As mulleres alimentan o mundo

As mulleres alimentan o mundo
O pasado 25 e 26 de marzo celebrouse en Lalín un encontro internacional de mulleres

Labregas, gandeiras, mariscadoras, silvicultoras, cafecultoras e consumidoras de catro continentes xuntáronse para falar de cuestións comúns que lles afectan na súa vida cotiá. Como resultado de este punto de encontro unha chuvia de propostas, confirman que aínda hai futuro.

ENCONTRO ENTRE IGUAIS

Este encontro encádrase dentro dun proxecto impulsado por A Cova da Terra en consorcio con Amigos da Terra, Intermon Oxfam, Panxea e Taller de Solidaridad. Conta coa colaboración de Solidaridade Internacional e Axuda en Acción e pretende sensibilizar á sociedade galega sobre a importancia do papel da muller na alimentación do mundo, facendo especial fincapé nas mulleres do rural. Os eixos sobre os que xira o proxecto son o comercio xusto, o consumo responsable, a soberanía alimentaria e a igualdade de xénero.

O programa do encontro permitiu achegar a mulleres de distintos países (Sri Lanka, Cabo Verde, Nicaragua, Galiza) para darlle voz a problemas comúns, na procura de solucións conxuntas. No testemuño de Lidia, Clara, Eva, Armanda, Eranga, María e Teresa; púxose de manifesto a necesidade de visibilizar o traballo que millóns de mulleres desenvolven día a día a prol da comunidade.

O PAPEL DAS MULLERES NA ALIMENTACIÓN

Para alimentar á humanidade, as mulleres desenvolveron complexos mecanismos de produción, procesamento, distribución... resultante de coñecementos de múltiples materias. Ademais tiveron que enfrontarse ás relacións desiguais que resultan do traballo doméstico non retribuído, que prodiga gratuitamente coidados, incluso en situacións de extrema pobreza, xerando calidade de vida e permitindo o funcionamento social.

O 70% dos 1.200 millóns de persoas que viven na pobreza, son mulleres, a pesar de que elas son as principais produtoras de comida, as encargadas de traballar a terra, manter as sementes, colectar os froitos, conseguir a auga, etc. No mundo hai máis de 1.600 millóns de mulleres rurais (a maioría agricultoras) que representan máis dunha cuarta parte da poboación mundial. Son as produtoras dos principais cultivos básicos: arroz, trigo e millo que proporcionan ata o 90% dos alimentos da poboación empobrecida das zonas rurais.

Un 50% da produción mundial de alimentos recae nas mulleres, sendo tan só propietarias do 1% da terra do planeta e recibindo menos salario cos homes a igual traballo. As mulleres son as principais produtoras de alimentos, e contribúen entre o 70-80% dos alimentos do fogar na África subsahariana, o 65% en Asia e o 45% en América Latina.

As mulleres son, en moitos casos, vítimas e administradoras da pobreza e inflúen no 80% das decisións de compra primarias das unidades de consumo. No caso concreto das mulleres campesiñas do Sur, elas realizan o 95% do traballo doméstico, o 85% da elaboración e almacenamento de alimentos, o 70% da labranza, e o 60% de recolección, o 50% do coidado e crianza de animais, e o 30% do traballo de arado.

No noso país aínda que algunhas cousas foron mudando, reprodúcense as liñas mestras trazadas noutros lugares do planeta. A pesar das distancias, as problemáticas son comúns: dificultade para acceder ás terras, aos medios de produción, ao recoñecemento do seu papel como produtoras, á dignidade, á igualdade de salario polo mesmo traballo.

Propostas de futuro

A soberanía alimentaria demóstrase como a mellor alternativa para acabar coa fame no mundo. Trátase de devolver o control das políticas agrícolas e alimentos aos sectores populares, así coma o seu acceso á terra e aos bens comúns. Unha soberanía alimentaria que terá que ser profundamente feminista, recoñecendo o papel da muller como garante da alimentación a escala mundial e local. Todo isto apoiado nun consumo crítico e responsable e nun comercio que estea ao servizo das persoas tendo en conta valores éticos, sociais e ecolóxicos.

Entre as vías para acadar a xustiza xeracional, territorial e de xénero están:

- Priorizar a produción para o consumo interno. Aposta polos circuítos curtos de comercialización (mercados locais, venda directa, grupos de consumo) en base a uns hábitos de consumo que o fagan posible.
- A terra como base da alimentación e motor territorial do rural. O acceso á terra segue a ser unha das reivindicacións básicas xa que cada vez se dificulta máis o uso da terra para a produción de alimentos.
- Canles transparentes e áxiles de crédito e axudas que permitan poñer en marcha os proxectos de xestión e aproveitamento da terra impulsadas polas mulleres.
- Garantía de ingresos, a través dun mercado non especulativo. O prezo dos produtos agrícolas deber garantir uns ingresos que permitan vivir dignamente, polo que é necesario que os prezos cubran os custes e o traballo de produción.
- Políticas efectivas de protección social que permita ter as coberturas sanitarias e sociais no caso de enfermidade, maternidade e xubilación.
- Traballo a nivel colectivo que permita sumar esforzos e manter as relacións entre territorios e xeracións.

Das miñas avoas e a miña nai, aprendín a importancia do traballo diario, o coidado da terra, o coidado da familia, de valorar o que tes, do suma e segue... Elas amosáronme en primeira persoa, desde o seu traballo na horta, a importancia da muller nas nosas vidas cotiás. Na súa homenaxe e na de milleiros de mulleres coma elas, debemos avanzar no recoñecemento do seu papel invisible como coidadoras da vida.