A reforma das pensións

A pensión media da Seguridade Social en España acada os 905,94 euros mentres que en Galiza se sitúa nos 667,98, sendo a máis baixa do Estado

O pasado 27 de novembro o Presidente do Goberno reuniuse na Moncloa cos representantes das trinta empresas máis representativas da economía do Estado. O obxectivo desa reunión consistiu en "analizar a situación económica española para acelerar a súa recuperación". Entre os convocados e concorrentes estaban, claro está, os dirixentes das industrias enerxéticas e os da banca. Os primeiros destes xa recolleron os froitos dese conclave no correspondente consello de Ministros en que se acordou incrementar a factura da enerxía eléctrica de cada consumidor nun 9.8 %  oficial, que na realidade ascende a un 11.9 %. Os grandes banqueiros están tamén preparándose para repartirse o suculento botín que desde o Goberno se lles vai ofrecer en brillante bandexa: os aforros depositados nas Caixas en forma de privatización e mais o negocio, a medio prazo, dos fondos de pensións.

Mais, a este festín, programado desde o FMI e alentado directamente nas orellas do Goberno pola Chanceler alemá, Angela Merkel, e demais poderes fácticos da Unión Europea, engádense, como comparsas traidoras da clase traballadora, os sindicatos estatais CCOO e UGT. A última semana do mes de xaneiro ficará na Historia das derrotas sociais, e tamén na traxectoria persoal de cada un de nós, como aquela na que se consumou unha das perdas máis importantes das prestacións acadadas ao longo dos tempos polos traballadores. A idade legal de xubilación alóngase en dous anos; amplíase o período de 15 a 25 anos para estabelecer o cálculo da base reguladora en función da cal se fixarán as contías das pensións e increméntase tamén en varios anos o período de cotización para ter dereito no futuro á pensión máxima.

Nesa mesma semana en que se "negociaba" o recorte das pensións, o Instituto Nacional de Estatística corroboraba outra volta  que a pensión media da Seguridade Social en España acada os 905,94 euros mentres que en Galiza se sitúa nos 667,98, sendo a máis baixa do Estado. Con esta reforma, as pensións vanse reducir para todos os perceptores e, entre todos eles, as diferenzas vanse incrementar máis debido a que en determinados sectores, como sucede no agrario, os traballadores agardan para empezar a cotizar cando xa teñen percorrido parte da súa vida laboral para evitaren contribucións que non poden satisfacer debido aos seus reducidos ingresos. Por isto, a reforma que se vén de aprobar sanciona estes traballa­dores de forma dupla: aumenta o período de cotización para ter dereito a pensión e prolonga a vida laboral dous anos máis en que teñen que seguir tamén cotizando. ¿E que dicir da mocidade que soporta índices de desemprego superiores ao 40 % e que, de conseguilo, cando se insira no mundo laboral, non poderá endexamais completar o período de cotización para acadar a pensión máxima calculada xa desde unha moi reducida base reguladora derivada da precariedade laboral e dos períodos de inactividade a causa do desemprego?

Estes serán algúns dos efectos desta reforma:

1. Ao ampliarse o período para realizar o cálculo dos 15 anos actuais aos 25, reducirase a pensión de xubilación entre un 10% e un 20%.

2. Retrásase de forma xeneralizada a idade de xubilación aos 67 anos. A única excepción será para quen comece a traballar antes dos 26 anos e se manteña en actividade sen interrupcións, pois será preciso chegar aos 65 anos con 38,5 cotizados para salvarse desta reforma.

3. Para cobrar o 100% da pensión aos 67 anos precísase dispor de 37 anos cotizados, en lugar dos 35 actuais.

4. Suprímese a xubilación anticipada aos 61 e 62 anos. A partir de agora, mesmo estando en situación de desemprego, non será posible adiantar a xubilación até os 63 anos.

5. Xérase máis desemprego e precariedade. Retrasando en dous anos a idade de xubilación, existirán menos postos de traballo para os desempregados.

Goberno, patronal, poderes financeiros e sindicatos estatais pretenden convencernos de que estas medidas son necesarias para salvar o actual sistema público de pensións malia gozar este na actualidade dun elevado superávit. ¿Onde reside, xa que logo, a finalidade verdadeira desta reforma das pensións? Unha vez máis, en contentar os intereses da Banca. Coa redución das pensión públicas vai implícita na sociedade a necesidade de ter que completar as futuras percepcións coa subscrición, xa desde agora, de plans privados de pensións coas entidades financeiras. Plans de pensións enganosos, pois os rendementos que se ofrecen á hora do seu rescate son máis reducidos aínda que os depósitos ordinarios dos aforros. O seu incentivo reside tan só nas desgravacións fiscais que van aparelladas ás cantidades que en cada exercicio fiscal realicen os impositores. Ninguén subscribiría hoxe un fondo de pensións privado se non fose pola desgravación fiscal que o acompaña. Mais estas desgravacións constitúen un dos factores máis inxustos e regresivos que presenta o actual sistema fiscal, pois benefician exclusivamente as rendas máis altas, que son as que poden investir cantidades elevadas en fondos de aforro. Denomínanse enganosamente "fondos de pensións" só para poder xustificar mellor que o Estado estabeleza desgravacións para apoialos, porque sen elas a ninguén lle interesaría subscribilos e os bancos non poderían facer o negocio inmenso que realizan.

Xa sabemos quen sairá gañando de verdade con esta reforma das pensións.