A sanidade galega tamén cotiza en bolsa

A sanidade galega tamén cotiza en bolsa
Quizais non somos conscientes do que pode significar a entrada do capital privado no deseño e xestión das nosas infraestruturas e servizos sanitarios

Podería parecer un dos titulares do resumo de prensa semanal do grupo de dirección dunha multinacional farmacéutica. De momento, a prensa galega non publicou esa primeira plana, pero todas as medidas que está tomando o goberno do PP van no camiño de convertela en realidade. Como couza na madeira, o PP rela nos servizos públicos, día si e día tamén.

Se cadra hoxe aínda non somos capaces de ver o que pode significar a redución de investimentos destinados á sanidade pública nos orzamentos deste ano, pero comezan a estenderse os casos de centros médicos nos que os profesionais lles deben receitar aos pacientes vendas e esparadrapo, para que vaia por eles ás farmacias antes de lles faceren as curas, porque xa non dispoñen dese material no centro de saúde.

E ao mellor, aínda non somos conscientes do que pode significar a entrada do capital privado no deseño e xestión das nosas infraestruturas e servizos sanitarios. Nesa nova deriva política do goberno galego, que coloca o mercado como temón da economía, multiplicaremos a débeda pública co financiamento privado e axiña veremos como os centros de saúde que se constrúan se converten en verdadeiros centros comerciais, reclamo seguro dese desexado "nicho" do mercado. Nunha entrevista recente a Conselleira de Economía ofendíase cando a entrevistadora lle preguntaba polas "tendas" que se ían abrir nos baixos dos novos centros de saúde. Ela dicía que iso de chamarlles "tendas" non estaba ben e que xeraba confusión nos cidadáns. Afirmaba que serían "establecementos de carácter comercial" e puxo como exemplo unha cafetería, unha ortopedia... Pero por suposto, non negou que se pretendía instalar "tendas" tal e como lle indicaba a entrevistadora.

Esta mesma semana puidemos comprobar como se nos quería vender a través dos medios de comunicación como unha grandísima mellora en materia sanitaria que as listas de espera en determinadas especialidades se reducira un día!!! Polo visto, ese día as listas de espera, cotizaban á baixa. En listas de espera de meses e meses e aínda por riba con datos falseados. Todos e todas coñecemos e padecemos esa mecánica fraudulenta que converte unha operación nunha restra de consultas utilizada para maquillar os prazos. O obxectivo, así, non é a atención médica, senón a consecución dunhas simples estatísticas.

Na área sanitaria de Lugo, estamos a punto de inaugurar un novo hospital que seica vai ser o máis moderno de todo o país, cun edificio polo visto intelixente (?) e con tecnoloxía punta. Na nosa área sanitaria, as persoas que sofren un infarto non reciben a atención definida desde o punto de vista médico porque non contamos cos medios e infraestruturas precisas para o tratamento axeitado deste tipo de patoloxías. Case se pode chegar á conclusión de que se che dá un infarto é mellor que sexa forte e que te manden directamente para A Coruña, porque se quedas en Lugo, nin o actual nin o novo hospital contan coa tecnoloxía necesaria para determinado tipo de diagnoses e tratamentos cardiolóxicos.

Pensabamos que o novo hospital, tan intelixente e tan moderno, ía resolver este e outros gravísimos problemas de atención sanitaria. Mágoa que sexa máis intelixente o edificio que quen goberna na Xunta. Porque o PP decidiu que os veciños e veciñas de Lugo sigamos sen os servizos sanitarios públicos necesarios para o tratamento do cancro ou dos infartos.

Este novo hospital, construído sobre terreos públicos cedidos gratuitamente polos lucenses, polo concello de Lugo, quen tamén construíu os viais do entorno do edificio, coa chegada do PP ao goberno da Xunta, tamén comeza a cotizar en bolsa. Converte os terreos públicos do aparcadoiro do novo hospital nun negocio dun párking privado, e entre outras cousas, elimina as previsións dos servizos de hemodinámica e radioterapia e reduce a distribución de camas, que non se vai axustar ás necesidades da área de influencia do hospital.

Cando se gastan ducias de millóns para desenvolver unha infraestrutura coma esta, o normal é que sexa realmente para mellorar con respecto ao que temos hoxe. E é verdade que o novo edificio vai ser moi moderno, -non sabemos se vai ser tan práctico como din, iso xa o veremos-, pero é que ademais tería que mellorar as prestacións sanitarias que se nos ofrecen, porque en Lugo non temos só un problema de continente, tamén o temos de contido, e por iso temos que seguir desprazándonos a outras cidades para recibirmos determinada atención médica básica, cousa que a estas alturas é absolutamente inxustificábel.

Asistimos por parte do PP a unha campaña masiva que intenta inocularnos a vacina da redución de custes, e para lograren ese suposto obxectivo, que mellor maneira que poñer en marcha a apisoadora do liberalismo e meterlle as tesoiras aos investimentos públicos na sanidade, na educación, nos servizos sociais,... Recórtanse os fondos e privatízase todo o que susceptible de se privatizar, até o aparcadoiro do hospital.

Polo camiño que nos leva Feixóo e o PP, non nos debería estrañar que acabaramos vendo os nosos hospitais convertidos en auténticas sociedade anónimas e as súas accións no resumo diario das cotizacións do mercado de valores. Ou a nosa atención sanitaria nese denominado "mercado de futuros". A día de hoxe, despois de moitos anos e dunha continuada presión social, os lucenses imos contar cun novo hospital, pero grazas ao PP, coas mesmas prestacións e deficiencias sanitarias do vello.