Nacionalización ou esmorecemento produtivo
A chave, como apuntou o nacionalismo galego desde hai décadas pasa ineludibelmente por unha economía autocentrada
O noso país enfronta arestora o risco real do desartellamento definitivo da súa base produtiva, debilitada sobremaneira logo da entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea, precedente histórico da actual UE. Arestora sintomatizan esta situación límite dous sectores que paradoxalmente partillan un mesmo medio: o mar.
Dunha banda a expulsión da flota galega dos caladoiros mauritanos, volveu por de relevo as graves consecuencias que ten para a nosa nación verse privada de soberanía e forzosamente inserta nun marco de dupla dependencia, de corte colonial: o estatal, nun Estado español en plena fase de recentralización tanto política como económica, e en Europa, facendo parte da periferia da periferia continental.
Por outra o sector naval galego, non só polo veto á construción civil en Ferrolterra senón pola posibilidade certeira de que os estaleiros privados acaben botando o peche definitivamente, consumando a destrución de 15.000 postos de traballo e dunha achega relevante a PIB galego. O corolario da desfeita da outrora puxante construción naval galega é a posíbel decisión comunitaria que forzaría á devolución de case 3.000 millóns de euros, cos que se bonificou o sector a través do denominado tax lease.
Para alén das medidas necesarias para salvar esta conxuntura tan complexa, quer a renegociación do acordo pesqueiro UE-Mauritania, quer a resolución do tax lease, estas problemáticas poñen acima da mesa a necesidade perentoria de abordarmos con maior profundidade unha cuestión central xa non para o desenvolvemento económico, senón mesmamente para garantir a subsistencia da base material do noso país.
A chave, como apuntou o nacionalismo galego desde hai décadas pasa ineludibelmente por unha economía autocentrada, que poña en marcha as nosas potencialidades produtivas para satisfacer as necesidades do país no seu conxunto e, nomeadamente, as do pobo traballador galego. Mais esa aposta exixe que se concretice e articule nun programa económico, que supere deseños conxunturais ou tácticos, tirando liñas estratéxicas e sobre todo definindo con claridade os suxeitos. A respecto desto último, logo de que o esmorecemento industrial veña de demostrar os límites que o propio capital exerce para o noso desenvolvemento, e a incapacidade (deliberada) do empresariado privado mesmo para manter a actividade económica en sectores estratéxicos, é evidente que esa economía de noso só pode asentarse nunha importante --por non dicir predominante-- iniciativa pública. Haberá pois que definir os mecanismos que o fagan posíbel, por complexos ou arriscados que poidan parecer. Sobre todo cando se constata que a disxuntiva é “nacionalización” (sen excluírmos, loxicamente, fórmulas expropiatorias) ou o “esmorecemento” produtivo.