As Participacións Preferentes

As Participacións Preferentes
Salvan bancos a costa da cidadanía, pero tamén da clientela

No ano 2010 publicaba nesta mesma web un artigo no que recomendaba á clientela non mercar produtos complexos, avisando da comercialización de produtos no tramo minorista, pouco máis hai que engadir. Tal e como dicíamos daquela estas emisións tiñan como obxectivo incrementar a liquidez das entidades (cédulas hipotecarias) ou incrementar os "recursos propios" e polo tanto a solvencia a través da colocación de participacións preferentes.

O Goberno do Partido Popular mantén unha liña continuísta na reforma do sistema financeiro. Mentres se recortan dereitos sociais en nome da austeridade, continúan as axudas ao maltreito sector financeiro. A final de ano o BCE inxectou medio billón de euros aos bancos, Rajoy aprobou unha liña de avais por 100.000 millóns de euros dos que neste ano xa se facilitaron 41.000 millóns; aprobou incrementar o capital do FROB para incrementala emisión de débeda a favor das entidades ata os 150.000 millóns de euros. E o BCE acaba de regar o sistema financeiro con outra inxección doutos medios billóns de euros. Escandaloso. Quen recorta dereitos sociais, sanidade, ensino para salvar bancos, como non vai a permitir o corralito á clientela?

En todo caso as Participacións Preferentes que ata o de agora computaban como recursos propios, pasaran a ser computadas como débeda, de aí que agora sexan as entidades as máximas interesadas na recompra das mesmas. Non é menos certo que son esas mesmas entidades as que controlan o mercado secundario no que cotizan, polo que as entidades deciden desvalorizar á súa propia débeda. O engano continúa.

Sen dúbida é un problema social grave, a maior parte dos afectados/as pertencen as clases populares, traballadores/as, persoas xubiladas, parados/as. A saída a este problema só pode ser política, pero para iso fai falta vontade e hoxe os gobernos do PP non a teñen. Están cos banqueiros aos que da miles de millóns de euros, non coa maioría social.

Que pode facer unha persoa afectada pola mala colocación dun produto? En primeiro termo solicitar toda a información á entidade sobre as operacións realizadas; poden dirixirse ao Servizo de Atención aos Clientes; posteriormente a Consumo ou á CNMV, como paso previo a calquera reclamación xudicial. E ademais procurar unha solución colectiva, individualmente non hai nada que facer contra unha grande entidade, nin o enfrontamento cos traballadores/as da entidade facilitará as solucións.

Como en calquera outro colectivo entre os bancarios/as hai de todo, pero estamos ante un problema xeral e polo tanto a responsabilidade non é daquel traballador ou daquela traballadora. A comercialización de produtos complexos foi decidida polas Direccións, co visto bo do Banco de España e coa complicidade do goberno central e autonómico.

Os traballadores e traballadoras das entidades financeiras tamén sofren agresivas políticas comerciais, contra as que a CIG se ten mobilizado na maior parte das entidades. Con carácter xeral as direccións deciden que produtos se venden en cada campaña e a que clientes; a información e formación sobre os distintos produtos é deficiente, cando non tendenciosa; persoal administrativo, foi transformado en persoal comercial á brava, tendo que compatibilizar ambos traballos, o que é farto difícil; os despedimentos, ceses, traslados forman parte da vida diaria; esas agresivas políticas comerciais que a CNMV ten denunciado dun xeito morno, facilitaron a colocación (que non adquisición por parte da clientela) de todo tipo de produtos.

Por último lembrar ao compañeiro Bóveda, fundador da Caixa de Aforros de Pontevedra. O nacionalismo impulsou a creación das Caixas de Aforros para dar unha alternativa á clientela fronte a usura da banca privada. A súa obra foi lixada por catro pervertidos (que perverteron o sentido mesmo das Caixas) que marcharon cun retiro de dourado.