Non claudicarmos na batalla da lingua(xe)
Vivimos tempos de apropiación dos símbolos, iconas e linguaxe libertadora polos mesmos que pretenden eliminar esa mesma liberdade
O avanzo no plano económico do proxecto imperialista a nivel mundial, tanto na súa vertente norteamericana como na máis próxima da Unión Europea, ven igualmente acompañado, no ámbito social, de fortes desigualdades, privatización e deterioración dos servizos públicos, baixas salariais, recortes das pensións, desemprego, ou precariedade no posto de traballo. Son elementos inerentes aos procesos de acumulación capitalista. E na instancia política, os mercados precisan da eliminación da soberanía dos pobos, da uniformización lingüística e cultural, do baleirado democrático de gobernos e parlamentos, que deberán obedecer á xerarquía imposta polo capital. En definitiva, miseria e destrución da humanidade. Mais tamén, no plano ideolóxico, do intento de lexitimación social do capitalismo como único sistema económico posíbel, viábel e ademais positivo para a sociedade. Aquí é onde cumpre tamén centrar a análise. Porque é indispensábel, para o éxito da ofensiva capitalista, a anulación dunha resposta social e popular que podería pór en perigo esa mesma vitoria neoliberal.
A utilización semiótica da comunicación política de masas, ao servizo dos intereses económicos máis inconfesábeis, non é unha novidade. Filmes comerciais de éxito, publicidade, documentais, difusión de información monopolizada e deformada por medios de comunicación debidamente controlados e con peneira ideolóxica previa das grandes cadeas de noticias, son unha constante. Simultaneamente, censura e deformación do discrepante. Singularmente, na Galiza, do nacionalismo galego. Precísase domesticar a sociedade, facerlle entender que, en tempos de crise, é lóxico que a banca privada gañe máis e que as clases traballadoras se sacrifiquen; que os que máis teñen paguen menos, e os que menos teñen non sexan quen de chegar a fin de mes. Infundir medo no pobo, deformando os contextos para facelos monstruosos a fin de chegar á conclusión de que non podemos acabar como Grecia, aínda que logo nos apliquen receitas similares. Da fascinación polo individualismo e o desprezo ás alternativas colectivas. Da sedución polo foráneo (sexa español ou norteamericano) e o desdén polo propio.
Resulta curioso comprobar como a manipulación do léxico e a prostitución da semántica, chega ao paroxismo nos tempos que corren. Cumpre eliminar a racionalidade e a análise crítica, substituíndoa pola resposta emocional da poboación. As masacres no Iraque ou en Afganistán pasan a se denominar "danos colaterais". O goberno iraniano, lembremos, formaba parte do "Eixo do Mal", nada menos. Iso si, a ocupación militar imperialista recibía o fermoso nome de "Operación Liberdade Duradeira". Máis perto de nós, a imposición do español e a exclusión do galego pasa por se cualificar como "liberdade"; a privatización, "externalización"; e o despedimento de traballadores, "reestruturación do cadro de persoal". A emigración é "mobilidade". Xa non hai dereitos. Como moito, "oportunidades". Agora, nin traballadores hai: son "recursos humanos". Até o partido político máis clasista se autodefine como "popular", e os seus dirixentes, "populares", cando moitos deles xa nasceron sendo señoritos. Sóubose toda a vida que os pobres se emborrachaban, mais os ricos "embriagábanse". Ou que os ladróns rouban, mentres os bancos "comisan". Chegamos a extremos nos que cargos públicos do Partido Popular que realizan aberta apoloxía do terrorismo de estado (réxime franquista) son comprensivamente alcumados, no peor dos casos, como "nostálxicos". O Che, ou Lenine, pasan ser efixies publicitarias do propio capitalismo que eles combateron...
Vivimos tempos de apropiación dos símbolos, iconas e linguaxe libertadora polos mesmos que pretenden eliminar esa mesma liberdade. E, por suposto, comunismo ou nacionalismo son categorías ideolóxicas aberta e inxustamente criminalizadas. Nesa mesma ofensiva ideolóxica pretenden agora que renunciemos ao que somos, comezando por abdicar das nosas construcións simbólicas e da nosa terminoloxía. A bandeira galega non pode levar estrela, cumpre denominar ao país Galicia, e non Galiza (pobre Castelao!); non é "moderno" falar dos sectores produtivos, nin nos podemos organizar politicamente como fronte. Non vivimos un proceso de substitución lingüística, senón nunha sociedade bilingüe, ademais de cosmopolita. A Unión Europea non é criticábel, porque seica é modelo de felicidade, liberdade e prosperidade. España é a nosa casa plural, e o español a lingua común. A iso pretenden conducirnos. A falar sen dicir nada, á infantilización da nosa mensaxe política. A anularnos politicamente para non sermos nada. Para que a nación tamén desapareza.
Pois presentemos batalla. Os que queremos liberdade para Galiza somos nós, non eles. Os agredidos somos nós. Nós si defendemos a xustiza e a democracia, non eles. Non claudiquemos diante do intento de usurpación do noso. Con intelixencia, si, e con moita pedagoxía social, mais non nos avergoñemos: reafirmémonos con determinación. Pois si, somos nós. E loitamos por un estado galego republicano, democrático e popular.