior), pero que podería representar de levarse a cabo (se Europa o aproba) o maior dano feito ao marisqueo galego na súa historia, a perda de valor do marisco ía producir a perda de poder adquisitivo dos e das mariscadoras, traballar o mesmo para gañar menos. Perda dunha categoría de calidade dificilmente recuperábel.

É a sociedade galega no seu conxunto a que ten que pedir o saneamento integral das rías dunha vez. Pero son os mariscadores e mariscadoras, mariñeiros e mariñeiras os que teñen que estar á fronte. A Consellaría do Mar, que se mantén cos nosos impostos, ten que facer uso deles para o motivo polo que existe, que non é outro que a defensa dos recursos do mar o dos seus traballadores e traballadoras, temos que esixir que cumpra co seu deber. Desde o nacionalismo estamos e estaremos sempre cos traballadores e traballadoras do nos pais, porque a defensa dos nosos sectores produtivos son a nosa razón de ser. Queremos ver o día no que no DOG saia publicada unha clasificación das nosas augas costeiras sen zonas C. E desde logo até que iso aconteza imos estar aí, ao lado da xente do mar e defendendo os nosos recursos.

Para ser un pais normal, onde poder usar a nosa lingua con normalidade e poder decidir sobre a nosa economía, hai moito traballo por facer, pero cada un no seu seguimos para adiante. E polo que a algúns nos toca, no mar hai moito por facer, de moratoria nada de nada e as zonas C van desaparecer.

Quería rematar con un saúdo a Paco Vázquez, que parece que retorna, empeñado en defender as touradas, di que teñen moita historia, desde Creta di el. Xa que aínda está en Roma que retomen outra tradición con historia por alí, que poñan a funcionar o Coliseo e que o boten aos Leóns.