No fácil todos somos listos

No fácil todos somos listos
Resulta fácil, pero é precisamente nos momentos difíciles onde se pode apreciar con maior intensidade o intelecto e a capacidade das persoas para sobrepoñerse e atopar solucións reais

Resulta fácil, pero é precisamente nos momentos difíciles onde se pode apreciar con maior intensidade o intelecto e a capacidade das persoas para sobrepoñerse e atopar solucións reais. Digo isto xa que atopamos todos os días discursos oficiais de Alberto I de Galicia e DL de España nos que presume da súa labor ao fronte do goberno da Xunta, que si xa temos feito os deberes, que si somos un exemplo a seguir, etc. Sempre coidando a posta en escena e sempre coas saídas perfectamente estipuladas, vamos como si fixera un curso destes de seguridade laboral por internet. A culpa dos desastres todos son dos demais, dos anteriores gobernos, da crise mundial, etc, pero é curioso que nomee as culpas e non as causas como un método de escapismo propio dos mellores magos. Pero claro, todo ten fallos e o que nun momento dado parece até lóxico entronca con outras accións ou situacións que descolocan por descontado toda a maraña de mentiras que nos contan. As políticas de recorte, por certo espello dos ditames das grandes multinacionais e gobernos afíns, son as ideadas polo propio “ente” europeo e, polo tanto, tampouco poden ser atribuídas ao ideario mental desta personaxe nin tampouco á súa habilidade para atallar esta manida crise con outros métodos que non impliquen un sacrificio á poboación en xeral. Podemos volver a preguntarnos como cidadáns que fixemos nos realmente para chegar a esta situación ou que parte da solución deste problema temos que asumir en consecuencia. Son preguntas sinxelas, pero que parece que todo mundo esquece ou non quere recordar. Os mercados, benditos eles e o sistema financeiro, etc , só nos utilizan para a súa propia existencia e non pasamos de ser peóns vulnerables aos que convencer do seu status quo en función dos tempos, hoxe toca remar e traballar mañá toca consumir.  

Tras desta pantalla fedorenta temos que asumir que o noso diñeiro, público, de todos e todas ten que ser investido neses pobres bancos que non son quen de asumir a súa xestión. A min como cidadán pódeseme privar dos meus aforros, da miña casa e dos bens de quen me avalaran nun préstamo, pero a eles que lles ocorre? Nada, a resposta é fácil e tanxible, nada. Simplemente facemos malabarismos e desviamos a atención cara ao policía que tiña que vixiar que non sucedese nada (sería cómplice) e punto, é máis, aínda temos que aguantar a honradez pública de quen levou esta situación durante todos estes anos. O mundo ao revés.  

Nestes momentos gustaríame (recoñezo que nun arrebato de indignación e rancor) que a todas esas entidades financeiras lles puxéramos (nos claro está, como imos ser propietarios por poñer diñeiro, ou cando menos accionistas) unha amortización a todo o diñeiro que van levar e un xuros tan interesantes e variables como os que teñen que soportar a maior parte da xente, e, a maiores, ter como avalistas a toda esta xente que viviu á conta de quen traballou dignamente e que non fixeron máis que deter o noso mundo para vivir o deles, ao fin seguimos nunha idade media coa vasalaxe e o servilismo camuflado.  

E Alberto I de Galicia contento, que nos xa fixemos os deberes e debémosllo agradecer, claro que si, nós xa levamos pagando a crise moito tempo, e polo tanto temos máis diñeiro perdido e iso Don Mariano non o vai esquecer, dígocho eu.