BNG e compromiso social

Desde Feixóo é Presidente incrementouse o desemprego en máis dun 20%

A dous días da Folga Xeral só apoiada polo BNG como organización política, no pleno do pasado 27 de setembro do concello de Vigo o BNG presentou  unha moción na que manifestaba a súa preocupación ante a situación laboral dos máis de 350 traballadores que participan na construcción do Túnel do AVE As Maceiriñas (Vigo).

No documento solicitábase a aprobación por parte da corporación dos seguintes acordos:1.-Instar ao Ministerio de Fomento información da situación dos traballadores despedidos e a recolocación de todos; 2.-Instar ao Ministerio de Fomento a que obrigue ás empresas adxudicatarias das obras a cumprir a normativa laboral vixente, así como a garantir as medidas de seguridade; 3.-Solicitar a presentación dun calendario cos prazos da execución do proxecto. Na explicación de motivos da moción o pleno foi informado da realización de quendas de ata 13 horas por parte dos traballadores do AVE en Vigo.

Por aquela datas coméntase nunha tertúlia da Cadena Ser os prolegómenos da Folga Xeral e se analizaba a historia do Movemento obreiro así como o papel dos sindicatos. Parece que había acordo en que a Revolución Industrial era o seu desencadeante. Salientaban que no ano 1830 aparecían as primeiras organizacións obreiras, fundamentalmente en Inglaterra, quen tiñan como unha das principais reivindicacións a loita pola redución da xornada de traballo. Comentaban a transformación da economía que pasaba do traballo manual á industria fabril, sendo o sector téxtil o precursor e onde se visualizaba claramente os cambios que trouxo consigo a Revolución industrial. Das consecuencias do proceso describían o éxodo masivo de labregos e labregas as cidades para traballar nas industrias, nacendo o proletariado urbano. Comentaban tamén a falta de espacio onde vivir e de hixiene, as xornadas de traballo de máis de 13 horas diarias, con salarios miserables. Concluían os tertulianos que afortunadamente en Europa , non era un problema a xornada laboral, e que teriamos que ir a Camboia, Tailandia, Corea, etc. para atopar xornadas laborais de 13 horas.

O Partido Popular e o PSOE coinciden coas conclusións dos tertulianos de Cadena Ser. No debate plenario onde se debatían as condicións laborais dos traballadores do AVE quedaron mudos, como se para eles fose imposíbel que esta realidade se dese aquí, na Galiza. Simplemente discutiron os prazos do proxecto. As condicións de precariedade dos traballadores non ía con eles. Porén non é estraña a súa posición contraria a respecto da  Folga Xeral. Preocúpanse máis dos beneficios da Banca. Sen ir máis lonxe, o Alcalde de Vigo, ante un problema laboral na Factoria Vulcano no que os traballadores  se pechaban para reivindicar á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Industria e Comercio: axuda para á continuidade e o futuro da Empresa e a intervención de PYMAR co fin de aprobar a viabilidade do estaleiro como así o demostra a súa carga de traballo e a súa competencia técnica, pois ben, o Alcalde di publicamente "que non se reúne cos traballadores nin fai xestións ante o Ministerio porque non o chamaron a él". Como pode un representante institucional ante un problema grave na súa cidade dicir que se nega a facer xestións e tomar iniciativas de solución porque o Comité de empresa non o chamou a él persoalmente!.

Para o PP e o PSOE non son prioritarias as reivindicacións das condicións laborais. Por iso propoñen que a crise a paguen os traballadores e traballadoras e aproveitan a situación para levar adiante reformas laborais que recortan  dereitos. Pero o que é aínda peor. Os dous partidos estatais queren negar a Galiza a capacidade de producir. Temos un goberno do PSOE no Estado que non atende as necesidade de Galiza, véxanse os Orzamentos 2011; o Decreto do Carbón que condena ao paro a case a totalidade da poboación de certas comarcas galegas.  Soportamos unha Xunta presidida por Feixoó quen demostra a súa completa inutilidade para facer fronte a crise. Dende que este señor é Presidente incrementouse o desemprego en máis dun 20%.

O BNG debe seguir traballando para que a sociedade siga participando masivamente nas mobilizacións que promovan políticas alternativas e que obrigen aos gobernos a correxiren as políticas antisociais. Lembremos que os Dereitos sociais sempre se conquistaron coa mobilización. Debe seguir tamén facendo  propostas e  alternativas en defensa da nosa economía productiva.