Crónica da fusión, privatización e reparto de cargos entre o PP e o PSOE

Crónica da fusión, privatización e reparto de cargos entre o PP e o PSOE
En relación aos órganos de goberno, o luns coñeceuse a composición do novo Consello de Administración que dá ao traste coa democratización e profesionalización contemplada na Lei Galega de decembro

Os Consellos de Administración de Caixa Galicia e Caixanova aprobaron o pasado luns a fusión definitiva, que agora deberá ser ratificada polas Asembleas Xerais; está por ver que sexa unha Caixa. PSOE e PP manterán as súas forzas no novo Consello de Administración e a Xunta de Galicia modificará a Lei Galega de Caixas para dar entrada a capital privado na Caixa Galega.

No seu funcionamento, as Caixas de Aforros seméllanse cada vez máis aos bancos, as diferenzas hainas que buscar na súa propia natureza: nos bancos os beneficios repercuten as veces nos petos dos accionistas, nas caixas contribúen a fortalecer as reservas das entidades e retornan á sociedade a través da súa Obra Social.

A reforma da LORCA (Lei de órganos reguladores das Caixas de Aforros), pactada polos partidos defensores do modelo neoliberal, introduciu a posibilidade de emitir cotas participativas con dereitos políticos, é dicir accións, como unha das vías nas que avanza a nova lexislación para privatizar as entidades. Mariano Rajoy xa anunciou o apoio do PP á entrada de capital privado na nova entidade e a Xunta de Galicia xa traballa na modificación da norma galega para avanzar na privatización. Teremos unha nova entidade financeira, que sexa unha caixa está por ver.

Por outra banda o Parlamento Galego debaterá con carácter de urxencia unha transitoria pactada polo PP e PSOE que modificará de cheo a Lei Galega de Caixas aprobada no mes de decembro de 2009.

Durante meses a sociedade galega foi vítima dunha chantaxe pública: ou se garantía a continuidade dos actuais xestores e dos apoltronados nas cadeiras dos respectivos Consellos de Administración, ou non habería fusión. Feijoo cedeu, por interese partidista.

Dende antes do verano coñeciamos a continuidade das cúpulas directivas das entidades responsables da mala xestión que está a endurecer os efectos da crise en Galiza. As caixas teñen un 50% do mercado financeiro galego, a restrición de creto froito do seu sobre-endebedamento (deben devolver máis de 12.000 millóns de euros á banca estranxeira e ao BCE de aquí ao 2013) está a agravar os efectos da crise económica en Galiza. É certo que a crise é mundial, e que ten carácter estrutural, pero hai responsables con nomes e apelidos: a nivel galego os dirixentes das Caixas figuran como algúns dos máximos culpables.

A única ausencia na nova dirección será a de José Luis Méndez, que cumpre os 65 anos en setembro e que como empregado da Caixa debe xubilarse obrigatoriamente, xa que só o Director Xeral pode continuar máis alá dos 65 anos. Como Director Xeral non formaba parte dos órganos de goberno, nos que non  poderá entrar unha vez xubilado ao aprazarse a renovación. 

En relación aos órganos de goberno, o luns coñeceuse a composición do novo Consello de Administración que dá ao traste coa democratización e profesionalización  contemplada na Lei Galega de decembro. No Consello continuarán representantes de partidos e sindicatos favorables á privatización. O PSOE manterá intactos os representantes que conseguiu durante o bipartito, coa continuidade de Salvador Fernández Moreda e de Mar Barcón (que seguirá representando á Coral de Betanzos!!!), Clemente Orozco que continuará nun Consello Territorial. Menos mal que o PSOE defende a profesionalización das Caixas e a saída dos políticos dos órganos de goberno.

 O PP mantén as súas forzas, con alcaldes de pequenos pobos, estando previsto ademais que o ex-parlamentario e deputado Mauro Varela asuma, nada máis nin nada menos, que a Presidencia da entidade na segunda quenda.

Continuarán tamén no Consello Julio Fernández Gayoso, malia ter superado a idade obrigatoria de xubilación, un home de 78 anos que defende un ERE de extinción para os empregados e empregadas maiores de 55 anos. Como tamén seguirá o empresario Manuel Añón en representación da clientela. Este último caso é outra mostra da estrambótica composición dos Consellos de Administración deseñados polas propias caixas. Añón foi o primeiro é único empresario que adquiriu participacións da Corporación de Caixa Galicia (canto se terá arrepentido), como contrapartida a familia Méndez co visto bo de Emilio Touriño, deulle entrada no Consello de Administración da caixa en representación da clientela.

En definitiva, seguirán os malos xestores, nomeadamente unha fornada de novos dirixentes que substituíron nos últimos anos a persoas cunha longa traxectoria e que eran defensores dun modelo máis próximo ao tradicional das caixas. Seguirán tamén os órganos de goberno que deberían ter supervisado e controlado a arriscada xestión das entidades. Polo tanto, seguirán os cargos do PP-PSOE (incluída a representante da Coral de Betanzos) e por último a Xunta de Galicia prepara a saída a bolsa da nova Caixa de Aforros, iso si, previa reconversión que se levará por diante 900 empregos fixos e de calidade en Galiza. O "culebrón" das Caixas está a piques de rematar, cun final de telenovela e crónica rosa... é o que se leva.