BANCARIZACIÓN DE NCG: A BANCA PÚBLICA COMO ALTERNATIVA

BANCARIZACIÓN DE NCG: A BANCA PÚBLICA COMO ALTERNATIVA

A virtual desaparición da caixa galega, non outra cousa é a súa transformación nun banco, responde a un deseño político concreto, a unha estratexia do bipartidismo estatal. A crise ten servido como coartada para un novo proceso de expansión do capital no ámbito do Estado, contra os intereses de Galiza e das súas clases populares. Conclúe así un longo percurso que comezou no Congreso coa aprobación do FROB pactada polo PP e polo PSOE, unha operación virada cara á bancarización, privatización e desterritorialización das caixas de aforro. Unha operación que obedecía a dúas lóxicas complementares. A do gran capital transnacionalizado, isto é, a de conquista de novas áreas de negocio. E a da política recentralizadora, isto é, a que responde á estratexia centralista de ir convertendo o autogoberno nun atrezzo puramente formal sen contidos materiais reais.

A bancarización de Nova Caixa Galiza constitúe a apropiación privada do maior patrimonio social acumulado polas galegas e os galegos en toda a idade moderna. Representa un golpe durísimo para a viabilidade do país como proxecto colectivo. Nova Caixa Galiza transfire para o banco resultante da súa privatización activos por valor de 68.228 millóns de euros. O que queda de caixa fica reducido a unha entidade residual que só xestionará, no mellor dos casos, 344 millóns de euros en concepto de obra social. O espolio do aforro galego apadríñao, para maior bochorno, precisamente quen debía exercer a tutelaxe sobre el, isto é, o Goberno galego e o seu presidente, quen xoga un triste papel de lacaio ao servizo do gran capital transnacional.

A GRAVE RESPONSABILIDADE DO GOBERNO GALEGO

A responsabilidade do Goberno galego é especialmente grave. Cedeu en todo momento o protagonismo aos mesmos directivos que levaron as caixas a unha situación crítica, precisamente por telas xestionado como se fosen bancos. Renunciou a formular unha batalla política contra o Goberno do Estado. E en ningún momento considerou a hipótese de empregar fondos públicos para recapitalizar a caixa resultante da fusión, de maneira que esta tivese sido menos vulnerábel ás xogadas especulativas dos mercados financeiros privados. É evidente que canto menos estivese exposta a caixa á necesidade de se capitalizar no sector privado, máis opcións tería habido de que NCG tivese sobrevivido como si aconteceu coas caixas basca e catalá. Mais o Goberno galego desatendeu os seus deberes en todo momento, fiouno todo a propaganda e findou por ser cómplice da privatización.

O aparato de propaganda preséntanos esta brutal desamortización de patrimonio público como unha operación benéfica e, alén do máis, galega, pois galego de nacemento é o executivo chamado a protagonizala. Confúndese aquí deliberadamente lugar de residencia con compromiso real con Galiza. O banco, banco será e axirá como tal, sen ningún tipo de tutelaxe pública. A única lóxica que o moverá será a do lucro inmediato. Non hai ningunha garantía de que os seus activos se movan para beneficiar a economía real. Como calquer banco privado, o banco resultante da privatización da caixa axirá na economía especulativa antes do que na produtiva. E axir na economía especulativa significa, nas condicións da globalización, drenar o capital -isto é, o aforro galego- cara fóra de Galiza, expatrialo. Poñelo ao servizo dunha nova burbulla, a financeira. Por que este banco vai ser distinto dos outros, dos que hoxe se dedican basicamente a especular coa débeda soberana no canto de apoiar os sectores produtivos? Esta é a pregunta que hoxe cabe facerse. Pregunta que o Goberno galego non se fai e que os meios de comunicación hexemónicos na Galiza, tampouco.

En realidade, a transformación de NCG nun banco é un enorme pelotazo para os que a perpetran. A caixa véndese a prezo de saldo. O financeiro que a vai dirixir, e que a vai controlar en primeira instancia, filtrou á prensa que será quen de reunir un capital de arredor de 600 millóns de euros. A falta de transparencia é absoluta. Non hai ningunha información oficial sobre a procedencia dese capital, embora todo apunte a que boa parte del virá de fundos especulativos norteamericanos. En calquer caso, que lóxica económica existe en que unha achega de apenas 600 millóns de euros valla para controlar un negocio bancario que manexa activos por valor de 68.338 millóns de euros? Esta é outra pregunta elemental que o poder político galego deixa sen resposta.

Coa bancarización o autogoberno de Galiza perde un dos seus contidos materiais básicos. A desaparición da caixa deixa o país sen o seu principal instrumento financeiro. Sobre o banco a Xunta non terá ningunha prerrogativa. Sobre a caixa si que a tiña, embora non a exercese. O potencial de dispormos dun sistema financeiro semipúblico ao servizo da nación -potencial que a Lei de Caixas que rexistou o BNG tencionaba desenvolver a tope- pérdese infelizmente sen que se albisque que o virá agora a reemprazar.

Importa preguntarse tamén quen son os responsábeis da devaluación da NCG, da súa xibarización. Como é posíbel que se vendese tan barato un xigante financeiro con 2,9 millóns de clientes? Os responsábeis son basicamente tres: a) o Estado e o bipartidismo, que -ao esixirlles criterios de rendibilidade superiores aos demandados polas directivas europeas- obrigaron ás caixas a acudir ao mercado de capitais privados, que loxicamente negociou á baixa; b) os directivos, que durante estes anos dirixiron as caixas como se fosen bancos e que as levaron a entramparse no negocio do tixolo e c) o Goberno galego, que tamén durante estes anos -e aquí inevitabelmente cumpre criticar a xestión da Consellaría de Economía do goberno bipartito- non cumpriron coa súa función de tutelaxe sobre o funcionamento da caixa.

DETERIORACIÓN DAS CONSTANTES VITAIS

A perda da caixa non é un episodio illado. Hai que inserilo nun proceso de grave deterioración das constantes vitais da nosa nación. Non é posíbel entendela se a desligarmos do esganamento dos sectores produtivos ou dos ataques á nosa identidade nacional e/ou lingüística. Galiza atravesa unha situación de "emerxencia nacional". Cousa distinta é que esa situación obxectiva sexa percibida dese xeito pola maioría social do noso país. Que non sexa así ten moito a ver con como o poder económico e político controla os medios de información e de creación de estados de opinión. Que se nos presente o que obxectivamente constitúe unha xogada típica dun tabeirón financeiro como un servizo patriótico é unha obra mestra de manipulación propagandística para maior gloria de intereses alleos a Galiza e ás súas maiorías sociais.

Así as cousas, non queda outra que reaxirmos e que colocarmos na axenda política a demanda dunha banca pública galega. Sen ela o aparato produtivo galego non terá futuro e a nosa economía ficará condenada a un longa estagnación, coas conseguintes secuelas sobre o emprego, a emigración e o estancamento demográfico. Precisamos unha banca pública galega como o esteo sobre o que apoiar un Novo Estatuto de Nación para Galiza, un poder político galego digno de tal nome e con capacidade para incidir na mellora das condicións materiais de existencia das galegas e dos galegos. Esa é a alternativa.