Cen medidas

Hai alternativas ao actual proceso de derrubamento económico de Galiza

Ante a enorme agresión que se está a realizar contra as maiorías sociais do noso país, semella que só se pode opór resignación. Desemprego, destrución de sectores produtivos, economía en caída libre, menores ingresos para todos os segmentos de poboación alén dunha minoría privilexiada, maior pobreza. Está claro que teñen sometida á sociedade galega a unha falla de expectativas brutal. E a palabra de orde de quen así nos ten é que non se pode facer outra cousa, que non existen outras posibilidades de desenvolver políticas, que ninguén ergue alternativas. Mais esta só é unha grande mentira interesada, que, se sempre estivo presente, no momento actual lévase ao paroxismo para manter o control social e que non se lle dea a volta á situación.                            

A posición subalterna do noso país e a súa inserción periférica no Estado Español e na Unión Europea implican que padezamos con moita maior virulencia o actual momento de ataque neoliberal e de reorganización e fortalecemento do capital. E non só en maior medida se dá esta problemática, senón que a padecemos de xeito específico con cárregas adicionais, con condicionantes propios que están a pór en perigo -como en poucos momentos antes da nosa historia- a propia viabilidade como país e como sociedade humana. Mais, de contarmos con soberanía e de podermos xestionala a prol das maiorías sociais, a situación podería reverterse. E este proxecto só pode levalo adiante o nacionalismo galego.                                    
Nestas últimas semanas puidemos asistir a dous feitos que rachan a visión única de que non existe outra política económica que endereite o camiño de Galiza. Con dificuldades polo silenciamento interesado, estase a expór ante a nosa sociedade que pode haber esperanza dun futuro mellor, e de que existen propostas en positivo para poñer en práctica aquí e agora. Estou a me referir a senllas iniciativas do BNG e da CIG que visan construír unha alternativa económica para o noso país. Tense dado no tempo a coincidencia da campaña sindical de “Cen medidas para o medre económico e a creación de emprego” e as tamén cen propostas de resolución que o BNG achegou ao parlamento no último debate do Estado da Nación, moitas delas de carácter económico. Non foi procurada esta coincidencia no tempo, mais ambas amosan a necesidade de darlle alternativas á sociedade galega ante os ataques da dereita e do españolismo (en senso amplo ambos), e indican que o nacionalismo ten proxecto e respostas para este país.                              

De certo que cen medidas son moitas e unhas teñen maior impacto e calado ca outras, pero en conxunto abranguen case todos os ámbitos económicos de Galiza. Mais a simple enunciación de moitas delas contribúe a derrubar mitos e a cuestionar as bases do discurso pesimista e paralisante do poder. Creación dun grupo lácteo galego, control dos recursos pesqueiros e marisqueiros que han contar cun plano estratéxico para o seu desenvolvemento, auditoría da débeda ilexítima, estabelecemento dunha renda de garantía social, erguemento do veto ao noso sector naval, estabelecemento dun sistema galego de I+D+i, pulo do Banco de Terras, recuperación dun sistema fiscal progresivo, plano de industrialización, políticas activas de emprego para a mocidade,... En definitiva, case o contrario daquilo que se está a facer, ou que simplemente non se fai.

Poderiamos salientar, pola súa especial importancia, a urxente necesidade de contarmos cunha tarifa eléctrica propia, isto é, galega, ou a creación de institucións de crédito públicas. Ninguén poderá negar como estas dúas propostas serían transcendentais para operar un troco importantisimo de industrialización e desenvolvemento económico, de podermos aproveitar nós, de xeito racional, recursos que son os peares de calquera economía, como son a enerxía ou o aforro.

Tamén estas semanas se están a expor propostas na liña das reivindicacións xa formuladas con anterioridade polo nacionalismo, relacionadas coa creación de emprego nos servizos públicos, o cal alén do seu efecto sobre o aumento da poboación ocupada contribúe directamente á capacidade de garantir a todos os galegos e galegas unhas prestacións sanitarias, educativas e de servizos sociais de calidade. Mais esta defensa do público non se limita ao devandito. Faise precisa a creación dun Instituto Galego de Empresa Pública, que participe na creación de novos proxectos industriais en sectores estratéxicos, revertindo o proceso de privatizacións que se foi dando nas últimas décadas. Porque máis alá da propaganda neoliberal, as empresas públicas son eficientes e permitirían o control dos recursos do noso país e a xeración de riqueza para o conxunto da sociedade. No sector privado da economía sería fundamental o apoio ás iniciativas de carácter máis social, como poden ser as sociedades laborais e as cooperativas.                    

Outras medidas son a decidida promoción do consumo dos produtos e servizos galegos, o pulo á segunda transformación das nosas materias primas para rematar os ciclos produtivos na nosa terra e xerar valor engadido ou o apoio ás producións primarias extensivas e ecolóxicas e aos circuitos curtos de comercialización das mesmas. Unhas infraestruturas de transporte público colectivas nucleadas arredor dos camiños de ferro, a racionalización e complementariedade dos nosos portos e aeroportos son tamén importantes á hora de desenvolver de xeito harmónico e sustentábel a nosa economía.                  

De xeito transversal a defensa do dereito ao traballo de calidade non pode disociarse de todo o feixe de medidas citado denantes. Pero alén diso, reivindicacións como a xornada laboral de 35 horas como xeito de reparto do traballo, a eliminación das ETTs así como das subvencións á contratación indiscriminadas ou o potenciamento das políticas activas de emprego, son iniciativas que teñen un impacto importante no aumento da capacidade adquisitiva das rendas do traballo que, en consecuencia, implican un aumento do consumo e a reactivación económica.

Á mantenta están mesturadas as iniciativas concretas da CIG e do BNG, pois son coincidentes en moitos casos, e noutros perfectamente compatíbeis e complementares. Van todas elas no sentido de crear un desenvolvemento económico autocentrado e sustentábel, a prol do conxunto das clases populares agredidas, e poderíanse pór en marcha de contado de non situármonos nun estado centralista que nos nega o control da nosa propia vida e recursos. En calquera caso, son todas medidas transformadoras, dende xa, para trocar as estruturas económicas do país.

Só o nacionalismo pode darlle un futuro a Galiza. Ou temos soberanía para facer políticas para as maiorías sociais ou non haberá posibilidades de desenvolver Galiza economicamente, e daquela, tampouco social nin culturalmente.