Dignificar e darlle valor ao noso agro

Dignificar e darlle valor ao noso agro
Galicia sen o rural perde una parte moi importante da súa identidade e non debemos permitilo

Ei, o sol, niño ardendo nos loureiros!

Ei ledicia do agro cheo de homes!

Nos meus ollos de neno lapas, hoxe

terra rebada.

Xosé María Díaz Castro    

Por desgraza, debido as malas políticas que aplicaron os que nos desgobernaron durante tantos anos, e que aínda seguen na desfeita, hoxe xa non temos esa ledicia de ver o agro cheo de homes que dicía o gran poeta, meu veciño e mellor amigo, Xosé María Díaz Castro, nin tampouco andan xa detrás do arado as pegas a brincar, como nos lembraba noutro dos seus fermosos poemas. Non soamente o agro estaba cheo de homes, senón que no monte bulían os cativos a pastar as vacas e as súas ilusións para o mañá. Agora, por mor deses gobernantes, o noso agro está esmorecendo e perdendo a súa poboación a pasos axigantados.    

Primeiro dixéronlles ao labregos que había que renovarse, que o agro había que convertelo en prados onde pastarán vacas leiteiras que darían ouro branco a moreas. Dixéronlles que había que anovarse e os nosos paisanos encetaron a facer praderías convertendo, tanto os montes coma as terras de labranza onde antes votaban millo, centeo, nabos e patacas, en vizosos prados de herba; fixeron cortes novas de cemento e mercaron modernas máquinas de muxir con refrixeradores do leite incluídos.    

Despois aconselláronlles que se industrializaran e os poucos cartos que lles pagaban polo leite tiñan que empregalos en mercar tractores, empacadoras, cisternas para o xurro e outros ferragachos. O pouco que podían aforrar levábano outras industrias máis puxantes de fora da nosa terra que facían o agosto producindo esas ferramentas. Aseguráronlles que todos eses esforzos eran para se faceren competitivos, e que había que mercar vacas de fora porque eran mais produtivas, que había que xuntarse en cooperativas e fuxir do individualismo. ¡Quen o ía dicir!. Os neoliberais, promotores do individualismo mais atroz acusando aos nosos labregos de individualistas, cando sempre viviron en comunidade facendo os traballos colectivamente (a malla, a matanza, os carretos e outras labores), fundando sindicatos, centros galegos na emigración e sociedades benéficas por todo o mundo. Pero, ao ser unha colonia, os galegos sempre tivemos que apandar con tópicos que non definen acertadamente o noso xeito de ser nin o noso comportamento. Compre facernos respectar e dignificar o noso campo para que esta situación cambie. Para elo debemos construír a nosa nación e arredarnos o antes posible dese imperio que vai cada vez mais a deriva e que pretende saír a flote facendo que paguemos os pratos rotos afundíndonos a nós.    

Daquela moitos rapaces novos, tivemos que coller o duro camiño da emigración, porque na nosa terra non había industrias. Outros negáronse a abandonar a patria, seguiron os consellos dos politicastros que lles tocou padecer e atópanse agora, ao chegar a vellos, nunha situación case desesperante, xa que o único que puideron aforrar foi un montón de ferros nos pallares que xa non lles serven para nada, debido a que os fillos teñen que buscar outro modo de vida mais rendíbel.    
A famosa Cota Empresarial foi a que fixo desaparecer un montón de explotacións gandeiras ao ter que pagar coma se fosen empresarios, veu logo a Cota do Leite que fixo desaparecer outras tantas por non contar con cota dabondo, ou por non poder mercala, pero cando xa as poucas explotacións que quedaban e que cumprían relixiosamente o que se lles sinalaba dende Madrid, chegaron xuntas as sete pragas de Exipto: As vacas que trouxeron de fora collían enfermidades descoñecidas na raza autóctona e os chamados saneamentos decimaron as súas ganderías; polos becerros non pagan nada, e hai que aturalos porque si as vacas non paren non dan o leite; as grandes superficies comerciais fan propaganda a conta deles regalando ou vendendo a baixo prezo o seu único produto. Os labregos fixéronlles caso en todo pero eles miraban outros intereses bastardos, non obraban de boa fe e menten agora cando din que defenden o noso Sector Lácteo. Para mais INRI, agora van suprimir a cota do leite para que os que se xubilan non poidan vendela e recuperar os cartos que tiveron que empregar cando a mercaron. Mais malévolos xa non se pode ser, aínda que se faga a propósito.   

Agora xa hai, para a nosa desgraza, leiros plantados de piñeiros ou eucaliptos, presas fáciles do lume que prenden eses desaprensivos e desalmados que non teñen amor a terra senón aos seus intereses persoais. Agora mercan as casas valeiras das aldeas matrimonios ingleses e xentes que viven nas cidades, as que veñen o fin de semana cos seus fillos falando castrapo e contaminando así a reserva lingüística mais importante da que dispón o noso idioma, que non está precisamente para perder terreo onde mellor se conservaba.    

Eu quixera volver a ver o noso agro cheo de homes como o viron os meus ollos de neno e non abandonado ou plantado de eucaliptos coma hoxe, que os seus produtos tiveran un prezo no mercado que permitira aos nosos labregos vivir desafogadamente e que os seus fillos puideran seguir explotando ese sector primario tan esencial para a economía da nosa nación. Galicia sen o rural perde una parte moi importante da súa identidade e non debemos permitilo, porque as patacas e o leite tampouco se fan nas fábricas, como diría Castelao.