Brindemos nas festas cos nosos viños

Brindemos nas festas cos nosos viños
O Ribeiro supera neste ano 2010 a produción castes autóctonas fronte a uva foránea Jerez despois de moitas décadas

Aproveitando a proximidade das festas do Nadal, e aínda recoñecendo a influencia tremenda da enchente de fluxo mediático-comercial que xa nos abafa, non é por iso que deixaremos de sinalar a oportunidade boa de aprofundar na cultura dos sentidos e sabores da nosa terra, e entre eles esta en lugar destacado os viños galegos, non apenas por "chauvinismo vitícola", que tamén, se non por coñecemento obxectivo do que o sector ten amosado nos últimos tempos.

Os viños galegos están elaborados en zonas situadas dentro da macro zona europea do que serían viños atlańticos, ou tamén de transición. Na Galiza a atlanticidade climática chega a mestúrarse en diferentes gradacións coas influencias mediterránicas nos vales interiores do país. Agás as nosas marcas históricas do Norte de Portugal (Região dos Vinhos Verdes) e do Bierzo non se atopan este contraste de influencias en ningunha outra  zona xeográfica de Europa [1].

Se combinamos a fisiografía extremadamente enrugada das nosas zonas vitícolas xunto coas múltiples castes comerciais nos dá como consecuencia a constelación dos viños galegos, ou sexa dos mil e un "terroir" [2]. Nisto tamén somos singulares xa que en relativamente pouca distancia as nosas DO adoptan diferentes monovarietais ou "coupage" (varias castes), non temos caído no engado dos viños AEC [3] que tanto inundan os estantes de moitas viñotecas por calquera recanto do planeta.

Xavier Castro escribía sobre o nacionalismo enolóxico, no seu libro "A rosa do viño", e que non deixaba de ser unha atinada síntese dos moitos orgullos que historicamente se afirmaban detrás de cada cunca, adega, taberna ou furancho. Só uns datos: O Ribeiro supera neste ano 2010 a produción castes autóctonas fronte a uva foránea Jerez despois de moitas, moitas décadas; Rías Baixas supera o 20% de cota da súa produción adicada á exportación; Monterrei segue a aumentar o número de adegas inscritas (xa son máis de 25) e suma; Valdeorras a pesares da crise mantén os prezos, sobre todo co grande tirón do Godello; Ribeira Sacra xa é unha sensación emerxente de numerosos críticos e coñecedores do sector a nível mundial.

Un persoeiro como Gerry Dawes afirmou da inmellorable perspectiva das elaboracións galegas, e que non se debería en ningún caso desviar ás propostas de uniformización ao estilo de Robert Parker [4] coa súa moda "excesiva" de madeira e concentración fenólica. A mensaxe é clara, apostar polo que temos aínda que sexa algo máis duro e difícil.  

Ao final un importante apunte antropolóxico, a estruturación parcelaria da propiedade, sendo tan dividida, fai que se acentúe por necesidade a diferenciación das elaboracións, o minifundio da lugar a unha miriada de posibilidades que non é posible en territorios de grandes propiedades. 

Nunha recente conferencia e cata comentada de Luís Paadín (Presidente da Asociación Galega de Sumilleres) se destacou o seguinte: "Non se elabora bos viños en todas partes", Galiza esta emparentada coas zonas atlánticas e septentrionais de Europa onde non é preciso engadir sistematicamente ácido tartárico para corrixir os viños, e máis, a diferencia destas últimas non precisa tampouco chaptalizar (engadir azucre externo), ou sexa que hai unha característica obxectiva que permite ter a posibilidade de múltiples balances de aromas e gustos que nos diferencian positivamente.

Só por poñer un exemplo comparativo, que non ten por que ser mala, unha afamada zona vitícola como a Rioxa que ten sobre 70.000 Has e embotella máis de 330 millóns de botellas ten sobre 360 adegas de DO, na Galiza con 10.000 Has e 50 millóns de botellas  ten máis de 500 adegas inscritas!

Remato, fagan escolla nas festas do Nadal dos nosos tintos, brancos, espumantes (que tamén os temos), tostados e licores; das 5 Denominacións de Orixe e das 3 Indicacións Xeográficas Protexidas e brindemos coa sensación de orgullo privilexiado de desfrutar o legado dos traballos e fatigas nas nosas viñas.

[1]   Aínda que nun recente estudio climático se apuntaba as semellanzas entre a zona do Ribeiro e a rexión italiana de Umbria.

[2]  Terroir, termo de orixe francesa que indica a específica singularidade dos viños procedentes dun terreo concreto en base a diferente xeoloxía, climatoloxía, castes e xeito de traballar. Non ten por agora unha boa tradución no galego, as propostas como "lugar" , "terruño" ou "pago" non resultan axeitadas por ser imprecisas de mais ou non ser propias da nosa terminoloxía histórica, é por iso que podemos adoptar o termo terroir que xa esta asentado internacionalmente.

[3]   Acrónimo do xogo de siglas en inglés "Always except Chardonnay ou Cabernet Sauvignon" (calquera menos o Chardonnay ou o Cabernet Sauvignon) e que responde a uniformización vitícola tan extendida por todo o mundo en base ao imperio das lóxicas comerciais globalizantes.

[4]   Entrevista a Gerry Dawes recollida no 12 de abril de 2009 na Voz de Galicia, "Aquí se pueden elaborar algunos de los mejores vinos del mundo, lo malo es que los gallegos todavía no se lo creen". Nesta entrevista se fai unha crítca a moda da "parkerización" que significa situar como criterio de calidade a elaboración de viños no gusto e "proveito" dalgún gurú ou prescriptor.