Explotación consentida

Na construción estalle permitido as empresas facer case todo

Estamos a vivir, como nunca antes tiña acontecido, un deterioro das condicións de traballo consentido por todos aqueles que, tendo capacidade executiva para atacalo miran para outro lado, con actitudes de pasividade clamorosa, amparados sempre na coartada e xustificación da crise económica.

A actividade laboral onde se visualiza con máis claridade esta situación é na construción, que polas súas particularidades de: atomización (o 94,3% das empresas teñen menos de 9 traballadores), dispersión (as empresas realizan ao mesmo tempo distintas obras en lugares deferentes), e grandes índices de precariedade; unido a ser un dos sectores que está a sufrir con máis dureza as consecuencias da crise, fai que a situación actual dos traballadores da construción -máis vulnerables que nunca e polo tanto menos reivindicativos-, sexa de total desprotección.   

Na construción estalle permitido as empresas facer case todo. A "normalidade" do sector é o incumprimento do convenio, tanto en materia salarial como no exceso de xornada. O salario-hora estase a impoñer como forma de pago, cando segundo os distintos convenios provinciais, a única maneira que se contempla para o abono dos salarios é a de salario-mes. O traballador percibe por cada hora realizada sempre o mesmo valor -sexan ordinarias, extraordinarias ou realizadas en días festivos-, cando os convenios fan diferenciación, entre 6,50 e 7,50 €.

Neste valor da hora, vai incluído tanto a liquidación: pagas extras e vacacións (que case nunca se chegan a gozar), como a indemnización de fin de contrato. Con este sistema de pago do salario, un Oficial de 2ª, sen contar a indemnización nin os días traballados en festivos, deixa de percibir cada ano sobre 6.700 €.

En materia de xornada estanse a facer, no mellor dos casos, 10 horas diarias, cando os convenios fixan a xornada en 8 horas, aparte de traballar en días festivos e festivos de convenio. Neste apartado, o incumprimento da legalidade vixente agravase ao estarse producindo "a ollos visto". Á deferencia doutros sectores, que normalmente realizan a súa actividade en recintos pechados, e polo tanto se houbese algunha irregularidade nesta materia sería máis difícil de controlar, na construción ao ser unha actividade que se realiza ao ar libre, é fácil facer un seguimento do número de horas e dos días que unha obra esta en actividade. Calquera cidadán pode comprobar este feito, basta con dar unha volta polos lugares cércanos aos nosos domicilios. 

Esta situación de degradación das condicións salariais e de traballo, faise aínda máis evidente na obra pública. Estase a dar o paradoxo de que, quén tería que cumprir co papel de ser o espello no que mirarse o sector á hora do cumprimento da legalidade,  xusto son o exemplo de todo o contrario. Onde se están a cometer o maior número de irregularidades, tanto en materia de lexislación laboral como de negociación colectiva, é nas obras da administración con, segundo o caso, deferentes grados de incumprimento.

Neste punto hai que destacar o que está acontecendo coas obras licitadas polo goberno central, nos distintos tramos do AVE, aeroportos de Lavacolla e Peinador, Porto exterior de A Coruña, etc. Nestas obras que son as de maior volume que nestes momentos se están a realizar en Galiza, e polo tanto onde máis traballadores están a desenvolver a súa actividade, son o exemplo do maior número de irregularidades: a xornada de traballo é de 12 horas (no interior dos túneles 13 horas), traballase en xornadas festivas, e no referente aos salarios, estase a pagar o salario-hora na cantidade máis baixa (chegase a pagar a 5 €/hora).

Dende a Federación da Construción da CIG, feita a valoración do que estaba pasando, acordamos que a nosa acción sindical tiña que xirar case en exclusiva acerca desta problemática. Comezamos en febreiro-09, cunha campaña de información que durou todo o ano pasado, denunciando con rodas de prensa e concentracións de traballadores diante dalgunhas destas obras, todo o que estaba acontecendo.

Nunha segunda fase, acordamos entrar directamente nas obras e paralizalas durante un día. Estas mobilizacións se fixeron con delegados e, o máis importante, con traballadores parados do sector afectados directamente por esta situación de deterioro permitido. Nalgunha das obras que paralizamos, xa conseguimos  de inmediato que se comezase a traballar 8 horas, e que Inspección de Traballo levantase as primeiras actas de infracción constatando tódalas irregularidades que tiñamos denunciado.

Na terceira etapa de mobilizacións despois do verán, pasamos a convocar folgas alí onde non se tiñan conseguido avances. Estamos tendo xa os primeiros resultados positivos. Na materia máis complicada dos salarios, temos obrigado ás empresas a que abonen os salarios a través de transferencias e non en man como o facían ata o de agora.

Queda moito que facer, sen esquecer que nesta campaña está a CIG soa fronte as empresas máis potentes do Estado. Os outros sindicatos pola súa práctica, afastados dos centros de traballo non teñen feito o máis mínimo, nin sequera formalmente se teñen pronunciado. O silencio é a súa norma de conduta.

As primeiras actas da Inspección téñennos valido para, no campo xurídico ganar as primeiras sentencias de reclamación de cantidades, e así aumentar o estado de confianza dos traballadores nas nosas mobilizacións, e tamén para que algúns medios de comunicación lle estean a dar máis importancia ás nosas accións. A autoridade laboral confirmando as nosas denuncias fai que a problemática sexa máis difícil de ocultar.

Cando o Ministerio de Fomento, e por extensión o goberno central, en calidade de responsable das obras, é consultado por todas as irregularidades confirmadas, da sempre a calada por resposta. Para eles o importante é rematar as obras en prazo. As condicións laborais dos traballadores, non parece importarlle en absoluto, consentindo e alimentando coa súa actuación pasiva, esta explotación que estamos a denunciar.

A única forza política que se ten interesado por toda esta campaña que está a realizar a CIG-Construción, foi o BNG. Dende fai tempo vimos mantendo reunións periódicas conxuntas de seguimento de toda esta situación, que se van concretando en diferentes iniciativas tanto no Parlamento Galego como no do Estado, así como tamén levando mocións a algúns axuntamentos a través dos concelleiros do BNG. Neste  grao de colaboración xa temos realizado unha rolda de prensa conxunta.

Nos consta que as iniciativas que se levaron ás distintas administracións, están a dar froitos. Que a Inspección teña actuado ten moito que ver coas consideracións que se lle teñen feito dende o Ministerio de Traballo e da Consellería de Traballo. Se queremos ter resultados positivos, faise obrigado o traballo complementario entre o nacionalismo sindical e político, cada un no seu campo de actuación. Neste caso a CIG coa denuncia e mobilización e o BNG facendo de portavoz nas distintas institucións. Esta experiencia é un moi bo exemplo.